O pastor máis intelixente para a gandería 4.0
Elio, Óscar e Daniel eran tres estudantes universitarios cando en 2018 se obsesionaron con poñer a tecnoloxía ao servizo das granxas para dar un respiro aos gandeiros e mellorar a produción. A piques de saír ao mercado, iTechTerm monitoriza os movementos das vacas para alertar de posibles incidencias. Hai xa clientes esperando en Indonesia e países Latinoamericanos.
O bo sabor de boca da ración de ostras que Juan Rof Codina comeu o mesmo día da súa chegada a Vigo en 1898 tras quedar terceiro nas oposicións ao Corpo de Veterinaria Militar durou pouquísimo. Tan forte foi a indisposición que o funcionario de orixe catalá tivo que abandonar a cidade e recluírse na sede central do seu rexemento en Lugo. Nos paseos polo novo destino estrañouse da alta mortalidade do gando por supostas enfermidades das que nunca escoitara falar. Non atopou rastro do “mal do sangue dos mulares” ou “a nacida” nunha revisión a fondo das publicacións científicas. Un día, segundo conta o seu biógrafo, Carlos Ruiz Martínez, apareceu un mozo no cuartel para pedirlle axuda porque a vaca da familia morría por mor da “nacida”. Recoñeceu o animal, tomou mostras de sangue e chegou rápido ao verdadeiro diagnóstico: carbunco bacteriano.
A primeira decisión de Rof Codina foi ir á redacción do xornal “La Idea Moderna” para escribir sobre o seu descubrimento e as investigacións do tratamento para o carbunco do coñecido químico e bacteriólogo francés Louis Pasteur. Entre o fervor pola divulgación e interminables roteiros a cabalo, o que se convertería nun dos pais da veterinaria moderna en España conseguiu popularizar a vacina entre os cortellos de Monterroso, Portomarín e Friol.
“Aínda hoxe ata o 54% das vacas que enferman morren porque non chegamos a tempo”, conta Elio López, un xove veterinario criado entre o gando da súa familia, vendo como o seu pai non puido permitirse nin un día de vacacións en 50 anos. Entre intre e intre de repaso de apuntes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo da Universidade de Santiago (USC), López ideou en 2018 man a man co seu compañeiro de estudos, Óscar Guash, e o seu tamén amigo e informático, Daniel Pardo, un innovador sistema de monitorización das vacas grazas á intelixencia artificial. iTechTerm, que espertou xa a curiosidade de grandes explotacións de Indonesia e Latinoamérica, foi seleccionada na sexta edición de ViaGalicia, a aceleradora de empresas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e a Zona Franca de Vigo. “O labor dos mentores é enriquecedora porque dá outra visión da empresa –explica–. Fan que reformules o teu modelo de negocio para unha mellor planificación e asegurar a viabilidade”.
Probas en Silicon Valley
A fonte de información do dispositivo é a temperatura corporal. Mídese permanentemente a través dun microchip subcutáneo colocado no animal. “É un dos primeiros parámetros que se modifica cando existe calquera proceso patolóxico e resulta fundamental para unha detección precoz”, explica o emprendedor e CEO de Innogando, a empresa recentemente creada para a comercialización. Co premio ao proxecto no programa Explorer Space do Banco Santander
, os fundadores lograron unha viaxe a Silicon Valley que, ademais do contacto con outras start-ups e empresas tecnolóxicas, lles permitiu coñecer as rutinas en grandes explotacións con miles de vacas.
Á volta decidiron darlle unha volta ás capacidades de iTechTerm, pensando no control de movementos ata converter o dispositivo nun auténtico pastor 4.0. “Agora somos capaces de definir todo o que fai –conta López–. Sabemos o tempo que camiña, o que descansa, come ou rumia e mesmo se hai algún axente externo que a faga correr”. Para conseguilo, dotaron o microchip cun xeolocalizador que se alimenta de enerxía cunha pequena placa solar no colar da vaca.
O dispositivo que rexistra todo
Os datos da mobilidade chegan a un sistema informático onde se analizan con algoritmos de intelixencia artificial. “A través dos movementos, se unha vaca non para de levantarse e tombarse, somos capaces de saber que o parto está próximo e o gandeiro recibe unha alerta para que poida prestarlle atención por se hai un problema”, indica López. “Outro exemplo son os celos –continúa–, detectables cando o animal anda moito máis”.
Xunto coa dose de tranquilidade e o respiro para o responsable dunha explotación, iTechTerm pode axudar a mellorar a rendibilidade do negocio. “Sabemos que o blockchain está á orde do día”, recorda Elio López, en referencia á cada vez máis popular tecnoloxía para a transferencia de datos codificados sen intermediarios, presente no sector alimentario para reforzar a información sobre a trazabilidade dos produtos. “Todo o mundo quere saber como é a produción –di– e cos nosos dispositivos pódese demostrar o benestar ou non do animal e transmitirllo ao consumidor”.
En expansión
Aquela idea de tres amigos para alixeirar e mellorar a xestión gandeira é hoxe unha empresa con seis traballadores a tempo completo e tres colaboradores. Innogando ultima as probas de campo do dispositivo. Está previsto comercializalo a partir do outono. A primeira versión céntrase na supervisión de movementos e máis adiante incorporarán a medición da temperatura. “En países latinoamericanos xerou moito interese porque o roubo de gando é unha das razóns principais de perdas nas granxas”, apunta o CEO da empresa con sede en Abadín (Lugo).
Máis preto, aquí en Galicia, unha trintena de cooperativas traballa con outro servizo que a empresa acaba de estrear. Chámase Eliter e é unha ferramenta informática de certificación de calidade para revalorizar os tenreiros de recría. Un código QR garda toda a información dispoñible dos lactantes. “Eu teño un cebadeiro e cando vou comprar un tenreiro á feira non sei se estivo en boas condicións, se está libre de enfermidades, se tomou correctamente o calostro para garantir as defensas… –relata Elio López–. A aplicación garante eses datos para diferenciar os de maior calidade e elevar os ingresos”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS