Hai un compañeiro novo no cole… e é un robot
O sistema educativo non se entendería xa sen a presenza das TIC como ferramentas esenciais para que o alumnado aprenda máis e mellor. Nas aulas hai ordenadores, tabletas e mesmo robots. De feito, a robótica é xa unha materia oficial que permite profundar nos coñecementos en matemáticas, física, lóxica, lingüística ou creatividade. Cinco profesores da Universidade da Coruña desenvolveron un dispositivo de baixo custo co que os escolares poden programar case coa mesma habilidade que un investigador ou unha empresa.
Con máis de dous metros de altura e 120 quilos de peso, Elektro daba o talle para ser un bo candidato a entrar nos premiados programas universitarios de baloncesto da cidade de Pittsburgh, no estado norteamericano de Pensilvania, onde naceu en 1937. Pero tiña o corpo limitado a 26 movementos, pronunciaba unicamente 700 palabras e coa vista só distinguía as luces vermellas e verdes. Os seus talentos eran outros. Podía fumar, inflar un globo, camiñar… nada do outro mundo se non fose pola súa condición de robot, o primeiro da historia con forma humana.
Probablemente Elektro non alcanzase coa pelota o éxito que conseguiu cando o seu creador, Joseph Barnett, un enxeñeiro de Westinghouse Electric Corporation
, o exhibiu na Feira Mundial de Nova York. Foi a estrela da mostra. Deixou a todos pampos e acabou fichado, pero non por un equipo de baloncesto, senón de protagonista en dúas películas de temática futurista.
Elektro, tamén coñecido como “The motor man”, foi a luz na tecnoloxía ao final do longo e escuro túnel do crac económico de 1929. Hoxe, nin un século despois, podería aparecer outra vez en calquera película, aínda que de xéneros máis realistas. Os robots deixaron de ser ciencia ficción. As vendas para uso industrial bateron un récord o pasado ano en todo o mundo tras superar as 380.000 unidades e cada vez se estenden máis por outros sectores, como o transporte, a sanidade, a agricultura ou a educación.
“A incorporación das TIC facilita a formación e cambia por completo o modelo clásico do alumno tomando notas mentres o profesor explica”, destaca Francisco Bellas, o pai, xunto con outros cinco profesores de enxeñería da Universidade da Coruña, de Robobo, un innovador e potente robot de baixo custo para dinamizar a materia de programación nas aulas.
Transferencia do coñecemento
Polos seus numerosos proxectos dentro do Grupo Integrado de Enxeñería do Campus de Ferrol e as colaboracións co sector privado, Bellas, Álvaro Deibe, Fernando López Peña, Abraham Nieto e Richard Duro comparten unha visión moi aplicada da investigación. Usan a intelixencia artificial e as plataformas robóticas para solucionar problemas concretos en empresas. Desa experiencia naceu Mint, unha spin-off para sacar partido ao potencial do seu coñecemento e saír ao mercado.
Entre todas as ideas de posibles novos produtos que tiveron, a de Robobo foi adiante dunha forma moi natural. A maioría deles dan clase de robótica a outros profesores de Secundaria e Bacharelato desde a entrada da materia na educación regrada. “Así puidemos comprobar que entre os robots que os alumnos destes niveis utilizan nas aulas e os que se empregan no mundo real hai unha brecha bastante importante”, conta Bellas. É, segundo o enxeñeiro, “algo lóxico polos custos e polo descoñecemento ao tratarse dunha disciplina recente. O problema é que, cos tipos de robots que hay nas aulas, a formación céntrase só nunha parte moi concreta da robótica”.
Sen límites de idade
Robobo ofrece as mesmas capacidades tecnolóxicas, pero un custo moito máis baixo que o robot que pode manexar un investigador ou unha empresa. Como? Grazas ao smartphone. En lugar de investir moito diñeiro nunha plataforma propia, Mint apostou por aproveitar a gran capacidade dos teléfonos móbiles, equiparables a un computador, e o feito de que case todas as persoas teñan un.
Os smartphones gardan un parecido razoable cos robots. Dispoñen de sensores, como a cámara e o micrófono, falan e dan información a través da pantalla. Pero fáltanlles extremidades. Aí está a orixinalidade de Mint: o desenvolvemento dunha base robótica onde acoplar o teléfono para dotalo de movemento. “É motivador, porque o alumno está afeito a utilizar o móbil no seu día a día, e ademais dáse conta de que os teléfonos serven para máis cousas que, por exemplo, chatear”, indica Bellas.
Aínda que ensine dun xeito lúdico, Robobo non é un xoguete. É unha ferramenta educativa. Por iso a spin-off destinou moitos esforzos ao software que permite programar a Robobo como un único dispositivo desde o computador e sen límite de idade. Conta con tres niveis de linguaxe de programación. Un básico en bloques (Scratch) para principiantes; un intermedio de JavaScript; e o avanzado, pensado para investigadores e universitarios, con bibiotecas de ROS.
A fase de comercialización
Deseñado e fabricado integramente en Galicia, o dispositivo está á venda na tenda online da empresa desde este verán. Aínda que é posible adquirilo un a un, o habitual son os packs de 4 ou 5 Robobos para centros educativos xunto coas unidades didácticas que serven de guía ao docente.
A forma do robot e da web reflicten a importancia que Mint lle deu desde o principio á estética. “Nos tempos nos que se move a tecnoloxía, o aspecto e o deseño funcional fan que un produto sexa máis robusto e máis fácil de comercializar”, explica Francisco Bellas, que recoñece que o salto ao mercado foi un dos momentos cruciais do proxecto. “Cando cres que tes unha grande idea, imaxinas que todo o mundo vai pensar igual e a comprarán mañá –engade–. Pero a realidade é xusto a contraria, sobre todo no sector tecnolóxico pola forte competencia”.
Para coñecer o mercado e as demandas dos clientes, Robobo participou no programa Vodafone Connecting for Good Galicia impulsado pola Fundación Vodafone e a Xunta de Galicia –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), Igape, Amtega e Xesgalicia- para apoiar a novas pemes e emprendedores cun proxecto de negocio no eido da innovación social mediante o fomento e uso das TIC en Galicia. A aceleradora cambiou totalmente a mentalidade dos fundadores de Mint sobre que é unha startup e que implica comercializar unha idea. “Foi moi importante –valora Bellas– porque a venda supuxo o grande avance da empresa e puidemos enfocar moito máis o noso produto”.
Agora Robobo quere crecer. Mint atópase en pleno proceso de procura de financiamento e investidores para explotar ao máximo o produto. Busca músculo financeiro para poder producir a maior escala e concorrer a concursos das administracións públicas e levar o robot made in Galicia a calquera aula do mundo.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS