Un cazatendencias con dereito a intimar coa moda
Hai moito tempo que a lencería deixou de ser a irmá pequena da industria téxtil. Sábeo moi ben Selmark, líder española en fabricación de roupa interior feminina. Case medio século despois de nacer, a veterana empresa galega mantén intacto o seu compromiso coa calidade das pezas e o protagonismo do cliente, totalmente integrado no proceso creativo grazas a un innovador modelo de xestión.
Caresse Crosby levaba o talento innovador nos xenes. Polo menos diso presumía ela. Descendente de Robert Fulton, creador do barco de vapor, a escritora neoiorquina pasou media vida en busca dun invento propio, pero ningún dos seus experimentos tivo moita transcendencia ata que un escote incómodo se cruzou no seu camiño. O xustillo do vestido que comprara para unha festa, elaborado con arames e óso, era demasiado ríxido. Unha “tortura”, nas súas palabras, que substituíu por un sostén armado con dous panos e cinta rosa. Tan ben funcionou e tanto gustou entre as súas amigas, que Crosby rexistrou a idea o 3 de novembro de 1914 e abriu unha tenda para sacarlle proveito. As vendas non foron moi boas e acabou vendendo por 1.500 dólares da época a patente do primeiro suxeitador moderno a unha empresa, Warner Brothers Corset Company, que gañou con ela despois máis de 15 millóns.
A lencería é na actualidade un alicerce fundamental da industria da moda e, como sucede coas pezas exteriores, tamén foi evolucionando para adaptarse aos novos hábitos de vida e de consumo. Non só importa a funcionalidade. A roupa interior converteuse nun sinal de estilo e serve de espello aos moitísimos cambios sociais das mulleres no último século.
Cando Amador Pérez fundou Selmark en 1975, a emblemática firma de lencería de Vigo sacaba ao mercado tres ou catro modelos ao ano. Hoxe crea 15 coleccións, conta con liñas de baño, pixamas e mesmo deseños para as mulleres con cancro de mama. É líder en España na fabricación de roupa interior feminina. “Non se conseguiu por azar ou sorte, senón con traballo constante, poñendo sempre a clienta por diante. Ser un referente é unha oportunidade para seguir adiante a partir da esixente política de xestión e de produto labrada no pasado”, explica Rafael Pérez, xerente da empresa, que acaba de estrear unha innovadora metodoloxía para axilizar o descubrimento de novas oportunidades de negocio e de mercados de expansión.
A confección de sempre
Selmark tardou só catro anos en trasladarse dun pequeno taller a unha nave de 2.000 metros cadrados para dar abasto á crecente demanda. Os anos 80 foron fundamentais na súa traxectoria. O acordo de colaboración con Nina Ricci afianzou o posicionamento da marca no segmento medio-alto do mercado e a aposta pola modernización da cadea produtiva abriu o camiño da internacionalización.
Desde entón, as técnicas de confección seguen a ser basicamente as mesmas. “Pero si cambiaron os gustos, a morfoloxía e, sobre todo, os hábitos de consumo”, indica Pérez, en referencia á inmediatez que pide o comprador entre o momento no que algo lle chama a atención e cando xa pode poñelo. “Para unha empresa próxima ao medio século, é un reto manterse nun mundo en cambio constante –continúa–. O mellor balance é ser capaces de transformar a organización para o éxito da súa adaptación, e máis nun sector maduro”.
Como? A empresa destaca a súa aposta pola calidade para satisfacer as expectativas das clientas e fidelizalas, fronte ao fenómeno do fast fashion. Por iso os investimentos destes anos en Selmark se centraron, segundo o seu máximo responsable, “en crear e crear, e en loxística para que o tempo entre esa creación e o noso armario sexa mínimo”.
A gran idea
A curmá de Diego Piñeiro, responsable de Enxeñería de Selmark, queixouse un día das súas dificultades para atopar lencería adecuada á súa situación. Tiña un cancro de mama polo que fora operada varias veces, incluída unha mastectomía, e os suxeitadores que encontraba non lle axudaban a convivir coas secuelas.
Despois de catro anos de I+D en colaboración co Grupo Español de Pacientes con Cancro (GEPAC), en outubro de 2010 a empresa presentou Selmark Care, unha liña específica para mulleres en proceso de recuperación dun cancro de peito adaptada a cada fase (desde a etapa previa a unha reconstrución ou un postoperatorio, ata a fase de tratamento con radioterapia), grazas á selección de materiais e a ausencia de elementos ríxidos. O traballo de I+D continuou para perfeccionar os resultados. Co apoio do programa Conecta Peme da Xunta
, Selmark puxo en marcha en 2014 un proxecto no que se colaboraron outras tres pemes galegas para aplicar procesos avanzados de fabricación dos suxeitadores desta liña.
“Desenvolvendo a liña démonos conta da importancia de incorporar a clienta no proceso e facela partícipe dos novos produtos”, destaca Piñeiro. Así xurdiu a idea de desenvolver unha especie de radar interno para identificar necesidades das compradoras e, por tanto, novos produtos e mercados.
Contacto constante co mercado
O modelo de traballo combina a filosofía do design thinking, onde un equipo multidisciplinar aborda a información recibida directamente dos consumidores para diseccionar un problema e atopar solucións, coa metodoloxía Scrum, un conxunto de técnicas de organización e xestión destinadas a axilizar a saída ao mercado deses novos produtos. “Ten un gran impacto no proceso de deseño –conta o encargado de Enxeñería–, pero é extensible a toda a organización que participa desde a idea ata a materialización do prototipo”.
Selmark leva 10 meses desenvolvendo e mellorando constantemente o sistema, que ten a vantaxe de recibir impactos do mercado constantemente e por diferentes canles. Cada semana organízase unha xornada de escoita activa ou sprint co departamento creativo para validar cun cliente interno ou externo os prototipos. “O que nos permite –explica Piñeiro– ser áxiles e poder dar o feedback, tan importante e necesario, aos deseñadores para formular a mellor proposta”.
A nova metodoloxía de traballo de Selmark foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de 2017 do InnovaPeme, o programa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para fortalecer a competitividade das pequenas e medianas empresas. O financiamento cobre a metade do custo de plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3). “Para nós a innovación é unha cuestión de supervivencia –afirma Piñeiro– e a limitación de recursos humanos e financeiros fai necesario manter e habilitar novas liñas de financiamento e axudas á incorporación de talento nas empresas para poder aproveitar o coñecemento do noso ecosistema universitario no tecido industrial”.
A nova forma de crecer
Con case medio milleiro de traballadores e unha produción anual de dous millóns de pezas, Selmark vende en 48 países. O negocio internacional representa o 30% da facturación e o obxectivo é seguir expandíndose no exterior para alcanzar o 40% co apoio dese cambio de método que serve de cazatendencias. Os seus principais mercados son Europa e América do Sur, aínda que Oriente Próximo e América do Norte teñen crecementos moi importantes.
A premisa na empresa é gañar a batalla do mundo global e ir por diante das expectativas do público con calidade, innovación e a experiencia destes 45 anos. O que os seus directivos chaman “artesanía industrial honesta”.
“As novas tecnoloxías pasaron de centrarse na área produtiva a formar parte da creación e é aí onde se están producindo os maiores desenvolvementos, sen esquecernos de que hai que coidar o proceso creativo e achegarnos ao consumidor”, resume Rafael Pérez.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS