Tecnoloxía punteira para unha louseira sustentable e de calidade artesanal
«A innovación dáche as ferramentas para fidelizar clientes».
Samaca é un caso excepcional no sector da lousa. Mantén o 100 % do capital galego e leva máis de 50 anos combinando o traballo artesanal coa innovación tecnolóxica para ofrecer un produto de calidade. Referente desde as orixes na aposta pola sustentabilidade, o grupo entra agora na eficiencia enerxética cun novo sistema que leva a lousa tamén ás fachadas.
Samaca naceu na mesma década das grandes folgas nas canteiras de lousa de Francia. Non foi casualidade. O desabastecemento do mercado galo a finais dos anos 60 polas protestas abriu as portas do negocio exterior aos produtores galegos. Ata entón, no negocio convivían unha chea de autónomos e familias que ían ao monte para coller a lousa con ferramentas bastante rudimentarias e vendíana logo para os tellados das súas localidades e outras veciñas.
Cando eses pequenos empresarios descubriron todo o potencial do seu traballo, xurdiron as primeiras cooperativas para unir forzas e profesionalizar a xestión. Ademais de Francia, o sector estaba claramente en declive pola perda de competitividade noutros países europeos onde a lousa era moi apreciada. “Unha grande oportunidade porque, para que o resultado do produto sexa excelente, hai que colocalo ben e neses mercados había coñecemento”, conta Rogelio López, presidente de Samaca. “As cooperativas foron crecendo –lembra– e transformáronse en sociedades anónimas porque a evolución da actividade, a lei e a fiscalidade requirían outra forma de organización”.
Oito canteiras e 30 mercados
Medio século despois, Samaca é o único gran grupo louseiro con capital 100% galego. “Explotamos un produto de calidade recoñecido internacionalmente, un dos mellores para cubertas”, remarca López. De feito, o 95% da produción do grupo expórtase a unha trintena de países, principalmente a Francia, Alemaña, Reino Unido, Irlanda, o Benelux e os Estados Unidos.
A empresa ten oito canteiras no concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, na provincia veciña de León e en Brasil. Estuda tamén a existencia de recurso noutras dúas zonas onde ten un permiso de investigación. As perspectivas de crecemento son moi boas, ata o punto de que Samaca conta con reservas suficientes para duplicar a produción.
Sustentabilidade apoiada na tecnoloxía
Samaca foi pioneira en moitos cambios que a industria extractiva incorporou co paso do tempo para mellorar as condicións de traballo. Abriu un dos primeiros comedores comunitarios da zona e buscou sempre o benestar do cadro de persoal para previr problemas coma a silicose. “A produción é como unha partida de xadrez. Moves un peón e ten consecuencias para todo o taboleiro. A colocación dunha máquina ou a altura e a ventilación que lles dás ás instalacións inciden na seguridade e na comodidade”, indica o seu presidente.
Xa nos primeiros anos puxo en marcha un sistema de depuración de augas en circuíto pechado para minimizar o consumo e patentou un sistema de corte que reduce o po e o ruído. “A tecnoloxía de entón non ten nada que ver coa de agora e queremos actualizar aquel sistema con custos e dimensións razoables en colaboración cun taller de Ponferrada”, di Rogelio López. Esa aposta pola renovación tecnolóxica permitiu substituír o martelo e o cicel no labrado da pedra. Tras un ano perfeccionando o prototipo nos seus talleres, Samaca dispón dunha labradora cunha coitela que dá un golpe seco e inxecta aire a presión “para romper os bloques en placas de tres ou catro milímetros sen ter vinte operarios golpeando”.
A oportunidade da eficiencia enerxética
O grupo ten xa no mercado un sistema propio de fachada ventilada que evita condensacións, é impermeable e contribúe á eficiencia enerxética nos fogares. Samaca Fix busca diversificar o uso da lousa máis aló das cubertas e convertela nun material de referencia para o illamento. É moi versátil, lixeiro, apenas require mantemento “e unha das súas principais vantaxes é a fácil instalación”, segundo destaca López. “Pódeo facer calquera aprendiz”.
O produto ten a chave de entrada a novos mercados pola resistencia da lousa a climas moi extremos. A empresa está a comprobalo en Suecia, “onde empregan moito o noso sistema combinando diferentes tipos de lousa de cores para favorecer tamén a estética dos edificios”.
Por que innovar?
Cada bloque que vén da canteira é diferente en tamaño, forma e composición. Non é unha masa uniforme e necesítanse profesionais que coñezan ben o produto para separar a lousa. “Iso dificulta a automatización dos nosos procesos”, explica o presidente de Samaca, confiado en que no futuro a visión artificial e os robots axudarán a conseguilo. Mentres, a empresa mantén o firme propósito de “aproveitar toda a tecnoloxía dispoñible. Innovar é mellorar continuamente en absolutamente todo o que fas”, indica Rogelio López. E iso inclúe o uso eficiente do material e a sustentabilidade: “Todo o que poidamos facer a favor do medio ambiente é unha obriga”.
Esa filosofía converteu a Samaca “nunha empresa punteira, con todas as vantaxes que iso ten. Se dispós das ferramentas adecuadas, podes ofrecerlle ao cliente a gama completa de produtos. Non necesitará ir a outro sitio para buscar nada. Será fiel”, afirma López, tras finalizar a reunión cun cliente co que leva traballando desde que chegou á empresa hai 24 anos. “Como o 90% dos nosos clientes”, afirma.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS