Os fármacos collen o taxi para ir directos contra o cancro
Hai lugares do organismo aos que os medicamentos convencionais non poden chegar ou a súa administración provoca efectos adversos. Ocorre, por exemplo, en determinados tipos de cancro e metástase en células con fortes barreiras biolóxicas. Aproveitando as vantaxes da nanotecnoloxía, un grupo de investigadoras galegas creou un innovador sistema que leva os fármacos ata a raíz da enfermidade para espremer a súa eficacia e facelos máis seguros.
Quedaban poucos días para a súa conferencia no Congreso Anual da Sociedade Americana de Física e Richard Feynman aínda non tiña moi claro o título. O científico neoiorquino propoñía unha viaxe ao mundo do diminuto e manipular “átomo por átomo”, aproveitando que a ese nivel hai leis diferentes e o comportamento da materia é tamén distinto. “Por que non podemos escribir a Enciclopedia Británica na punta dun alfinete?”, preguntouse. A curiosa reflexión e toda a charla, que finalmente se chamou “No fondo hai espazo dabondo” (There’ s plenty of room at the bottom), son dous exemplos claros do talento divulgador de Feynman, que aquel 29 de decembro de 1959 puxo a semente da nanotecnoloxía.
A disciplina que estuda e desenvolve sistemas a escala dunha billonésima parte dun metro tardou, con todo, moitos anos en xermolar porque non existían nin técnicas nin ferramentas para ir tan a fondo como imaxinou o físico premiado co Nobel en 1969. Ata que en 1981 dous investigadores da compañía IBM
, Don Eigler e Eric Schweizer, inventaron o microscopio de efecto túnel. Por primeira vez puidéronse sacar fotos dos átomos.
Desde entón, a nanotecnoloxía é unha aliada de moitísimos sectores, desde a enerxía á industria en xeral, pasando polo téxtil ou os alimentos, aínda que, sen dúbida, unha das súas maiores revolucións está na medicina. O proxecto Oncometa, liderado por un grupo de investigadoras da área de Farmacia do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), aproveita o potencial das nanopartículas para crear un innovador taxista que traslada os fármacos oncolóxicos polo corpo ata as células tumorais. “Unha estratexia para lograr o máximo beneficio dos fármacos, facéndoos máis eficaces e seguros”, explica María José Alonso, responsable da investigación e catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica.
Sen dispersión
Pola vía oral cunha pastilla ou tras a disolución do contido dun sobre nun líquido, cunha inxección, cun parche pegado na pel… Todas as vías de administración dun medicamento buscan entrar no corpo do enfermo e que o seu principio activo actúe. A forma na que se toma inflúe en como é absorbido polo organismo. É o que en farmacoloxía se denomina “liberación”. Hai sistemas de liberación acelerada, outros que prolongan os efectos no tempo e mesmo están os sistemas diferidos para retardar a súa función ata salvar o medicamento do contacto cos zumes gástricos.
No caso de Oncometa, trátase dunha liberación controlada grazas a un líquido inxectable por un catéter intravenoso. “Ese líquido contén miles de nanopartículas –explica a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica–. Cada unha delas transporta varias moléculas do fármaco, que vai protexido, ata as células tumorais e metastásicas”. Os nanovehículos circulan directos ata o seu destino e alí liberan a medicación. “Chega ata o lugar de acción, o que evita a súa dispersión polo organismo e o acceso a órganos indesexados, nos que podería causar efectos adversos”, destaca Alonso.
Man tendida a fármacos innovadores
O proxecto céntrase principalmente nun tipo de fármacos, os baseados nos anticorpos monoclonais, que aproveitan a defensa natural do propio sistema inmunitario para dar a batalla contra o cancro. Son tratamentos teoricamente moi potentes, pero cunha gran limitación: as moléculas son tan grandes e complexas que non poden entrar na raíz do tumor. “Isto provoca que moitos cancros provocados por oncoproteínas intracelulares de difícil acceso non poidan ser convenientemente tratados”, asegura María José Alonso. Cos seus nanovehículos, Oncometa consegue romper esas barreiras biolóxicas, facer viable a administración dos novos fármacos e, polo tanto, que poidan comercializarse.
Conseguir un medicamento con anticorpos monoclonais inédito, que aínda non estivese comercializado no mercado, foi o principal reto do proxecto para poder realizar os ensaios da tecnoloxía desenvolvida polas investigadoras durante máis dunha década. Por iso Oncomet participou no programa Ignicia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación e en colaboración coa Fundación Barrié, para validar unha tecnoloxía en condicións reais ou case reais e xerar novas empresas, patentes e emprego de alta cualificación facilitando o acceso ao mercado de proxectos de investigación galegos. “Tivo unha importancia transcendental polo establecemento de colaboracións con empresas e porque nos permitiu avanzar moito no desenvolvemento preclínico de dous nanomedicamentos”, valora Alonso.
Unha plataforma adaptable
Os estudos in vivo realizáronse con fármacos innovadores e con medicamentos xa comercializados, en colaboración con varias empresas e outros grupos do CiMUS. Os resultados foron positivos en diferentes tipos de cancro, concretamente en tres dos máis frecuentes: pulmón, páncreas e colon.
Agora Oncometa está en fase de validación da resposta in vivo dos seus nanovehículos, que poden adaptarse ao transporte de diferentes fármacos ou moléculas activas. As investigadoras traballan tamén na fabricación do prototipo e o estudo da súa estabilidade durante o almacenamento. De todo isto sairá unha nova empresa, que é outro dos obxectivos do apoio do Ignicia. “Chamarase Libera Bio”, anuncia María José Alonso, que asegura que non existen límites neste tipo de tecnoloxías para poder mellorar os tratamentos de moitas enfermidades. De feito, o grupo de investigación participa en seis proxectos máis, como a procura dunha nanovacuna fronte á sida e outra terapéutica para a esclerose múltiple, ademais dun novo tratamento para o alzheimer.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS