A outra neta favorita
Un dos grandes retos da sociedade actual é o envellecemento da poboación. A busca de solucións novas para que os maiores sigan activos e sexan o máis independentes posible. Un consorcio de tres empresas galegas ultima o lanzamento dunha plataforma tecnolóxica que permite manter a súa autonomía, reforzar a comunicación cos seus familiares e detectar en fases temperás os indicios dunha enfermidade cognitiva.
A principios deste ano, a primeira ministra británica, Theresa May, anunciaba a creación do Ministerio da Soidade. Un xesto pioneiro nun país no que máis da metade dos anciáns viven sós e no que, segundo unha investigación gubernamental, unhas 200.000 persoas maiores en Gran Bretaña non tiveran unha conversa cun amigo ou parente en máis dun mes.
Un de cada catro galegos e galegas ten máis de 65 anos. En España, hai 8,8 millóns de persoas que superan esa idade e case dous millóns están en fogares unifamiliares, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). “A soidade é un problema”, advirte María del Carmen López, responsable da Oficina de I+D+i de Balidea. “Son potenciais enfermos –engade– porque o sentimiento de soidade conduce á depresión e é un risco moi importante para a saúde das persoas maiores”. A empresa especializada en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) integra o proxecto RISING
xunto con Atendo, dedicada a prestar servizos integrais ás persoas maiores, e o estudo de deseño de produto FrutoDS. O consorcio investiga terapias baseadas na vida cotiá co apoio das novas tecnoloxías para mellorar a atención aos maiores e detectar trastornos cognitivos en fases iniciais.
Comunicación emocional
María del Carmen López coñeceu a Luis Barros, director de Innovación de Atendo, nunha reunión de traballo organizada pola Xunta de Galicia. Balidea ten unha longa experiencia no desenvolvemento de proxectos do ámbito sociosanitario en colaboración co Servizo Galego de Saúde (Sergas) –encargouse da súa web e do portal do paciente, entre outros proxectos– e outros organismos sanitarios públicos de España. “No seu día a día a xente de Atendo detectaba que faltaba algo”, conta. Hai centros especializados para as persoas maiores que están peor. Ou estancias a media xornada e talleres para os menos graves. Pero, e o resto? “En todo o que falaba con Luis sentíame totalmente identificada en relación á miña nai”, lembra López.
Lola, a nai da encargada do departamento de innovación de Balidea, ten 82 anos, é diabética e quere seguir vivindo soa na súa aldea. O nacemento dunha neta cambiou a súa relación coa tecnoloxía. De súpeto, Lola quixo saber como funcionaba Whatsapp para recibir fotos da pequena e Skype para facer chamadas con vídeo e vela. “Mesmo aprendeu a navegar coa televisión para poñerlle os debuxos animados”, conta, entre risas, súa filla.
A historia de Lola non é moi diferente ás doutros que forman unha nova xeración de maiores, a cabalo entre o analóxico e o dixital. “O único que necesitan para adaptarse ás novas tecnoloxías é unha motivación”, asegura María del Carmen López. E por iso os impulsores de RISING tiveron claro desde o principio que había que traballar coa comunicación emocional e “darlle unha volta á forma de interactuar cos maiores”. Alberto Rodríguez Montiel e Antonio Parcero, enxeñeiros industriais especialistas en deseño de produto desde FrutoDS, estaban nun proxecto de humanización das urxencias do Hospital de Pontevedra. “Fixemos unha reunión con todos e entendémonos desde o principio”, sinala López.
A tres bandas
Esa aposta polas emocións e, á vez, por dar proximidade e non ser invasivos, nótase ata no nome da ferramenta tecnolóxica desenvolvida polo consorcio para aplicar as súas terapias. Chámase NETA. “Eu podo dicirlle á miña nai que faga algo e éntralle por un oído e sáelle polo outro. Pero se llo di un neto…”, explica María del Carmen López.
A plataforma ten un dispositivo de almacenamento que é coma un cerebro capaz de recoller a información xerada na vida cotiá da persoa maior con conexións para a familia, o médico e o propio usuario, que poden acceder ao sistema a través dun teléfono, dunha tableta ou da televisión. “O fantástico de traballar en consorcios coma este é o trato cos especialistas, desde psicólogos a xerontólogos, pasando por neurólogos, terapeutas ocupacionais ou o propio Sergas, que son os que nos dan as claves do que se necesita”, detalla López. Froito desa relación multidisciplinar, os investigadores decidiron dotar a NETA de catro variables para a atención centrada na persoa: memoria, acción física, actividade social e orientación.
¿E como se poñen en práctica as terapias? Ademais de manter o contacto, cunha mensaxe, por exemplo, o familiar pode preguntar ao usuario se lembra a receita dunhas lentellas para comprobar os seus recordos; ou activar xogos personalizados con fotografías de familiares para pescudar se os recoñece. NETA dispón dun mapa de calor que rexistra os movementos da persoa, se tarda máis en facer unha ruta habitual ou se se equivoca no traxecto.
Toda a información pasa a mans do médico tamén. Pequenos detalles que son fundamentais porque xeralmente custa moito diferenciar os descoidos dos primeiros síntomas dunha doenza cognitiva pola predisposición dos maiores a negalo, sobre todo se viven sós. “Van pasando por especialistas, co gasto brutal que iso supón, e moitas veces chegan onda os neurólogos cando a enfermidade está moi avanzada”, afirma María del Carmen López.
A importancia da colaboración
RISING conta co respaldo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), tras ser seleccionado no programa Conecta Peme de axudas para proxectos de I+D+i en colaboración entre pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema de innovación en áreas estratéxicas para Galicia. A busca de solucións avanzadas para a vida saudable e o envellecemento activo é un dos tres eixes da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. “O apoio é fundamental porque podes ter o proxecto máis ilusionante do mundo, pero sen soporte financeiro é difícil saír adiante”, apunta López. “Son proxectos complicados –continúa– e só as grandes empresas son autónomas no que se refire ao investimento en innovación”.
A “ferramenta de vida ou da independencia” que é NETA está agora en fase de validación con usuarios reais. O proxecto concluirá en novembro. “Nós dicimos que será como a Carta aos Reis Magos dos médicos pola información e das familias pola tranquilidade”, di López. O seu lema é “innovación baseada en feitos reais”. E só é o principio. Balidea, Atendo e FrutoDS perfilan xa unha NETA “máis evolucionada”, avanza o consorcio, para, entre outras cousas, tentar incluír a navegación por voz e que as limitacións dos maiores coas articulacións dos dedos non sexa tampouco un problema para seguir conectados ao mundo.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS