Do millo á industria cosmética e farmacéutica para favorecer a economía circular
«Surfacorn, cuxo principal reto é a busca destes extractos bioactivos que poidan competir a nivel de custos cos sintetizados de forma química menos sustentables, xurdiu tras varios anos estudando un residuo agroindustrial fermentado espontaneamente e coñecido como corn step liquor».
Surfacorn é o nome do proxecto desenvolvido polo grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo que conseguiu transformar residuos do millo en deterxentes naturais para utilizar na industria farmacéutica e cosmética, contribuíndo así á economía circular e favorecendo a creación de produtos con formulacións máis sustentables.
Esta iniciativa, que contou co apoio do Programa Ignicia, promovido pola Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, está a lograr que o aproveitamento de residuos do procesado do millo se transforme en produtos de elevado valor engadido e máis respectuosos co medio ambiente.
Concretamente, o equipo de investigación EQ10 traballa para que os extractos biosurfactantes obtidos dos licores de lavado de millo poidan ser aplicados a usos cosméticos, farmacéuticos (a nivel dermatolóxico) e agroquímicos. Deste xeito, este proxecto busca chegar a formulacións máis biodegradables e biocompatibles, con propiedades melloradas, co fin de que repercutan positivamente na calidade de vida das persoas de todas as idades, ademais de alcanzar un maior desenvolvemento sustentable.
Os surfactantes son elementos que actúan como deterxentes, emulsionantes e humectantes que se utilizan frecuentemente no ámbito cosmético. Nos últimos anos, e de forma paralela á cada vez maior demanda por parte dos consumidores de produtos sustentables, a ciencia afondou no uso dunha solución máis ecolóxica: os biosurfactantes.
Nese sentido, Surfacorn, cuxo principal reto é a busca destes extractos bioactivos que puidesen competir a nivel de custos cos sintetizados de forma química menos sustentables, xurdiu tras varios anos estudando un residuo agroindustrial fermentado espontaneamente e coñecido como corn step liquor. “Esta materia prima secundaria utilízase principalmente como suplemento nutricional para pensos ou en medios de cultivo, pero o seu potencial é moito maior, xa que demostramos que contén compostos bioactivos con propiedades moi interesantes para diferentes sectores industriais incluído o sector agroquímico, así como o cosmético e o farmacéutico”, explica Ana Belén Menduiña, coordinadora, xunto con José Manuel Cruz Freire, do grupo EQ10.
Tras levar a escala piloto a produción dos extractos biosurfactantes para a súa aplicación no sector cosmético e farmacéutico, o seguinte reto era lograr, coa axuda dun xestor de negocio, a licenza das patentes que o grupo EQ10 desenvolveu. “Nestes momentos xa se demostrou con éxito que os extractos son escalables e reproducibles e licenciouse un uso. Espérase alcanzar nos próximos meses novas licenzas, xa que nestes momentos estamos en contacto activo con varias empresas que manifestaron interese, entre as que se inclúen tres europeas, unha asiática e dúas nacionais”, engade a coordinadora do proxecto.
Sobre a achega do Programa Ignicia ao desenvolvemento deste proxecto, Ana Belén Menduiña indica: “Supuxo unha aprendizaxe intensa a nivel industrial, que é algo do que ás veces os investigadores estamos un pouco afastados, e permitiunos, sen dúbida, achegarnos máis á sociedade e aos intereses e ás demandas actuais do sector farmacéutico e cosmético, logrando un efecto sinérxico moi interesante entre o grupo EQ10 e distintos sectores industriais”.
Ademais dos coordinadores do proxecto, o equipo de investigación está formado por Benita Pérez Cid, doutora en Química analítica; Xanel Vecino Bello, doutora pola área de Enxeñería Química e actual investigadora Ramón y Cajal; Alejandro López Prieto, doutor pola área de Enxeñería Química e investigador postdoutoral; Andrea Martínez Arcos, investigadora predoutoral; Ksenia Lvova, investigadora predoutoral, e Nicolas Russo Martínez, investigador predoutoral.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS