Xaque ás sementes máis rebeldes do cancro
O cancro provoca cada ano a morte de máis de 8 millóns de persoas no mundo, o 90% por mor dunha metástase. Aí está o principal desafío da oncoloxía: descifrar o comportamento das células que expanden a enfermidade e lograr medicamentos que a cronifiquen. O grupo de investigación Oncomet e a farmacéutica Roche traballan desde Galicia na mellora do diagnóstico e o tratamento da man da medicina personalizada.
O corte accidental que James Paget sufriu en 1871 mentres diseccionaba un cadáver estivo a piques de acabar coa súa vida. O fundador da patoloxía científica tiña 57 anos naquel momento e, despois de curarse da grave infección provocada pola ferida, decidiu abandonar a súa praza no hospital de Saint Bartholomew de Londres, montar unha consulta privada e ter máis tempo para investigar. Así puido sacar á luz un dos maiores avances da historia na loita contra o cancro.
Foi el quen hai case século e medio descubriu que a formación da metástase nuns órganos e non noutros “non é unha cuestión de azar”. Tras estudar as autopsias de 735 falecidas por cancro de mama, Paget publicou na revista The Lancet
en marzo de 1889 a teoría da “semente e o substrato”, de referencia aínda hoxe na oncoloxía: ademais das células tumorais viaxando polo corpo (sementes), a metástase require unhas condicións favorables no órgano ao que se trasladan, coma se fose unha terra fértil (substrato).
Nesa carreira por buscar solucións innovadoras para mellorar o diagnóstico, o tratamento e o seguimento dos cancros en estado metastásico de mama e próstata, dous dos máis habituais, o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e a farmacéutica Roche Farma forman unha Unidade Mixta de Investigación (UMI) pioneira na aplicación da medicina personalizada.
Unha enfermidade crónica
“A enfermidade localizada ou non diseminada hoxe en día pode ser controlada clinicamente na maior parte dos casos –explica o doutor Rafael López, coordinador da UMI–. O problema é cando hai metástase e os pacientes desenvolven resistencia aos tratamentos, que deixan de ser efectivos e a enfermidade progresa”.
Ao ano diagnostícanse no mundo 14,1 millóns de novos casos de cancro, segundo os datos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Máis de 8 millóns de pacientes morren. A inmensa maioría dos falecementos, o 90%, son consecuencia da metástase, segundo o doutor López, que considera fundamental a detección precoz tanto dos tumores primarios como da extensión da enfermidade a outros órganos. Para estas situacións tamén hai cada vez máis tratamentos e son máis eficaces. “Nun futuro imos dispoñer de dúas formas de controlar a metástase –indica–, ben eliminando toda a enfermidade e, por tanto, curándoa, ou facéndoa crónica con tratamentos máis ou menos permanentes”.
Aínda que a UMI se estrutura en tres liñas de investigación, cada unha co seu propio equipo para ter perspectivas diferentes e complementarias sobre o problema da metástase, o traballo de todas apunta a unha mesma dirección: entender o comportamento e a relevancia das células tumorais circulantes, esas sementes das que falaba Paget, e contar con ferramentas que faciliten o seu estudo.
Diagnóstico e tratamento “á carta”
Unha das principais innovacións da investigación conxunta de Oncomet e Roche é a biopsia líquida para extraer e analizar as células diseminadas e o material xenético tumoral que circula polo sangue. Non é unha técnica de diagnóstico. Son biomarcadores para facer máis efectivos tanto o seguimento como a evolución da enfermidade. Con eles trátase de identificar que fai que un paciente responda ou non a unha terapia determinada. “Se conseguimos saber cal é esta diferenza, os oncólogos poderán tomar as decisións máis adecuadas aplicando a chamada oncoloxía de precisión, que permite personalizar os tratamentos para un enfermo en cada momento”, afirma Rafael López.
A segunda liña de traballo da UMI céntrase no uso da nanotecnoloxía e os nanomateriais para deseñar ferramentas de detección e control da enfermidade máis sensibles, rápidas e menos invasivas, así como medicamentos “á carta” para aumentar a súa eficacia e diminuír os efectos secundarios e toxicidade.
Para coñecer ben o inimigo, a terceira liña de investigación pon a lupa sobre unhas pequenas agrupacións de células tumorais circulantes moi raras e escasas, pero claves no proceso. A partir de modelos in vitro e in vivo a UMI reproduce fases relevantes da metástase para desentrañar, por exemplo, a capacidade de supervivencia e proliferación desas células e explicar o seu grande impacto no desenvolvemento da enfermidade.
Carreira de fondo
“Nos tres anos que pasaron desde a posta en marcha da Unidade, desenvolvemos distintos proxectos que xa deron lugar a resultados con aplicación clínica e que son a base para a súa consolidación como unha estrutura potente de investigación oncolóxica”, valora López. Esta é unha das 39 alianzas co formato de UMI apoiadas ata agora pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar a colaboración estratéxica entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).
A visión empresarial e de mercado de Roche súmase a experiencia en oncoloxía e o coñecemento clínico e experimental acumulado por Oncomet. “Nun mundo cada vez máis competitivo e globalizado é necesario buscar e aplicar novas fórmulas para aumentar a investigación en xeral, incluíndo a investigación traslacional nos hospitais”, apunta o responsable da UMI, que destaca, ademais, a rede tecida “de colaboracións con grupos de investigación nacionais e internacionais para abordar retos científicos de maneira máis ambiciosa”.
Non son públicas, polo que hai que manter en segredo os detalles, pero os investigadores teñen xa dúas patentes para protexer uns nanosistemas que facilitan a multiplicación das células tumorais circulantes en laboratorio (a súa concentración en sangue é baixa e é un material de estudo escaso polas dificultades para illalas) e un método de biomarcadores para facer seguimento do cancro desde o seu diagnóstico. “A investigación biomédica é unha carreira de fondo e os resultados non veñen de forma tan inmediata como noutros sectores –di o doutor López–, pero o impacto é moitísimo maior cando chega o momento da súa aplicación polas implicacións sanitarias e sociais de que existan tantos millóns de persoas afectadas no mundo”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS