Alimentos a pedir de boca para vivir máis e mellor
Dime que comes e direiche como es. A medicina ten cada vez máis claro que a dieta é un dos factores máis influentes no benestar das persoas. E ao revés: que en función dos seus xenes, un individuo tolerará mellor ou peor un alimento. A partir dunha análise de saliva, a empresa galega Mercantia é capaz de elaborar bebidas personalizadas e adaptadas ao metabolismo de cada consumidor.
Carl e María Jung romperon os roles tradicionais do matrimonio desde o mesmo día da súa voda en 1876. El, herdeiro dos viñedos dos seus pais e fabricante de barrís, quedou na casa para encargarse do cultivo e a elaboración do viño. Cun claro instinto para os negocios, ela viaxaba por Alemaña adiante para a comercialización entre os colectivos que podían permitirse un luxo así naquela época. A María tocoulle lidar cos números cando os clientes máis antigos empezaron a reducir os encargos sen ningunha razón aparente. Pero había unha e poderosa causa e non eran precisamente as estreitezas do peto. Todos padecían enfermidades de corazón ou fígado e deixaban o viño por prescrición médica.
Por entón, o fillo da parella, Carl Jung Jr., só era un estudante de Economía na universidade. O espírito emprendedor corríalle polo sangue. Experimentando coa temperatura da destilación conseguiu reter os sabores, algo inédito ata ese momento, e a familia patentou o primeiro sistema de desalcoholización de viño da historia no seu país, en Gran Bretaña e EEUU en 1908. Século e medio despois, no medio da efervescencia dos estilos de vida saudables, o viño sen alcohol gana adeptos entre os consumidores españois. As vendas non chegan ao millón e medio de litros por ano, pero o sector estima que é cuestión de pouco tempo que alcance os 10 millóns.
Entre as poucas empresas metidas aí, abrindo camiño, está Mercantia. A compañía galega especializada en novos produtos e servizos alimentarios conta co respaldo do InnovaPeme, o programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destinado a impulsar a competitividade das pemes co apoio aos seus plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. “Esa axuda permítenos apostar pola innovación en toda a súa amplitude e ser máis ambiciosos, ademais de establecer lazos de colaboración con outras entidades que poden desembocar nunha participación conxunta en convocatorias de plans internacionais”, valora Yolanda Redondo Carballeira, xerente de Mercantia.
Entre unha adega e un laboratorio
Do mesmo xeito que os Jung, a compañía pontevedresa ten un método propio de desalcoholización que combina a evaporación a baixa temperatura, sofisticadas técnicas para recuperar os aromas e mesmo a crioxenización. A súa filial para o negocio vitivinícola, o Grupo Elivo, funciona a todos os efectos coma un laboratorio de I+D.
“O proceso de elaboración foi evolucionando para axustarnos aos requerimentos organolépticos das persoas e ás esixencias que, como sociedade, todos temos a través dun compromiso co planeta”, explica Redondo. En cada botella de Elivo Zero Zero reduciuse a pegada ecolóxica un 70%. Véndese en España, varios países europeos máis, EEUU, Rusia e Xapón. O plan de negocio de Mercantia prevé incrementar a súa presenza internacional, aproveitando os beneficios para a saúde do viño tinto desalcoholizado –os antioxidantes, entre outros– para desenvolver bebidas personalizadas.
Guía por whatshapp
Moitos expertos cren que o futuro da alimentación virá da nutrixenética e a nutrixenómica para vivir máis e mellor. En ambas disciplinas centra Mercantia os esforzos de I+D. Son alimentos ricos, saudables e adaptados ás particularidades xenéticas e metabólicas de cada un.
E como se deseñan? Pois basta con tomar unha mostra de saliva co test que a empresa envía á casa do usuario. A análise identifica unha serie de marcadores xenéticos que revelan como dixire as vitaminas para que Mercantia elabore para el ou ela unha bebida personalizada.
“Démonos conta pronto de que quedar coas características dos alimentos non era suficiente. Os hábitos das persoas son tan ou máis importantes”, sinala a xerente da empresa. Non hai un test capaz de diagnosticar os modos de vida, pero si é posible recoller a información dos costumes dun individuo, almacenala e analizar ata o mínimo detalle a través da intelixencia artificial. Con ela da man, Mercantia traballa nun programa de conversación virtual que serve de guía e conselleiro a través do whatsapp.
O health bot vai dirixido a calquera que estea preocupado pola saúde, que queira previr unha deterioración cognitiva ou a persoas diagnosticadas xa de alzhéimer. “As probas realizadas ata o de agora con enfermos son altamente satisfactorias en fases moi temperás –avanza Redondo–, cando os síntomas non son aínda moi marcados”.
Apoio técnico
Imaxinar, crear e crecer. Con esas tres palabras Mercantia resume a súa filosofía de traballo. Por iso a súa actividade ten tamén unha terceira división de consultoría para levar adiante proxectos vinculados ao sector alimentario e a saúde. É partner dunha empresa en Ghana e outra en Malaisia, ás que presta asesoramento técnico. “En temas financeiros estamos abertos a participar en iniciativas que encaixen coa nosa idea de negocio, con potencial de crecemento e enfocados a mellorar a vida das persoas”, resume Yolanda Redondo.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS