Esta é a nova xeración de emprendedores que moverá a economía galega
O estudo que deseña o próximo supervendas do mercado dos videoxogos. A startup capaz de adaptar o alugueiro de coches e os concesionarios ao novo modelo de mobilidade. A axencia que lles outorga intelixencia aos asistentes virtuais. Que teñen en común? Creatividade e innovación. Son o reflexo da nova economía impulsada desde Galicia.
Ao final do episodio que narra a historia da parella de O Bosque Animado, Hermelinda fúndese co xentío tras bicar por primeira vez e despedirse probablemente para sempre de Geraldo, o labrego sen perna nin esperanza de namorar a alguén desde un accidente pescando baleas en Noruega. O corazón do veciño máis pobre da aldea de San Salvador de Cecebre imaxinada por Wenceslao Fernández Flórez rompe en anacos. “Dúas horas despois, na casiña do castro, no máis alto da fraga, acendeuse a luz, coma todos os días. De lonxe parecía unha estrela e estaba en compañía das estrelas azuladas do ceo. De cerca era un candil e alumaba a un home solitario”, escribe o escritor que fixo da paisaxe de Galicia un personaxe universal.
A mesma admiración polo potencial da natureza para ser unha protagonista máis das historias bulía na imaxinación de Sergio Prieto mentres paseaba unha tarde de outono de 2011 polas Fragas do Eume. O fundador da empresa de videoxogos Gato Salvaje botaba en falta no mercado un produto inspirado na mitoloxía atlántica e unha contorna máxica como aquela prometía. Nese momento o estudo daba os seus primeiros pasos, aínda na terceira división dunha industria tremendamente competitiva. “Cando en 2016 decidimos que había que lanzar proxectos máis ambiciosos para asomar a cabeza e sobrevivir, esa idea era a oportunidade perfecta para artellar The Waylanders”, conta o seu irmán e director do estudo, Fernando Prieto.
PC Gamer, a biblia mundial do sector, fala do xogo de rol made in Galicia como un firme candidato a relevar a Dragon Ace, un supervendas con case 3.000 millóns de euros de recadación. Tamén The New York Times, Los Ángeles Times e mesmo Bloomberg eloxiaron o RPG (role-playing game), presente en 162 países. E iso que aínda está en fase de acceso restrinxido e só en inglés. A produción recibiu o apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), grazas ao programa de préstamos IFI Innova para proxectos de innovación de micro, pequenas e medianas empresas. “Foi moi importante para arrincar porque naquela época confiar no proxecto era un acto de fe –afirma Prieto–. A xente non comprendía que faciamos nin o que diciamos que iamos facer”.
Artesanía visual
Na pel dun guerreiro, un feiticeiro, un gardián, un pícaro, un explorador ou un curandeiro, coa opción de elixir tamén entre diferentes formas –de humano a licántropo– e orixes, o protagonista de The Waylanders viaxa no tempo para protexer o Camiño de Santiago e as súas lendas. A crítica aplaudiu a proposta desde o principio e o equipo de Gato Salvaje apostou ao grande.
Baixaron a cámara a primeiros planos dos personaxes e os diálogos ben poderían ser os dunha película. O deseño é unha auténtica obra de artesanía para captar ata o mínimo detalle das expresións faciais e da contorna. “O agarimo e o tratamento emocional que temos cos escenarios, que é a nosa terra, déixase ver no xogo. A xente percíbeo e valórao”, conta Fernando Prieto.
Na historia participaron algúns dos guionistas máis prestixiosos do sector. O resultado equilibra a base histórica que trataron con expertos e a liberdade creativa necesaria para crear unha aventura de fantasía que guste en calquera parte do mundo. A seguinte actualización en xaneiro incluirá a versión en galego, castelán, francés, alemán, ruso e chinés e mellorará parte das funcións. “Agora verase realmente o que estamos a facer e abriremos unha chea de mercados novos”, sinala Prieto.
O coche coma servizo
Aos impulsores de Eccocar uníaos dúas paixóns: a tecnoloxía e o soño de transformar as cidades cunha mobilidade sostible. “Nos congresos aos que imos repítese moito o dato de que os automóbiles pasan o 95% do tempo parados”, di Iván Luarca, o CEO. Creada en 2015, a startup traballaba no desenvolvemento dun modelo de coche compartido entre particulares e, entre os contactos que fixo no sector, apareceu por casualidade Endesa. O grupo enerxético quería poñer en orde os seus vehículos de empresa. “Son frotas normalmente enormes e, se ademais queres electrificalas, o investimento para comprar o mesmo número de unidades e instalar as infraestruturas de recarga é moi alto”, explica Luarca.
Da experiencia piloto naceu a tecnoloxía Eccocar para a xestión intelixente do parque móbil. Cada coche leva un dispositivo conectado á plataforma eccocar4 business e os empregados reservan e acceden a el a través dunha aplicación no móbil. Nun panel de seguimento, os responsables da frota saben en todo momento onde están os vehículos. A solución, implementada xa por outras corporacións como Telefónica, reduce un 30% os coches e ata un 60% o gasto en transporte.
Todas as prestacións do software son perfectas para a dixitalización dos servizos de alugueiro de coches. É, de feito, o motor do negocio de Eccocar agora. O dispositivo acaba coas esperas dos clientes no check-in, reduce os custos e abre o sector a novas posibilidades do negocio. “Para que se reinventen e pasen de empresas de coches a provedores de mobilidade con servizos de car sharing –describe Iván Luarca–. Moitas son ademais empresas pequenas locais que necesitan a tecnoloxía para sobrevivir”.
Nunha transformación moi parecida están os concesionarios, afectados pola caída das matriculacións e a tendencia dos grandes fabricantes a lanzar as súas propias canles de venda e contratación de servizos. “Os concesionarios teñen todo, desde o contacto co cliente final á infraestrutura, pasando polos talleres, para converterse en puntos neurálxicos da mobilidade nas cidades –conta o CEO de Eccocar–. A nosa plataforma pode mellorar a eficiencia e a produtividade do parque de coches mediante, por exemplo, o alugueiro por horas, días ou meses”.
A versátil tecnoloxía de Eccocar está presente en máis dunha decena de países de Europa, Oriente Medio e Sudamérica. Co respaldo dos préstamos IFI, a empresa ultima o lanzamento do primeiro dispositivo mundial de apertura e peche de portas dun vehículo sen chave que o propio usuario pode configurar. “A principal barreira para este tipo de sistemas é que requiren unha instalación complexa que ás veces xera problemas coa garantía do coche –expón Luarca–. O noso é un produto sinxelo que en dous minutos permite levar o coche nun servizo de car sharing sen máis trámites”.
Virtual, pero moi intelixente
Unha empresa de servizos TIC? Unha firma de comunicación diferente? Un provedor de contidos innovadores? Glue Digital foxe das etiquetas. “Son complicadas nunha actividade coma esta porque o servizo vai evolucionando en función dos mercados e os clientes”, apunta Javier Blanco Thomas, promotor e CEO da axencia. A web corporativa é un bo escaparate da súa capacidade para mesturar tecnoloxía e deseño. Nela preséntase como “un equipo de 15 persoas e un pequeno exército de bots, automatismos e axudas” que xestionan 25 millóns de usuarios ao ano.
“Basicamente o que facemos é axudar a empresas na súa transformación dixital e a prosperar na relación cos clientes nun mundo moi conectado”, resume Blanco. Para a división de eBay en Latam, por exemplo, Glue Digital creou un blog que é, á vez, un portal de vendas con ofertas personalizadas e unha web de tendencias en moda, viaxes ou cultura para mellorar a experiencia co consumidor. O reto con KFC en México era agrupar os máis de 40 produtos, promocións e combos dos seus 200 restaurantes no país desde o inicio da sesión na aplicación.
Eses dous grandes proxectos e outros máis no exterior estrearon o portfolio de Glue Digital, nacida en plena crise de 2010. “Case ninguén daba un peso por nós”, confesa o seu impulsor. Hoxe a maioría dos encargos veñen de España e entre os seus clientes están Carrefour, CITI, Cofrico e Securitas. A axencia case duplicou o volume de negocio no último ano. “Puidemos ir cambiando de espírito, de tecnoloxías e clientes porque non tiñamos presión para crecer –relata Javier Blanco–. Fixémolo segundo fixo falta, de forma ordenada, elixindo moi ben os proxectos”.
Un dos últimos é a plataforma de reclamacións do Ministerio de Consumo para os afectados por cancelacións ou cambios en servizos contratados a causa do estado de alarma. A aplicación emprega unha parte do asistente virtual intelixente desenvolto por Glue Digital co financiamento do programa IFI Innova. O chatbot dialoga e guía o usuario dentro da web a partir das contestacións que vai dando a unha serie de preguntas. É capaz de discernir 120 lóxicas de respostas diferentes. “Con iso conseguimos que procesos que poderían alongarse 15 minutos con 25 clicks, duren 4 minutos e basten 15 clicks –calcula Blanco–. O obxectivo é que os nosos proxectos teñan pouca fricción, independentemente do complexa que sexa a operación co usuario”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS