A oncoloxía sae faenar con nasas para pescar tumores
Parecía ciencia ficción: capturar células canceríxenas coma se fosen cangrexos? Con esa idea lanzouse en 2012 un grupo de investigadores da FIDIS que hoxe ensaia xa en oito hospitais un innovador dispositivo para frear a metástase dos tumores en ovarios. Nasasbiotech aspira a facer historia na oncoloxía.
A pesar dos moitos descubrimentos sobre a antiga cultura exipcia acumulados desde que o Museo Británico comezou en 2008 as escavacións en Amara West, ao norte de Sudán, a estudante de doutoramento Michaela Binder soubo desde o principio que o que tiña entre mans era diferente. O esqueleto dun home de entre 20 e 35 anos desenterrado por ela nunha tumba á beira do Nilo en febreiro de 2013 estaba cheo de buracos de ata 25 milímetros de diámetro. Nos ósos do torso, na parte superior dos brazos, nas pernas… As marcas non deixaban lugar a dúbidas. Aquel home, como confirmou a investigación publicada na revista Plos One, padecía un carcinoma orixinado en tecidos brandos. É o primeiro caso documentado dunha metástase e ten 3.200 anos.
“É aínda o grande inimigo da oncoloxía, a parte máis letal e con menos solucións nesta enfermidade”, destaca Alexandre de la Fuente, biólogo e director xeral de Nasasbiotech, a spin-off da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Barrié e o Sergas, para o desenvolvemento de solucións terapéuticas na loita contra a metástase. Entre elas destaca a nova tecnoloxía ExoGAG para buscar biomarcadores que axuden aos oncólogos a facer o seguimento dos seus pacientes mediante biopsia líquida.
A comercialización, de momento só para o ámbito investigador, foi posible grazas ao apoio de Agrobiotech, o programa de aceleración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e en cooperación coa Tecnópole, para apoiar o crecemento sustentable de pemes galegas nos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa. “A principal vantaxe do programa é que está pensado para potenciar a axuda en cousas moi concretas que facilitan o desenvolvemento das nosas innovacións –valora De la Fuente–. Ademais é moi áxil e adaptado para cubrir todas as necesidades, por moi diferentes que sexan, de calquera tipo de empresa”.
O engano ás células
Nasasbiotech debe o seu nome e a súa crecente popularidade a un disruptivo sistema para pescar células tumorais. Hoxe está en fase de ensaio clínico en oito hospitais. En 2012 era unicamente un debuxo nun papel. “Somos unha rexión de pescadores e ocorréusenos que, igual que eles usan nasas para capturar cangrexos, que é o símbolo do cancro no horóscopo, nós podiamos deseñar unha nasa para células tumorais”, conta o máximo responsable da empresa.
Con ese bosquexo na mente, o reto estaba en poder enganar as células enfermas e interferir nos seus procesos de comunicación. Porque si, os tecidos do corpo falan entre eles. Na súa linguaxe son fundamentais determinados compoñentes biolóxicos, como as proteínas, que funcionan a modo de cables de conexión entre unha célula e outra.
E que fai o dispositivo de Nasasbiotech? Pois meterse na conversación colocando un cebo biolóxico que reorienta as células tumorais cando reciben a orde de colonizar un tecido. “Do mesmo xeito que un faro de sinal moi potente para indicarlles a onde dirixirse”, exemplifica De la Fuente. E caen na gaiola. Así evítase a dispersión das células enfermas. “O obxectivo é devolver os pacientes a un estadio de doenza focalizada, onde os oncólogos teñen ferramentas moi potentes para controlala”, engade o director xeral.
Compatible coa quimioterapia
O dispositivo introdúcese na primeira cirurxía pola que pasan os pacientes para retirar o tumor primario. É compatible coa quimioterapia. “O oncólogo non ten que cambiar nin a súa rutina nin a terapia –subliña De la Fuente–. Trátase de dar unha ferramenta máis”.
O ensaio clínico céntrase no cancro de ovario porque ten un tipo de diseminación moi particular, só no comezo da enfermidade e arredor da cavidade peritoneal. Os investigadores traballan na adaptación da nasa a outro tipo de tumores, especialmente o colorrectal, pero está aínda en fase inicial de laboratorio.
“Hai que ser moi realistas e, se todo vai saíndo como esperamos, os prazos son longos porque quedan moitos máis ensaios para garantir a seguridade e a eficacia –apela o director xeral da spin-off–. Non podemos pensar, nin moito menos, que temos unha solución a esta enfermidade e xerar falsas expectativas nunha patoloxía tan sensible coma esta”.
Desenvolvemento propio
Son, con todo, moitos os que teñen confianza nun proxecto que rompe coa estratexia máis habitual en oncoloxía de buscar terapias para a destrución directa das células tumorais. O Fondo de Ciencia da Fundación Barrié, precursor do programa Ignicia, embarcouse na idea desde os seus inicios e foi tamén a primeira empresa na que o Sergas entrou no accionariado. “Que unha empresa nacida no Hospital Clínico Universitario de Santiago fose capaz de conseguir o diñeiro suficiente para realizar un ensaio tan custoso como este debería servir de exemplo”, afirma De la Fuente, que aplaude tamén a aposta da Administración autonómica “por potenciar a investigación participando activamente”.
Cando aquela primitiva idea de faenar no cancro, case de ciencia ficción, se fixo forte e mostrou todo o potencial que tiña, os seus responsables enfrontáronse á difícil decisión de vender a licenza da tecnoloxía a outra empresa ou seguir adiante. Optaron por mantela. “Creo sinceramente que foi un verdadeiro acerto porque, ademais, é un orgullo que unha empresa galega sexa líder mundial nunha estratexia como esta”, afirma Alexandre de la Fuente.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS