Os vehículos máis eficientes para o ARN mensaxeiro
A tecnoloxía de TraffikGene permite que este tipo de terapias con ácidos nucleicos se poidan administrar de maneira eficiente e segura, desenvolvendo novas moléculas (vehículos) que non xeren unha resposta adversa no noso corpo aínda que se utilicen de maneira repetida.
A epidemia da COVID-19 demostrou que os medicamentos baseados en ARN teñen a capacidade de revolucionar a medicina tal e como a coñeciamos. Agora, un proxecto de investigación galego afonda nesta tecnoloxía para mellorar o transporte dos ácidos nucleicos a través de novas moléculas que funcionarán como vehículos para potenciais aplicacións terapéuticas.
Trátase de TraffikGene, que ten a súa orixe nun grupo de investigación liderado por Javier Montenegro no CiQUS da USC. No transcurso dese proxecto, descubriron unha serie de moléculas que eran capaces de introducir material xenético no interior de diferentes células de maneira eficiente e que presentaban moi pouca toxicidade. Ao realizar estudos comparativos en células cun sistema de entrega comercial moi utilizado para levar a cabo esta tarefa, resultou que en moitas condicións experimentais as súas novas moléculas eran máis eficientes que a referencia. Grazas ao apoio do Programa Ignicia, promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, e do Consello Europeo de Innovación (EIC), o equipo de TraffikGene traballa co obxectivo de comercializar a súa tecnoloxía a través dunha spin off no último trimestre de 2024 ou 2025. “O noso é un reto diferente e tremendamente complexo cuns obxectivos moi ambiciosos e arriscados, pero tamén cun alto potencial”, sinala o profesor Montenegro.
Co obxectivo da comercialización, explica, xurdiron novos retos: “Supón aumentar o tempo de chegada ao mercado, debido a que existen maiores barreiras no plano regulatorio e de validación técnica, pero permite maximizar o potencial da tecnoloxía en termos de impacto, tanto económico como social”. Neste momento, estanse levando a cabo esas validacións a nivel técnico, madurando máis se cabe a tecnoloxía e demostrando a súa versatilidade, eficacia e seguridade en estudos preclínicos onde se combinan ARNs terapéuticos coas moléculas transportadoras. En paralelo, tamén se están a implantar procesos que permitan garantir que a manufactura da tecnoloxía é compatible cos requirimentos industriais e a protección dos activos no campo da propiedade intelectual; e establecendo contactos con potenciais socios industriais e investidores.
Novos retos para mellorar a vida das persoas
O uso de medicinas de ARN, sobre todo de ARN mensaxeiro, presenta certos retos sen resolver na actualidade, especialmente relacionados con como se transporta ata o interior das células do noso corpo, onde deben actuar. A tecnoloxía de TraffikGene permite que este tipo de terapias con ácidos nucleicos se poidan administrar de maneira eficiente e segura, desenvolvendo novas moléculas (vehículos) que non xeren unha resposta adversa no noso corpo aínda que se utilicen de maneira repetida. Ademais, traballan nunha biblioteca de moléculas deseñadas á carta para chegar de maneira selectiva a diferentes órganos ou tecidos tras a súa administración sistémica, o que favorecería novas terapias dirixidas a órganos que agora mesmo son inaccesibles e a un maior número de doentes sen tratamento.
Un apoio fundamental
Javier Montenegro destaca a importancia do Programa Ignicia para o desenvolvemento do proxecto e para continuar cun esforzo investigador moi esixente: “O Programa Ignicia permitiunos avanzar da man de expertos internacionais na área de desenvolvemento de negocio, regulatoria ou propiedade intelectual, así como outros profesionais do campo biotecnolóxico que puidemos incorporar ao equipo para reforzar as áreas onde existían necesidades non cubertas”. Así mesmo, parte do financiamento destinouse á adquisición de equipos e material indispensable, especialmente nos ensaios pre clínicos que están a levar a cabo no CEBEGA. Montenegro destaca tamén o apoio do programa de formación asociado ao Programa Ignicia, que fixo posible formar ao equipo promotor en aspectos financeiros ou legais do proceso de constitución de spin-offs desde o ámbito académico. Por outra banda, TraffikGene tamén recibiu o respaldo do Consello Europeo de Innovación a través dun proxecto EIC: Transition, dotado con 2,5M de euros para os próximos tres anos.
O equipo inicial de TraffikGene, composto polo profesor Javier Montenegro e os estudantes postdoutorais Marisa Juanes, Irene Lostalé-Seijo e Alberto Fuertes foi reforzado por diversos perfís complementarios, resaltando especificamente ao Dr. Mark Mayhew, que lidera a planificación estratéxica e de desenvolvemento de negocio, cuxa contratación era un dos fitos clave no seu plan de traballo no marco do Programa Ignicia, ademais de catro investigadores de perfil técnico: expertos en metodoloxías in vivo, in vitro, síntese química e xestión de proxectos.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS