Dámosche a benvida ao hotel máis comprometido coa túa saúde
Calquera negocio ten o reto en plena pandemia de ser seguro e, ademais, que os seus clientes o perciban así. Especialmente aqueles con movemento de persoas como os hoteis. Tattoo, unha das grandes referencias do sector contract en Galicia, desenvolveu unha innovadora cabina desinfectante de equipaxe para facilitar o check-in e axudar a reforzar a boa imaxe do sector.
O obituario de Isaiah Rogers publicado no Cincinnati Daily Times lembraba que probablemente non había naquel momento “un arquitecto máis popular nos EEUU”. Moitos particulares copiaron nas súas casas a cuberta antirroubo que deseñou para as catro bóvedas do edificio do Tesouro do país en 1864, cun sistema de bólas de ferro fundido en cubículos que, ao entrar en contacto cun trade ou outra ferramenta punzante, se movían para impedir a perforación da superficie. Foi o broche de ouro a unha carreira brillante na obra pública despois de revolucionar o negocio da hospedaxe.
Rogers asinou o deseño do primeiro hotel moderno da historia. Inaugurado en 1829, o Tremont House de Boston tardou moi pouco en facer unha boa carteira de clientes grazas ao lema “habitación e baño por un dólar e medio”. Máis que o prezo, o atractivo da oferta era a posibilidade de aloxarse nun cuarto con baño privado. Algo inédito ata entón. Todo o persoal estaba uniformado e contratado a tempo completo. Os visitantes recibían en recepción unha pastilla de xabón e unha xerra de auga. Pompa e boato naquela época, a xogo coas impoñentes catro columnas dóricas da entrada que durante moitas décadas outros hoteis imitaron como símbolo de alto standing.
Nunha desas iconas dos hoteis de luxo fixouse Tattoo Contract para poñer o seu gran de area na loita contra o coronavirus e apoiar un dos sectores cos que máis traballa. “Non somos unha téxtil para fabricar máscaras, nin industria do cristal para sacar pantallas –conta Pablo García-Bodaño, conselleiro delegado da compañía galega de contract–. Pero cos nosos materiais innovadores e a capacidade de impresión dixital pensamos: por que non facemos un moble como os carriños das maletas e portatraxes dos hoteis de 4 e 5 estrelas para desinfectar a equipaxe?”. E así foi. A cabina anti-covid de Tattoo para facilitar o check-in seguro está xa no mercado tras pasar por Connect-19, a aceleradora especializada en comercialización de solucións contra as consecuencias da pandemia que impulsan a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e a Tecnópole.
Tres minutos
Cun deseño moi orgánico realizado en colaboración co estudio creativo Venture Experience, o dispositivo só necesita tres minutos para limpar as maletas mediante un baño de vapor frío cun peróxido desinfectante. A equipaxe non se molla. O escaparate de cristal permite seguir todo o proceso e a estrutura está fabricada con materiais habituais de Tattoo (solid surface, composite de aluminio e DM revestido con PVC), dispoñibles en cores diferentes para adaptar a cabina ao estilo do establecemento. Conta, ademais, cun medidor de temperatura corporal e unha pantalla que informa dos voos.
“É unha forma de axudar tamén a reforzar a imaxe de seguridade dun sector que o está pasando mal. Que entres nun hotel e teñas a sensación de que se preocupan pola saúde”, apunta García-Bodaño. Tattoo usará esta mesma idea para un armario de desinfección nas tendas de roupa e para un módulo de fogar destinado á limpeza de paquetería polo auxe do comercio eléctronico, no que, precisamente, a empresa acaba de estrearse coa cabina e con outros produtos. “A xente pode comprender mellor que é, por exemplo, a nosa pedra natural alixeirada se ven unha mesa con ela e como a moven dúas persoas”, di o CEO.
Sinerxías e cooperación
Tattoo está afeita a redecorar os malos momentos. Naceu, de feito, na anterior crise económica. Cando a compañía de contract na que levaba a división hoteleira pechou hai dez anos, Pablo García-Bodaño decidiu seguir adiante co seu concepto do sector como unha suma de colaboracións e sinerxías entre empresas complementarias. “Non tiña a capacidade económica para dispoñer dunha industria de equipamento enorme detrás, pero tampouco quería iso porque por experiencias pasadas sabía que os proxectos e as industrias necesarias van cambiando”, afirma.
Entre a situación da economía en España e que non quería competir cos proxectos emprendidos por antigos compañeiros, o fundador de Tattoo cruzou a fronteira. O éxito do proxecto dun hotel da cadea Sheraton en Qatar e varias obras máis na zona convertéronse na mellor tarxeta de visita para conseguir traballo aquí e convencer os fabricantes das vantaxes de aliarse.
Motor de competitividade
Nun dos últimos encargos, un hotel na República Dominicana, Tattoo manexou máis de 10.000 referencias. Necesitáronse 100 contedores para exportar o material. A empresa fai realidade cada detalle soñado por un arquitecto. “Somos onde aterran as ideas. Desde unha lámpada enorme que cambia de cor coa música, ata outra diminuta concibida orixinalmente cun cable normal e que o promotor quere conectar por USB”, explica García-Bodaño. O mesmo coas cortinas, o mobiliario, obxectos de decoración… “A xente dime que somos moi boutique –engade–. Preferimos poucos clientes de proxectos moi importantes”.
Tatto rompe o esquema tradicional do contract limitado a hoteis, oficinas e retail. O seu portfolio inclúe xeriátricos, como o centro Padre Rubinos da Coruña donado por Amancio Ortega. Ten un departamento para proxectos de nenos e un laboratorio de innovación, o Workshop Contract, para ensinar a traballar con novos materiais a profesionais da carpintería e o metal, pensando en posibles proxectos a futuro.
Con ese mesmo espírito de colaboración, Tattoo colabora co Programa de Deseño para a Innovación 2020 de Gain para interiorizar o deseño nas empresas como motor de competitividade a nivel global. “Hai unha industria con moi bos valores en Galicia que fai cousas máis chulas que os italianos, só que eles son os reis do márketing –defende García-Bodaño–. Hai que quitarse un pouco os complexos”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS