O dispositivo que detecta a artrose… mesmo antes de que apareza
Ás articulacións pásalles coma ao resto do corpo, que envellecen. A idade é o principal factor de risco da artrose, unha enfermidade incapacitante cada vez máis frecuente porque tamén a obesidade e a práctica intensiva de deporte inflúen na súa aparición. É crónica e só a detección precoz axuda a frear a súa progresión. O Instituto de Investigación Biomédica da Coruña creou un innovador sistema de diagnóstico capaz tamén de predicir quen pode desenvolver a patoloxía.
Moi parecido na cabeza a un crocodilo, corpo similar a unha balea e con catro potentes aletas que facían del un perigosísimo depredador na auga. O exemplar de pliosaurio de oito metros exhibido no Museo de Bristol, no Reino Unido, tíñao todo para deixar coa boca aberta aos visitantes. Judyth Sassoon quedou abraiada. Tanto, que decidiu estudar cada milímetro do corpo do réptil. A investigadora descubriu unha morea de marcas no maxilar inferior que o animal se provocara a si mesmo cos seus dentes de 20 centímetros por un desprazamento anormal da mandíbula. Foi un accidente? A loita contra outro poderoso habitante do Xurásico? Non. Simplemente era un pliosaurio de idade avanzada cunha enfermidade dexenerativa nas articulacións.
Por enésima vez quedou demostrado que as patoloxías reumáticas son máis antigas que a humanidade. A artrose é unha das máis frecuentes e a súa incidencia non para de aumentar. Afecta a máis de sete millóns de persoas en España, o dobre que nos anos 90. Non ten cura nin tampouco se coñece que a provoca, pero si se sabe que a idade, a obesidade e os sobreesforzos físicos son factores de risco na destrución da cartilaxe nas articulacións.
“Cada vez vivimos máis anos, aumentan os problemas de peso e a xente practica deporte de forma intensa, por iso a prevalencia está a crecer tanto”, explica o doutor Francisco Blanco, director científico do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic). Do seu grupo de Proteómica saíu un pioneiro dispositivo para diagnosticar a enfermidade e mesmo adiantarse á súa aparición. O programa Ignicia, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié–, permitiu que este predictor da artrose sexa práctico e alcanzable para calquera centro de saúde. “Doutra maneira só podería realizarse en hospitais ou instalacións sanitarias con equipos especializados e caros”, valora o tamén coordinador do grupo de Investigación en Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).
O problema do diagnóstico
Ademais da dor e do resto de síntomas sufridos polo paciente, como a rixidez e as dificultades de movemento, a artrose diagnostícase principalmente cunha radiografía. Trátase dunha técnica moi específica. Se hai dano na articulación, resulta moi fácil identificar a enfermidade. O problema é que tamén é pouco sensible. Cando a artrose é visible na placa, entre o 20% e o 30% do tecido está xa destruído. “Perdemos un tempo precioso para actuar e frear a progresión da doenza”, indica Francisco Blanco.
O Innibic leva dúas décadas investigando como se orixina e se vai comportando a artrose. Así puideron dar con varios indicadores biolóxicos que alertan de que a patoloxía está xa aí ou axudan a predicir quen ten máis posibilidades de sufrir a doenza.
No primeiro grupo están os biomarcadores de proteínas. Como sucede, por exemplo, co corazón durante un infarto, o tecido afectado pola artrose libera unha serie de moléculas e a súa presenza crece no sangue. O outro tipo de indicadores atopados polos investigadores do Inibic proceden do corazón das células, das mitocondrias. Con eles é posible localizar alteracións xenéticas e a predisposición dunha persoa a padecer a artrose.
Análise rutineira
O descubrimento marcou un antes e un despois no grupo liderado polo doutor Blanco, que patentou os biomarcadores, capaces mesmo de distinguir a artrose doutras patoloxías nas articulacións. O problema era que o uso dos indicadores requiría equipos tecnolóxicos moi sofisticados, caros e manexables só por persoal preparado. “Queriamos que fosen útiles pensando nunha enfermidade cada vez máis frecuente e había que buscar un método máis sinxelo”, lembra.
Co apoio do Ignicia, orientado a abrir o camiño ao mercado dos proxectos de investigación galegos, creando novas empresas, patentes e empregos de alta cualificación, o sistema de medición realizado ata ese momento coa complicada técnica da espectrometría de masas pasou á metodoloxía usada en probas tan habituais como o control do colesterol, a glucemia ou o ácido úrico a través dunha rutineira analítica de sangue.
O dispositivo validou os seus resultados coas historias clínicas de 1300 pacientes de artroses acumuladas no CHUAC e comprobou a súa eficacia para adiantarse á enfermidade grazas ás mostras concedidas pola Axencia Americana de Saúde, que dispón dun banco de datos con información de enfermos antes de desenvolver a artrose.
O seguinte paso
“Ademais de adiantar e mellorar o diagnóstico reducindo as radiografías, outro aspecto fundamental é saber de antemán a progresión da enfermidade. Se cadra vai lenta e estabilízase ou avanza rápida e con este instrumento podemos calcular se en catro, oito ou dez anos teremos que poñer unha prótese”, explica Francisco Blanco.
O grupo de investigación busca nestes momentos unha empresa interesada na comercialización do dispositivo. “O ideal despois sería convertelo nun produto de venda en farmacias que avise da enfermidade cunha simple pinga de sangue”, apunta o doutor Blanco.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS