O tempo é ouro na seguridade alimentaria
Previr a salmonela, segunda enfermidade gastrointestinal máis común, non é unha tarefa sinxela. A tardanza dos resultados das análises á carne provocan perdas nas empresas e elevan o risco dun problema de saúde pública. Ata agora. A biotecnolóxica galega Nanoimmunotech saca ao mercado un dispositivo que detecta nun día se o produto ten a bacteria e en que cantidade. Un dos proxectos máis innovadores entre pemes europeas na actualidade, segundo a UE.
Foron necesarios cinco policías para levar a Mary Mallon a un recoñecemento médico. Esta emigrante irlandesa en EEUU, cociñeira e con boa saúde, non entendía que relación tiña cos numerosos brotes de febre tifoidea detectados en Nova York entre 1900 e 1915. Pero o investigador sanitario contratado por unha das familias afectadas descubriu que conectaba todos os casos.
Sen sabelo, Mary era portadora sa da bacteria salmonela e foina contaxiando nos seus traslados de casa en casa, cada vez que perdía o traballo porque os seus xefes enfermaban ou morrían. Pasou tres anos recluída nunha illa próxima ao barrio do Bronx e chegou a cambiar de nome para cociñar outra vez, ata que as autoridades volveron capturar a “Mary Tifoidea”, como a prensa bautizou a aquela muller considerada na época unha “asasina en serie” e que a historia da medicina reconverteu en exemplo de “superpropagadora” de infeccións.
Un século despois, a salmonela segue sendo a segunda enfermidade gastrointestinal máis común. “En moitos casos require hospitalizacións e pode ser mortal”, lembra Christian Sánchez Espinel, director xeral (CEO) de Nanoimmunotech, que a finais de ano lanzará o seu novo sistema de detección da bacteria na carne de polo, unha das formas máis comúns de contraela.
Resultados no mesmo día
Polo gran consumo de carne avícola, o control da salmonela está moi regulado nas granxas e en todas as fases da cadea industrial, desde o despezamento á distribución en tendas.
De feito, xa existen métodos para rastrexar a bacteria, aínda que os resultados poden tardar ata unha semana. “Polo que é demasiado tarde para tratala, con enormes perdas para a empresa produtora –apunta Sánchez Espinel–. Ou, peor aínda, o risco de que o produto poida chegar ao consumidor”.
As principais vantaxes do dispositivo de Nanoimmunotech son que é portátil e que os datos están dispoñibles o mesmo día. Marca un fito na prevención das intoxicacións alimentarias e “permitirá aos produtores evitar esas perdas por descartes”.
O tempo é ouro para adiantarse a un problema de saúde pública. E co sistema de Nanoimmunotech non é só unha frase feita.
Tecnoloxía sensible e áxil
Nacida en 2009 da cooperación entre o Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo (CINBIO) e o Instituto de Nanociencia de Zaragoza (INA), a spin-off marca tendencia no sector da nanotecnoloxía en Europa e na aplicación desta ciencia en diminuto para fins sanitarios, cosméticos ou de alimentación. Os seus produtos véndense en 22 países.
Coa experiencia acumulada, dous dos socios fundadores, Valeria Grazú e Jesús Martínez de la Fuente, desenvolveron a tecnoloxía Heatsens. En lugar das proteínas das análises tradicionais, o procedemento de Nanoimmunotech usa partículas de ouro nos seus biosensores para buscar e medir a presenza de substancias biolóxicas e químicas.
O metal precioso compórtase como un acusón con moi bo ollo. “Nós definímola como tecnoloxía ultrasensible”, conta Christian Sánchez, porque detecta un patóxeno ou o biomarcador dunha enfermidade “moi rapidamente, facendo que os nosos biosensores sexan moi atractivos e demandados por diferentes sectores”. É, ademais, moi fácil de usar e abarata os custos. Todas as calidades que os expertos piden a un biosensor “perfecto”.
A luz convertida en calor
Para entender o funcionamento válennos de referencia as coñecidas probas de embarazo, que son tamén biosensores. Os dous buscan na mostra o que en xerga científica se chama analito. No caso do test, o obxectivo é a hormona HCG, presente só nos ouriños das xestantes. No detector de Nanoimmunotech, o analito é a salmonela.
O biosensor leva anticorpos, encargados de recoñecer a bacteria, e un láser que ilumina a mostra. Se os anticorpos atopan salmonela, as partículas de ouro, triangulares e do tamaño dunha millonésima parte dun centímetro, absorben a luz e transfórmana en calor “dunha forma moi efectiva”. “A cantidade de calor irradiada é proporcional á cantidade de analito”, explica o CEO de Nanoimmunotech. O dispositivo non só atopa a bacteria, senón que tamén informa de canta hai.
Na vangarda da innovación
A Comisión Europea
incluíu o biosensor de Nanoimmunotech nas 48 iniciativas seleccionadas na segunda fase do Instrumento PEME, o prestixioso programa de apoio a proxectos disruptivos de pequenas e medianas empresas con alto potencial de crecemento, desenvolvemento e internacionalización no programa Horizonte 2020. Optaban case 1000 compañías. A spin-off galega sacou unha das mellores puntuacións: 14,27 sobre un total de 15.
Membro da Enterprise Europe Network, a maior rede de apoio a pemes con proxección internacional, a Axencia Galega de Innovación (GAIN) asesorou a Nanoimmunotech durante o proceso e na revisión da proposta final do proxecto que sitúa á compañía na vangarda da innovación.
“A procura de financiamento é o motivo primordial para acudir a este tipo de convocatorias e poñer en marcha proxectos tan ambiciosos. Acadamos 1,8 millóns de euros, pero, sen dúbida, teriamos seguido co noso plan de empresa se non fose aprobado”, afirma Sánchez Espinel. “Lograr financiamento privado a partir de certas cantidades é todo un reto –continúa–, aínda que si parece que hai unha tendencia de cambio que convida a ser optimistas sobre o futuro”.
E o futuro de Nanoimmunotech, que ten tamén entre os fundadores e membro actual do seu comité consultivo a África González-Fernández –directora do CINBIO e unha das 12 mulleres que, segundo a Comisión Europea, forman a elite científica do continente– pasa por sacarlle todo o partido posible a Heatsens. O plan de lanzamento prevé o resto de patóxenos que hai que analizar na carne, a detección de alérxenos e aplicacións noutros sectores, como a saúde e o medio ambiente, para os que a compañía conta con proxectos de I+D en marcha e alianzas con clientes interesados e socios industriais.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS