Bolsos que contan quen es ti
É difícil facerse un oco na competitiva industria da moda. Non queda máis remedio que ser diferente e ofrecer exclusividade ao cliente. No caso de Mireiq a personalización vai aínda máis aló porque incorpora ao comprador ao proceso de creación dos bolsos que fabrica. A empresa coruñesa combina artesanía, innovación e deseño para vender modelos únicos.
O segredo mellor gardado dos accesorios de moitas das grandes firmas de luxo está en Ubrique, un pequeno concello de 17.000 habitantes da provincia de Cádiz ao que a tradición artesá e a natureza achegaron todo o necesario para converterse na capital española da marroquinería e nunha referencia mundial do sector. É unha zona repleta de mananciais. Hai auga suficiente para abastecer a elevada demanda dos talleres de curtido de pel e alimentar as plantacións de sobreiras de onde veñen a cortiza e unha substancia chamada tanino que se mestura coa auga para tratar a pel.
Chanel
, Carolina Herrera
, Gucci
, Louis Vuitton
, Loewe
… Os contratos cos artesáns da zona son confidenciais para evitar as temidas falsificacións que hai un tempo provocaron unha viaxe de ida e volta das marcas a Ubrique. Fóronse durante os anos da deslocalización do téxtil a Asia e regresaron en busca do selo artesán e a exclusividade perdidos no camiño.
Alí cursou Jorge Labandeira o seu máster de deseño en pel baixo a dirección, precisamente, de Enrique Loewe. Mentres estudaba a licenciatura de Comunicación Audiovisual e Publicidade empezou a interesarse pola moda e chegou a crear dúas liñas de roupa. Agora leva as rendas de Mireiq, unha empresa de bolsos nada convencional que mete de cheo ao cliente en todo o proceso creativo para sacar un artigo ao seu xeito. “A absoluta expresión de si mesmo coa elección de ata o último detalle”, asegura Labandeira.
A simbiose co cliente
Somos o que consumimos. Comida, lecer, arte e, por suposto, a roupa e os complementos. Identifícannos probablemente moito máis do que pensamos. “Un amigo díxome: ‘A min dáme igual a moda, poño o que sexa’. El era heavy e vestía botas, vaqueiros e camiseta negra”, lembra Jorge Labandeira. “Pregunteille se poñería uns zapatos tipo castellanos –continúa– e miroume coma se lle insultara”.
Mireiq naceu como resposta a esa cada vez maior tendencia a unha moda diferenciada. “Vimos unha necesidade tanto no mercado como no terreo persoal: a xente ten que tomar decisións no proceso creativo, deseñar con innovación para fuxir da copia e que os produtos se transformen como tamén nós cambiamos e evolucionamos”, explica o seu fundador.
¿É a máxima expresión de que o cliente sempre ten a razón? “Non manda ninguén, xogamos xuntos. Nós ofrecemos as ferramentas e eles son libres de utilizalas como queiran. É unha simbiose”, responde.
Catorce modelos diferentes
A partir dun patrón de oito pezas, o comprador pode combinalas e construír catorce modelos diferentes de bolsos, mochilas, sacos ou maletíns. Un novo sistema de fabricación rexistrado pola startup coruñesa na Oficina Española de Patentes e Marcas.
As pezas son reversibles e é posible elixir diferentes asas e cordóns, ademais das cores que máis se adapten ao seu gusto. “Imaxina que tes o bolso bandoleira e ves que sacamos unha peza bordada. Podes comprala e poñela. Pero se o que queres é transformalo noutro tipo de bolso tamén dispós das pezas necesarias para facelo”, conta Labandeira.
O artigo entrégase montado, sen custo, ou con instrucións para que o faga o cliente na súa casa. O que prefira. E mesmo conta con servizo de recollida para facer un cambio de modelo. Todo se fai a través da web. Se o comprador quere dar un paso máis na experiencia de crear o seu produto pode concertar unha cita cun dos artesáns de Mireiq. “Isto ten vantaxes pola proximidade e a comprensión completa do concepto do estudo”, apunta Labandeira. A empresa empezou a sacar pezas ilustradas impresas na pel e ultima acordos con grafiteiros e artistas para ampliar a súa oferta de estampados.
O cliente por enriba de todo
Todo o material fabrícase integramente en España. O prezo de custo é máis elevado, pero así Mireiq pode controlar o proceso de produción. “Galicia é a comunidade que máis reforza o concepto de artesanía e nós traballamos cunha fábrica que ten o distintivo Artesanía de Galicia na provincia da Coruña”, indica o deseñador, que destaca o valor que o cliente ten sobre todo o demais.
É unha das cousas que máis claras quedaron na empresa tras o seu paso por Conector Galicia de Conector Startups Accelerator, a aceleradora de startups de base tecnolóxica especializada en proxectos dixitais listos para ser lanzados ao mercado que está integrada na Rede Galega de Aceleradoras de Innovación participada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). “Ensinounos que o mercado fala. Que dá igual o que teñas na túa cabeza, o importante é validalo no mercado”, valora Labandeira.
O seu mentor foi un dos responsables de innovación de Inditex
. “Dá moita seguridade que unha persoa co seu coñecemento –remarca– vexa algo no noso estudo e nos trate de ti a ti”. O apoio é fundamental neste tipo de proxectos porque, como destaca Labandeira, unha das cousas que máis custa é “saber fracasar”. “Escoita consellos de xente próxima e non próxima. Colle o que te faga avanzar e o que te atrase, esquéceo”, propón.
Ademais de actualizar a web con máis modelos, as colaboracións con artistas e a estrea de Mireiq Wallet, unha carteira creada a partir dun prego de pel, a empresa busca investimento para mellorar a experiencia de compra para o cliente. “A xente empeza a coñecer o estudo e a acollida é moi boa”, afirma Labandeira. Dentro dun ano espera dar outra sorpresa: unha liña de mobles.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS