Unha bodega 4.0 para atraer novas xeracións á viticultura
«Grazas á innovación podemos facer o seguimento do viñedo desde o sofá da casa».
Os viños de Viña Costeira entran pola boca e polos ollos. Primeiro foi un longo proceso de recuperación das variedades autóctonas do Ribeiro para volver a un produto de calidade. Agora, a cooperativa viste de gala as súas botellas para poñer en valor o traballo dun sector que se quere converter nunha opción laboral atractiva para os mozos e mozas mediante a dixitalización e a innovación comercial.
A praga de filoxera que no último terzo do século XIX devastou os viñedos europeos entrou en Galicia polo río Támega. Diminuto, de entre 0,3 e 3 milímetros, pero matón, pola rápida reprodución e os fungos e bacterias mortíferos que se coan nas picaduras, o insecto estendeuse pola zona da actual Denominación de Orixe do Ribeiro, a máis antiga da comunidade autónoma. O viño era naquel momento un alimento. A calidade non era unha prioridade e os viticultores cultivaron palomino, unha variedade típica do sur de España e máis produtiva, para superar o desastre.
Un dos primeiros grandes proxectos de Viña Costeira para recuperar a rendibilidade do Ribeiro foi rescatar as especies autóctonas, como treixadura, loureiro ou albariño. “Mesmo de forma gratuíta, enxertando os antigos viñedos dos socios e, de paso, aproveitando dereitos de plantación que se ían perder cunha xestión máis profesional”, conta Andrés Rodríguez, presidente da cooperativa creada en 1968 co obxectivo de “comercializar con valor engadido as colleitas dos socios e que teñan as mellores condicións de vida posibles a través da viticultura”.
Calidade e unha marca forte
Os máis de 450 cooperativistas da adega deciden de forma asemblearia o futuro da empresa. O prezo da uva é importante, pero non suficiente. Dabondo son coñecidos os obstáculos da orografía “en Galicia en xeral e no Ribeiro en particular” para o sector. “Temos leiras pequenas cunha uva fantástica desde hai séculos, pero difíciles de mecanizar e moi custosas de manter –di Rodríguez–. Se queremos transmitir ese traballo ao produto, debemos comunicalo desde todos os ámbitos”.
O departamento de márketing “rompe a cabeza” para facer as cousas diferentes. Viña Costeira colaborou con pintores galegos para a ilustración das botellas, onde os elementos da cultura e a paisaxe se mesturan co packaging máis moderno. Nos últimos tres anos fixo un restyling completo da marca. Todos os departamentos, desde viticultura a dirección, forman a comisión de innovación multidisciplinar “onde analizamos as tendencias do mercado internacional. Sacamos unha categoría nova de viños de leira e novas elaboracións máis pequenas e coidadas en busca de novos nichos de negocio que están a funcionar moi ben”, asegura o CEO.
Os viñedos a golpe de clic
Desde 2010, a bodega ten en marcha un proxecto de I+D con estacións meteorolóxicas para obter datos de xeometría ou humidade. Con esa información, o equipo técnico é capaz de tomar mellores decisións sobre os tratamentos, algo fundamental na súa travesía para a certificación de produción ecolóxica.
Nunha alianza con máis bodegas galegas, desenvolveu unha aplicación que permite levar a contabilidade analítica do viñedo. Valorar cantas horas de traballo se acumulan “para construír o custo de produción da uva. Chámolle a banca electrónica do socio –sinala Andrés Rodríguez– porque pode coñecer os datos históricos das colleitas e, a maiores, dispoñerá tamén dun servizo de alertas sobre os riscos sanitarios dos viñedos”.
Máis competitivos coa dixitalización
O embotellado é o último paso dunha cadea na que as perdas de produto supoñen un auténtico problema para as contas. “Dos custos máis elevados nas adegas”, resalta o responsable de Viña Costeira, unha das integrantes do consorcio seleccionado pola Axencia Galega de Innovación no programa Conecta Hubs, cofinanciado con fondos Feder, para o deseño dun tapón dixital que identifique de onde veñen as diminucións de viño.
No proxecto tamén participan Nova Industria Galega, Indominus e Sparks, Circuits and Robotics. Hai moitas esperanzas postas nos resultados para “un sector que está moi pouco dixitalizado”, segundo Andrés Rodríguez. “Somos unha empresa pequena, pero nos últimos catro ou cinco anos fixemos un grande esforzo de recursos humanos e financeiros porque a nosa actividade non pode ser unha excepción na dixitalización –recoñece–. Isto tamén nos axuda a dar oportunidades á xente nova que empezou noutras áreas da bodega, pero teñen formación cualificada”.
Por que innovar?
A comisión de innovación de Viña Costeira reúnese unha vez ao mes. “Isto non vai de atoparse no corredor e comentar algo que che chamou a atención, hai que darlle visibilidade e dotación orzamentaria”, defende o seu CEO. Nun mercado global que multiplica a competencia, “en todos os sectores as marxes son cada vez máis estreitas e, ou te diferencias, ou desapareces”.
“Se cadra soa forte, pero a nós permitiunos sobrevivir”, insiste Andrés Rodríguez. A bodega pasou de sacar sete millóns de botellas nos seus mellores tempos a saír adiante “con menos da metade”. De aí a súa aposta por reinventarse, ampliar produtos e buscar novos nichos de mercado. “Necesitamos máis terra, máis viticultores, máis profesionais… –destaca–. Que a viticultura sexa atractiva e que a xente queira dedicarse a isto. Xa non hai que traballar cunha mochila ao ombreiro durante catorce horas ao día porque, precisamente grazas á innovación, agora mesmo é posible facer o seguimento do viñedo desde o sofá da casa”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS