Casas de deseño, sen sobrecustos e eficientes: a fin da utopía
Hai máis dun século que as casas modulares e prefabricadas entraron no mercado inmobiliario como unha opción máis barata e rápida á construción convencional. Pero desde entón repítese a mesma interrogante: a cambio da eficiencia, hai que renunciar ao deseño personalizado? A empresa galega Proyectopía é capaz de integrar estes dous factores con inmobles ideados para cada localización e, ademais, de reducido consumo enerxético.
O envío cada ano do catálogo de casas prefabricadas de Sears Roebuck era todo un acontecemento social nos fogares estadounidenses. No seu momento de maior popularidade, a publicación chegou a ter 1400 páxinas e pesar case dous quilos. A compañía soubo dar unha segunda vida ao seu departamento de materiais de construción tras varios anos de malas vendas e aproveitar o tirón do mercado da vivenda polo cambio de mentalidade nos novos matrimonios no país, que xa non querían compartir espazo cos pais, e o retorno dos veteranos da Primeira Guerra Mundial.
Cada kit contiña ata 30.000 pezas que viñan en grandes contedores por tren. A montaxe non era precisamente fácil, pero os compradores aforraban ao redor dun 60% en comparación cos prezos das vivendas convencionais. Sears Roebuck mantivo o seu catálogo durante máis de 30 anos ata que, en 1940, deixou de editalo.
A súa filosofía sobre a vivenda, con todo, segue máis viva que nunca: solución de vivenda más rápidas e sinxelas. “Facer unha casa é un proceso longo, lento e cheo de incertezas. Os que deciden facela son uns valentes”, asegura Víctor Hermo, que entendeu á perfección todos os problemas para eses que chama “valentes” cando construíu a súa. Tras 14 anos de traxectoria profesional e a investigación sobre novos sistemas construtivos da súa tese doutoral, o arquitecto lanzou Proyectopía para fabricar vivendas modulares personalizadas e sustentables, sen leas de prazos e sobrecustos grazas ao uso das novas tecnoloxías.
A empresa recibiu o apoio do InnovaPeme, o programa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para fortalecer a competitividade das pequenas e medianas empresas. “Con el puidemos dar un novo enfoque á innovación, mellor dirixida para obter resultados e capacidade para seguir innovando”, valora Hermo.
Anticiparse ao resultado final
A diferenza das populares casas de Sears Roebuck, Proyectopía non traballa con catálogos nin módulos prediseñados. Reúne as vantaxes dese formato de construción –tempo e custos– e a liberdade de deseño da construción tradicional. “A arquitectura debe adaptarse aos condicionantes da contorna porque cada lugar demanda un proxecto diferente”, sinala Hermo. Son os clientes os que definen as características básicas da vivenda. O que lles gusta e o que necesitan. E a resposta é un deseño e un prezo pechado chave en man.
A partir dos estudos previos do terreo, Proyectopía fai unha estimación da superficie e o custo. A empresa pontevedresa traza cos compradores a forma e a distribución. “Literalmente construímos a vivenda en 3D mediante unha ferramenta informática de modelado para ofrecer tanto perspectivas interiores como exteriores –explica o arquitecto–. Facilita moitísimo a visualización do resultado final”. O software contabiliza en tempo real os compoñentes e os materiais, axustando así desde o principio o valor do proxecto.
Para manter os estándares de calidade, Proyectopía só acepta cinco encargos por mes.
O “ladrillo tecnolóxico”
O principal material das casas made in Proyectopía é o aluminio extruído. Con el, a empresa ten patentado o seu “ladrillo tecnolóxico”, de duración case infinita e sen apenas mantemento. Os módulos que integran o inmoble son lixeiros, manexables por unha soa persoa. E a montaxe, compara Hermo, “realízase coa precisión da industria automovilística. Coma se fose o último modelo dunha marca de coches –continúa o responsable da compañía–. Sen medios auxiliares e un ensamblado milimétrico dos paneis para evitar fallos humanos e a dependencia das condicións climatolóxicas”.
Desde a obtención da licenza, o prazo de construción non supera os seis meses. O sistema permite alterar a distribución ao longo do tempo para, por exemplo, adaptar a vivenda á chegada dun novo membro da familia.
Outra das súas principais características é a eficiencia enerxética. Antes da construción, os técnicos de Proyectopía realizan un estudo microclimático da localización. O deseño ten en conta a luz e o resto das condicións naturais do emprazamento para espremelas ao máximo e reducir o consumo de enerxía.
Oferta ampliada
Moi preto da praia da Lanzada, o complexo turístico Mardesía, formado por cinco vivendas diferentes realizadas co seu innovador sistema, serve de escaparate da empresa, que traballa agora nun proxecto de 17 vivendas adosadas en Pontevedra e nun edificio de oficinas ecoeficiente de 3000 metros cadrados. Entre este e o próximo ano prevé completar 40 vivendas unifamiliares.
O seu principal mercado é Galicia, pero levou adiante tamén proxectos en Ávila, Huelva e Menorca. Está a piques de dar o salto a Arxentina cun modelo de inmobles sustentables de alta gama configurables desde a web. É un dos froitos conseguidos da participación no InnovaPeme. “Agora dispoñemos deste novo produto de retorno rápido e do know-how para actualizarnos con outros novos e innovadores produtos”, indica o fundador de Proyectopía, que lidera tamén un Conecta Peme centrado en vivendas sociais.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS