Nesta ciberfactoría fabrícanse barcos intelixentes
A cuarta revolución industrial é un desafío para todos os sectores. No caso concreto do naval, é especialmente evidente que a adaptación ás transformacións tecnolóxicas constitúe a única vía para a competitividade. Para iso naceu a Unidade Mixta de Investigación coa que Navantia e a Universidade da Coruña deseñan xa o estaleiro do futuro. Unha gran fábrica robotizada, con simulacións virtuais, que reinventará a construción de barcos.
Unha mañá de 1755, o San Fernando partía de Cádiz rumbo a Veracruz (México) para escoltar cos seus 64 canóns a unha das frotas que levaban mercurio desde España para extraer prata en América. Era o primeiro navío construído no Arsenal de Ferrol
. Detrás viñeron outros 150 buques durante a segunda metade do século XVIII, a gran estrea do sector naval en Galicia, ata que a irrupción da máquina de vapor deixou desfasadas as técnicas e a organización. Entre 1804 e 1825 só se botaron dúas goletas.
Desde entón, a adaptación aos cambios tecnolóxicos vén sendo o maior reto para a empresa naval. Sucedeu o mesmo en cada unha das tres revolucións industriais. Sobreviviu a elas, pero, como explican en Navantia, herdeira deses grandes estaleiros públicos galegos, non estivo sempre “á fronte da revolución”.
As novas tecnoloxías, o persoal capacitado para dominalas e as enerxías limpas moven a cuarta revolución que vive hoxe a industria europea.
Outra oportunidade para Navantia, que esta vez traballa coa Universidade da Coruña (UDC) na Unidade Mixta de Investigación (UMI) para desenvolver o estaleiro 4.0 ou estaleiro do futuro. Unha ciberfactoría que aproveite o saber facer acumulado en 300 anos e aforre tempo e custos para competir co resto de países europeos e asiáticos e lanzar a fragata F110
, o proxecto estrela da Armada Española para renovar a súa frota ata o ano 2060.
A de Navantia e a UDC é unha das 24 Unidades Mixtas de Investigación apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). A través dun investimento de máis de dous millóns de euros achegado conxuntamente polos promotores da UMI e a Xunta, esta iniciativa responde ao obxectivo do programa público de impulsar colaboracións estratéxicas entre empresas e centros de coñecemento en áreas de innovación aliñadas coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia).
O naval mira á automoción
A automatización é aínda excepcional no sector. “Mentres que en fábricas de coches como a de PSA en Vigo
existe un robot por cada catro persoas (1.400 en total), nos estaleiros actuais só existen, no mellor dos casos, uns poucos”, contan Carlos Merino, presidente do Comité de Dirección da UMI, e José Daniel Pena, secretario e investigador principal. A necesidade de mellorar a eficiencia é “clara”.
Unha das actuacións “máis prometedoras” da UMI é, segundo os seus responsables, a análise co Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) para replicar a cadea da automoción e sacar unha liña de fabricación e montaxe por bloques e sub-bloques para a futura fragata.
A imaxe dunha cadea de montaxe no naval permite facerse unha idea de como será a columna vertebral do estaleiro 4.0. O cerebro formarano as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) para xestionar de forma integral todas as fases da construción dun buque. Isto inclúe unha rede de intercambio de datos “masivo e permanente” cos provedores e cos clientes, que dispoñerán de información continua da evolución dos proxectos sen importar a distancia á que estean.
O xemelgo virtual
O punto de partida do buque será unha maqueta dixital. Nela estarán representadas en 3D todas as pezas –cada compoñente, os tubos, os cadros de mando…– para detectar posibles erros e corrixilos de forma sinxela antes de executar os traballos na práctica. “A mellor forma de conseguir a optimización da sustentabilidade competitiva é co modelado e a simulación virtual de procesos e produtos nas instalacións actuais”, apuntan os máximos responsables da UMI.
Tamén os empregados terán un xemelgo virtual na maqueta. Xogan, segundo os expertos, o papel máis importante porque “teñen que dominar as tecnoloxías e facer posible a colaboración” entre o mundo real e o virtual “nun contexto extraordinariamente complexo”. “A formación é o factor clave para que as persoas asuman o reto da cuarta revolución industrial”, coinciden Merino e Pena.
Á mellora dos procesos produtivos tradicionais e á aplicación das TIC, a UMI de Navantia e a Universidade da Coruña engadiu unha terceira liña de investigación non prevista inicialmente para dar resposta ás esixentes características das fragatas F110: a incorporación de tecnoloxías disruptivas, innovacións que rompen con todo o anterior.
Hai, segundo os responsables da unidade, avances tamén “prometedores” nas áreas de produto, ciberseguridade ou vehículos autónomos con aplicacións tan prácticas como a redución ao mínimo posible dos cables nun buque.
Un equipo de 100 persoas
No deseño do estaleiro do futuro traballan medio centenar de enxeñeiros de Navantia, 30 profesores e investigadores da UDC e 17 enxeñeiros contratados a cargo da UMI, grazas aos recursos achegados pola empresa e a Xunta.
O equipo complétase con varios expertos do CTAG, da Universidade de Vigo e das empresas Siemens e Scio IT. Unhas 100 persoas en total baixo a dirección de Navantia e coa UDC encargada da xestión diaria. “Entendemos que o sector da construción naval ten que volver reinventarse e, neste sentido, cremos firmemente que o estaleiro 4.0. non é unha alternativa ou opción, senón que é o único camiño para conseguir a sustentabilidade competitiva”, afirman os impulsores da UMI.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS