Calidade 4.0 para estar sempre á moda en seguridade
Prendas que se fabrican na outra punta do mundo nunha cadea sen descanso para renovar constantemente a oferta ao cliente. Maquillaxe que dura horas e horas. A industria da moda é cada vez máis sofisticada e require tamén unha maior supervisión da calidade. AMSLab lidera un consorcio de pemes galegas que prepara un novidoso prototipo de control de productos do téxtil e a cosmética antes de mandalos ás tendas.
A Michelle Mándard a inspiración chegoulle mentres miraba ás súas amigas traballadoras en factorías de coches. Aínda que a manicura é tan antiga coma a historia da humanidade, as dificultades para fixar un esmalte nas unllas eran un auténtico crebacabezas para a evolución da cosmética a principios do século pasado. A maquilladora francesa imitou a esas mulleres que usaban as novas pinturas das carrocerías dos coches. Así naceu o primeiro verniz de unllas moderno, en 1932, e con el o imperio Revlon. “Elaboramos cosméticos na fábrica –dicían os seus fundadores– para vender esperanza na perfumería”.
Esa combinación a partes iguais de emocións e funcionalidade explica a metamorfose da cosmética e do resto da moda nunha das industrias máis sofisticadas na actualidade. O deseño, a loxística ou o marketing son tan esenciais para achegarse ao consumidor como a confección dos produtos, cada vez máis diversos e globais.
“A elevada complexidade do sector supón un desafío tamén no control. En comparación ao que sucedía hai só un lustro, supervísanse moitos máis parámetros nun número maior de produtos, pero tamén dispoñemos de instrumentos de análise máis avanzados que o fan posible”, explica Manuel Lolo, director xeral (CEO) dos laboratorios AMSLab, á fronte dun consorcio de pemes galegas que ensaian solucións innovadoras para facilitar os exames de calidade en artigos cosméticos e do téxtil co proxecto QFashion.
Sen parar a produción
Cada ano créanse no mundo entre 80.000 e 100.000 millóns de prendas. Viaxan dun lado ao outro do planeta, desde os lugares de produción ás tendas pasando polos almacéns das grandes cadeas de distribución, a bordo da famosa tendencia da “moda rápida”. Xa non hai só dúas coleccións de tempada primavera-verán e outono-inverno. A oferta renóvase continuamente e todas as semanas é posible atopar referencias novas nos establecementos.
As inspeccións de calidade centráronse nun principio na composición de fibras (a porcentaxe de algodón, por exemplo) e, a medida que aparecían máis tecidos innovadores, foron incorporando outros parámetros, coma as propiedades físicas (resistencia á formación de bólas e ao lume), os produtos químicos (tinguiduras, fixadores, etc.) e, o máis novo, o téxtil reciclado. “Falamos xa dun control de calidade 4.0”, destaca Lolo.
O proxecto QFashion perfila un método de análise de substancias químicas directamente no control das fábricas para detectar os problemas antes da repartición ás tendas. A produción non se pode parar á espera dos resultados do laboratorio e os custos das pezas defectuosas repercuten inevitablemente en toda a cadea.
“É un reto complexo porque ten que ser un equipamento móbil, sen instrumental, material, nin coñecementos químicos por parte do operador, pero capaz de dar resultados fiables sobre substancias que se presentan en concentracións dunha parte por millón”, detalla o máximo responsable de AMSLab, actualmente en fase de probas “de aproximacións químicas realistas”.
As fórmulas secretas
Desde o pintaunllas inventado a partir de materiais da automoción, a cosmética cambiou tanto ou máis que o téxtil e forma parte da columna vertebral da industria da moda. Non son moi coñecidos, pero os fabricantes españois de cosmética teñen un peso económico “moi notable”, como subliña Manuel Lolo.
Exportan máis que o viño, o calzado ou o aceite. Por iso comparten a mesma organización que o resto do retail. O distribuidor debe controlar o produto que adquire ao fabricante e o fabricante ter a súa propia supervisión. Son procesos distintos, coas súas respectivas singularidades. Non é o mesmo analizar as materias primas da cosmética que un artigo acabado.
Por que? Entre outras razóns, porque as fórmulas dos fabricantes de cosmética son segredas. No caso das fragrancias, o control e a etiquetaxe inclúen só os alérxenos. O regulamento europeo de produtos cosméticos restrinxe ou prohibe 1500 substancias. Coas leis de China, Xapón e EEUU, o número elévase ás 3000.
“As normas de ensaio que existen están obsoletas. Son inaplicables no contexto actual do sector”, asegura Lolo. Resultarían “lentas, caras e, polo tanto, ineficaces”. “Non alcanzan –continúa– a diversidade de parámetros regulados coa cobertura requirida”. QFashion ten entre mans una solución novidosa para os fabricantes de cosmética “que lles pode resultar útil tamén ás autoridades de consumo para investigar substancias potencialmente relacionadas coas detectadas nunha alerta”.
Obxectivos máis ambiciosos
Ademais de AMSLab, o consorcio está integrado polos laboratorios Biomig, Xenotechs e Mestrelab e colabora coa empresa alemá GAS GmbH e dous grupos de investigación da Universidade de Santiago expertos en síntese orgánica e analítica aplicada á cosmética. Conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través do programa Conecta Peme, que fomenta a cooperación entre pequenas e medianas empresas e o resto de axentes do Sistema de Innovación no marco da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.
A convocatoria facilitou a non sempre sinxela tarefa, segundo Lolo, de atopar socios adecuados neste tipo de investigacións e “ser moito máis ambiciosos nos obxectivos”. “Puidemos montar un departamento de I+D e así desenvolver metodoloxías novas máis rápido e ser máis competitivos”, indica.
No ecuador das investigacións, QFashion prevé ter as súas solucións listas a finais do próximo ano. O obxectivo das empresas é situarse como provedoras integrais de servizos analíticos “específicos e moi avanzados” para a industria da moda, “sacando o máximo rendemento á tecnoloxía que temos e ao coñecemento xerado no proxecto”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS