O poder dos complexos metálicos para combater o cancro
Actualmente, o proxecto RuCSC atópase nunha fase de investigación preclínica, xa que é necesario confirmar os datos de efectividade e toxicidade, e realizar estudos de farmacocinética.
A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) refire que unha de cada tres mulleres e un de cada dous homes desenvolverán cancro en España. Grazas á investigación, a supervivencia en cancro incrementouse un 20% durante os últimos vinte anos.
Grupos coma o liderado por José Luis Mascareñas, director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), buscan solucións día tras día desde os seus laboratorios para que esa supervivencia se incremente aínda máis. Precisamente, un dos proxectos dirixido a mellorar a vida das persoas que padecen cancro é o RuCSC, que contou co apoio do Programa Ignicia, desenvolvido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración coa Fundación Barrié.
Este proxecto descubriu que un complexo metálico que contén un átomo central de rutenio tiña un efecto moi significativo para atacar células nai de cancro illadas de tumores de pacientes. E é que as células nai de cancro (CSC, polas súas siglas en inglés) son as principais responsables de iniciar o tumor, e a metástase, así como de xerar resistencia aos tratamentos. De feito, moitas quimioterapias utilizadas para combater o cancro non conseguen eliminar as CSC, en parte debido á súa elevada plasticidade, unha propiedade que aproveitan para adaptarse, resistir ao tratamento e continuar expandíndose.
Grazas a este proxecto, “observáronse efectos moi significativos en cancro de páncreas, que é un dos tipos de tumores con menores opcións a nivel de tratamento. E tamén, que hai sinerxías con outros fármacos contra o cancro”, explica José Luis Mascareñas.
O equipo que traballa nesta investigación está formado polo grupo de químicos da USC, liderado por José Luis Mascareñas, e o grupo de Biólogos da UAM CSIC de Madrid, dirixido por Bruno Sainz. Ademais, Susana Torrente, da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, traballou na coordinación e xestión e na propiedade intelectual e tamén contou coa implicación doutros doutores nos equipos de Santiago e Madrid, como son Lara Villarino e Sonia Alcalá, respectivamente.
Sobre a achega que supuxo o Programa Ignicia para a viabilidade do proxecto RuCSC, José Luis Mascareñas é rotundo: “Foi esencial. Non só porque nos proporcionou financiamento para realizar máis estudos, senón tamén porque serviu para obter asesoramento externo, que nos guiou nas diferentes etapas do proceso de investigación e valorización”.
O director científico do CiQUS resalta tamén a relevancia de crear novo coñecemento: “Este proxecto xurdiu por mor de observacións realizadas nun proxecto de investigación básica, que en principio non estaba dirixido a cancro, o que demostra que moitas veces o máis importante non é tanto realizar investigación dirixida ou orientada, senón descubrir e crear novo coñecemento, que é o que logo poderá ter aplicacións”.
Actualmente, o proxecto RuCSC atópase nunha fase de investigación preclínica, xa que é necesario confirmar os datos de efectividade e toxicidade, e realizar estudos de farmacocinética. “Parte destes estudos realizaraos unha empresa (CRO), e así poderemos obter unha validación externa dos nosos datos. Dependendo destes resultados o proxecto poderá dar lugar a unha empresa tipo start-up ou, no seu caso, trataremos de licenciar a tecnoloxía”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS