O médico de cabeceira das vides
A información é o mellor antídoto contra as incertezas propias do traballo no campo, sobre todo as relacionadas coa meteoroloxía. No caso dos viñedos, o tempo pode supoñer o triunfo dunha colleita ou botala a perder. A nova empresa Monet Viticultura, nacida da man de tres investigadores, pon a tecnoloxía ao servizo da prevención e do control en tempo real para coidar a uva, a orixe da calidade do viño.
Cando en abril de 2015 o Salón Profesional do Viño en Ferrol (Fevino) entregou a Peter Sisseck o enésimo premio da súa carreira, este recoñecido experto, enólogo de cabeceira en todo o mundo, agradeceuno coa revelación do que é o segredo para que un viño sexa grande: “viña, viña, viña e viña”.
“Ás veces o potencial da uva é tal –advertiu– que o único que ten que facer o enólogo é non estragalo”.
A premisa de David Rey, Débora Franco e José Antonio Gay cando se puxeron co deseño de Monet Viticultura foi precisamente esa. Ter toda a información posible e nunha única plataforma para axudarlle á adega a controlar a calidade do viño desde a planta.
Desde a investigación
Estes tres enxeñeiros de telecomunicacións levaban sete anos investigando na Universidade de Vigo sobre a aplicación de novas tecnoloxías ao sector primario e á industria de transformación. As dúas actividades manexan moitísimos datos no seu día a día, pero faltaba unha forma de organizalos que permitise sacarlles o máximo partido.
“Nun primeiro momento pensamos que o sistema podería ser válido para controlar calquera cultivo, pero enseguida descubrimos que tiñamos que enfocar o noso esforzo nun único sector para chegar a coñecer con todo detalle as necesidades do cliente”, lembra Débora Franco. A evolución do proxecto cara ao mundo do viño foi case natural polo contacto previo que os tres cofundadores tiñan con el e porque, ademáis dun cultivo de alto valor engadido, é un sector de gran relevancia en España.
Oportunidades e ameazas
Unha mesma parcela –coa mesma variedade de uva e chan– produce cada ano viños diferentes e o principal factor que o explica é a meteoroloxía. “Non é posible cambiala, pero si anticiparse e, nalgúns casos –sinala a responsable de negocio de Monet Viticultura–, tomar medidas que poidan paliar as consecuencias adversas ou aproveitar as oportunidades que ofrecen as condicións favorables”.
Cos datos almacenados en estacións meteorolóxicas do viñedo ou en instalacións públicas próximas, a empresa reúne a información suficiente para que o seu sistema de predición –desenvolvido especificamente para enfermidades fúnxicas tras a súa validación en cinco campañas e 23 localizacións distintas– valore o risco de que se produza unha infección deste tipo.
Isto permite optimizar o uso de tratamentos fitosanitarios. Só se aplican se existe unha ameaza real que a ferramenta mide “de forma obxectiva” e “no momento idóneo para levalos a cabo”, segundo precisan desde a empresa.
A maiores, a ferramenta ofrece tamén predicións do tempo detalladas a pé de parcela, información sobre o ciclo natural da planta e un caderno dixital para rastrexar o que se fixo en cada terreo.
Calidade e eficiencia
O coidado das cepas require gran cantidade de recursos humanos, económicos e materiais. Mediante esta ferramenta, o encargado accede a todos os datos en tempo real desde calquera dispositivo conectado a internet e pode así tomar as medidas necesarias para reducir desprazamentos ou identificar parcelas onde a intervención debe ser inmediata. Como se o viñedo tivese un médico de cabeceira.
“As decisións baseadas en información obxectiva para programar os manexos do viñedo axudan a conseguir uvas sás, de calidade e con custos de produción máis baixos –resume a cofundadora da empresa–. E este é o principal obxectivo para os xestores de viñedos e adegas”.
O salto internacional
Monet Viticultura apurou o seu crecemento grazas a VíaGalicia, a aceleradora de empresas creada pola Zona Franca de Vigo
e a Xunta de Galicia
, que seleccionou o proxecto na súa primeira edición, a finais de 2013. Posteriormente, continuou o desenvolvemento do seu plan de negocio co apoio da aceleradora Galicia Open Future, promovida tamén pola Xunta en colaboración con Telefónica
.
A piques de dar o salto ao mercado portugués e en negociacións con posibles socios para a súa distribución en Chile e Arxentina, hoxe a empresa traballa xa con doce adegas en oito denominacións de orixe de España.
En Galicia, conta con sete clientes de diversas denominacións de orixe, desde Viña Costeira e Abadía da Cova ata Bodegas La Val e Pazo de San Mauro, pasando por Martín Codax, Rectoral de Amandi e Virxe de Galir.
No resto de España, unha das súas bodegas clientas é Hacienda Monasteiro, que ten entre os seus enólogos ao valedor da calidade desde a vide, Peter Sisseck. “Non existen mellores prescritores que os propios usuarios da plataforma. Contar entre os nosos clientes con adegas de prestixio internacional e que son referentes nas súas denominacións de orixe é un gran orgullo”, afirma Débora Franco.
Monet Viticultura é “una plataforma en permanente actualización” grazas ao contacto constante co persoal técnico e coa xerencia das adegas. O viño mantense como prioridade, aínda que a empresa conta xa cun plan para diversificarse a outros cultivos. A seguinte estación, a oliveira.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS