O xigante pesqueiro que naceu a bordo dun catro latas
«Hai que revisar constantemente os procesos para diferenciarse e crecer».
Despois de máis de 50 anos no mercado, Pescados Rubén conserva intacta a súa obsesión pola calidade do produto. A ese obxectivo dirixe toda a súa actividade innovadora, que lle permite contar cun dos mellores sistemas de conxelación da industria alimentaria española para fortalecer a exportación. O grupo de Foz está a piques de lanzar unha nova liña de negocio de pescada fresca “para o consumidor moderno”.
Case coma un xogo de nenos, Rubén Blanco empezou a vender peixe cun amigo que tiña coche. El aínda era un adolescente. Despois de estudar e facer o servizo militar, o fundador de Pescados Rubén lanzouse ao negocio pola súa conta co apoio da familia.
Comprou un catro latas para percorrer as aldeas próximas a Foz, logo un camión para gañar tamaño e chegar máis lonxe… e así, paso a paso, a empresa luguesa transitou polas últimas cinco décadas ata converterse nunha referente global do sector, cunha facturación de 50 millóns de euros ao ano e máis dun cento de profesionais.
O grupo distribúe unha ampla gama de peixe (sobre todo pescada, bonito do norte, xarda e xurelo) a grandes áreas comerciais e mercados centrais. A liña de frescos inclúe unha sección de elaborados onde procesa luras, rosadas e marraxos, entre outras especies, segundo o formato específico que pide cada cliente. O sistema de control de calidade está totalmente automatizado para preservar intacta a excelencia da mercadoría.
O último en tecnoloxía de frío
O produto estrela da liña de conxelados son os peláxicos. Desde o atún á xarda, pasando polo xurelo. A capacidade da factoría de frío supera os 100.000 quilos por día. Hai poucas plantas industriais en España cun sistema premium de conxelación tan potente coma o de Pescados Rubén. Usa aire comprimido. O proceso acúrtase e o produto gaña calidade, “polo que o peixe tamén está menos tempo no túnel de salmoira, podes aumentar a produción e aforrar custos”, explica Amalia Fernández, responsable de I+D.
As exportacións de Peixes Rubén chegan a catro continentes e supoñen o 30 % da cifra de negocio. “Canto mellor sexa a conxelación, máis nos diferenciamos e mellor posicionamento teremos no mercado”, indica Fernández.
Sumando esforzos en I+D
Detrás da tecnoloxía punteira no túnel de frío e a robotización das liñas de empaquetado está Robicos, a alianza de Pescados Rubén con Conservas Garavilla, Hermasa e Megodeza para innovar nas técnicas de conxelación e desconxelación. A iniciativa contou co asesoramento dos centros tecnolóxicos Anfaco-Cecopesca e Aimen e co respaldo do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI). Co apoio deste último, o grupo lugués sacou adiante tamén outros dous proxectos de innovación en produto prometedores para o futuro do negocio.
“Fixemos varios estudos sobre posibles produtos e as expectativas son tan boas que imos investir nunha nova liña de frescos”, anticipa Amalia Fernández. Chámase Mercomer: pescada para un consumidor e un mercado modernos. No nome hai xa moitas pistas da aposta pola diversificación de Pescados Rubén, presente tamén no segmento gourmet de conservas. Rubén 1964 é froito doutra colaboración cunha empresa veciña da localidade asturiana de Tapia e “da necesidade e crecente demanda de produtos cada vez máis sans, sostibles e de sabor único”.
Para que un bocado de peixe chegue ao padal do cliente con toda a intensidade de sabor e as propiedades alimentarias intactas, hai que coidar unha longa cadea de procesos que empeza polas capturas. “O control do peixe desde a orixe ata o seu destino é fundamental para a compañía, que agora quere dar un paso máis para aproveitar todas as posibilidades do modelo de industria 4.0”, afirma Fernández. Pescados Rubén prevé renovar o seu sistema de trazabilidade con tecnoloxía de identificación por radiofrecuencia (Rfid) e imaxe en tres dimensións.
Por que innovar?
Os primeiros proxectos en Pescados Rubén desde que en 2013 decidiu profesionalizar a xestión da I+D centráronse na eficiencia enerxética. “Empezamos con cousas pequenas, pero ata eses cambios no día a día poden supoñer un aforro importante nos custos, algo fundamental agora mesmo”, lembra Amalia Fernández, que pon de exemplo a escalada dos prezos da electricidade e das materias primas para presentar a innovación coma un salvavidas da conta de resultados. “Ás veces pensamos que innovar é só lanzar grandes proxectos –engade–, pero calquera mellora acaba tendo un impacto relevante”.
Ademais de tecer unha importante rede de colaboracións con centros tecnolóxicos e outras empresas, Pescados Rubén aproveita as sinerxías internas. No departamento de I+D creado no marco do seu plan de innovación co respaldo do programa InnovaPeme da Xunta están representadas todas as partes da empresa, “de tal maneira que se o encargado dunha liña detecta unha necesidade, podemos poñernos a buscar solucións no momento. Hai que revisar constantemente os procesos –aconsella Fernández– para crecer, diferenciarse e ter máis cota de mercado, que é o obxectivo que sempre temos aquí”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS