Drons máis seguros grazas á tecnoloxía de Sense-UAV
A tecnoloxía de Sense-UAV redundará non só en operacións máis eficientes, e por tanto máis servizos que se poidan ofrecer con eles de maneira viable, senón tamén en voos máis seguros.
No ano 1898, no Madison Square Garden de Nova York Nikola Tesla fixo navegar o seu Teleautomaton, unha pequena embarcación dirixida por radio control. Foi esta a primeira demostración do invento que o enxeñeiro rexistrara meses antes na Oficina de patentes e Marcas dos Estados Unidos: o primeiro dispositivo de control remoto para vehículos.
Máis de cen anos despois, os vehículos aéreos non tripulados son unha realidade que abre numerosas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Precisamente unha destas oportunidades é a que busca explotar Sense-UAV, un proxecto que nace apoiándose na experiencia e tecnoloxía desenvolvida por Gradiant no ámbito da análise intelixente de vídeo.
Ao abeiro do Programa Ignicia, da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié, o equipo de SENSE UAV comezou a traballar en xaneiro de 2022 de forma específica neste proxecto, que busca explotar a tecnoloxía de vídeo analítica baseada en drons nas súas tres grandes aplicacións: navegación, vixilancia e inspeccións. Grazas á súa plataforma para o adestramento de modelos de intelixencia artificial e a súa execución en voo en tempo real, á que se engaden capas específicas de algoritmia e integración para os distintos tipos de operativos, están a deseñar produtos para as tres aplicacións co horizonte de constituír a spin-off Sense Aeronautics a finais do 2023.
A tecnoloxía de Sense-UAV, explica Fernando Gago, CEO da spin-off, redundará non só en operacións máis eficientes e por tanto máis servizos que se poidan ofrecer con eles de maneira viable, senón tamén en voos máis seguros. Todo grazas á automatización da análise dos millóns de horas de vídeo rexistradas polos vehículos aéreos que circulan hoxe en día. “O exemplo máis evidente é a navegación. Similar ao caso do coche autónomo, un dron equipado con sistemas DAA (detección e evitación polas súas siglas en inglés) poderá actualizar en tempo real as súas traxectorias de voo para evitar calquera obstáculo que interfira nelas. Outros ámbitos de utilidade quizais máis inminentes, son a vixilancia perimetral ou a inspección aérea de infraestruturas”, explica Gago, que pon de relevo a importancia do Programa Ignicia para o desenvolvemento desta iniciativa: “Por unha banda, a súa achega económica, permitiu incorporar un equipo específico e dedicar recursos ao 100% a este obxectivo. Por outro, actuou como ferramenta de control permanente no cumprimento de fitos, o cal nos permitiu ir despexando incógnitas en base a un proceso lóxico e estruturado”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS