O mundo enteiro entra na túa cociña a golpe de clic
De pouco vale saber moito de técnicas culinarias se o prato é tan exótico que falta o básico: os ingredientes. Un problema habitual para os cada vez máis numerosos afeccionados aos fogóns e á gastronomía internacional. Mercado Flotante é un gran comercio virtual no que atopamos 1300 produtos para saborear o planeta enteiro.
“Se me desen só un centavo por cada vez que se utiliza a palabra foodie…”, bromeaba o xornalista británico Paul Levy nun artigo de 2007 no xornal The Guardian
para reclamar, cargado de ironía, “a paternidade da palabra”. Aínda que pareza moi recente, foodie ten pouco de neoloxismo. O vocábulo naceu hai anos, mesmo moito antes dese artigo de Levy hai unha década.
Foi en 1984. Paul Levy e Anna Barr, tamén xornalista, publicaron O libro oficial do foodie, unha análise sobre a entón incipiente eclosión da gastronomía e, de paso, unha resposta ás burlas contra o propio Levy, alcumado “o rei foodie” pola súa obsesión coa comida. A palabra converteuse na definición alternativa para aqueles entusiastas da boa mesa fóra da categoría de gourmet por idade ou nivel adquisitivo e que hoxe representan un estilo de vida afamado grazas ás redes sociais.
Miguel Briones é foodie e cociñeiro afeccionado “desde os nove anos”. Un día regaláronlle un manual con centos de receitas asiáticas. “O 90% tiña algún ingrediente que non podía comprar nas tendas e un bo número eran descoñecidos”, lembra este empresario pontevedrés.
Á súa socia, Lorea Castroviejo, sucedíalle o mesmo e dunha conversación sobre as dificultades para cociñar pratos exóticos naceu a idea de crear unha Foodiepedia “para consultar directamente todos os aspectos relacionados con cada ingrediente”. Pero os dous sabían que o reto podía ser maior e decidiron cubrir “esa necesidade no mercado de levar a calquera lugar os produtos para cociñar calquera receita do mundo”.
A inspiración asiática
E abriron o seu propio mercado, inspirado nas coñecidas tendas en barca dos países asiáticos, “aínda que o noso flota no ciberespazo”. Mercado Flotante preséntase coma “o universo foodie online”. É un gran comercio virtual con máis de 1300 produtos de 36 provedores internacionais.
“Os ingredientes xa están en España con varias empresas importadoras. Pero non chegan a todos os fogares, só están dispoñibles en grandes cidades”, conta Miguel Briones, CEO e encargado de Desenvolvemento de Negocio desta startup que supera os 4300 usuarios rexistrados.
Se existen os produtos, “o que faltaba para achegar a cociña internacional a todos era unha organización loxística e vocación de servizo”. Cando Briones se refire a “todos” fala tanto do usuario particular como dos profesionais da cociña. “O servizo é idéntico para os dous compradores –continúa–. A única diferenza é o prezo, menor loxicamente para os profesionais”.
A procura do produto
¿Que ocorre se un produto non está no catálogo? Un café moi raro dunha zona remota de Colombia ou unha especia típica nalgún país africano, por exemplo. “Pode non estar no noso stock, pero si na nosa rede de importadores”, contesta o CEO de Mercado Flotante. A empresa pídeo e nun par de días chega ao almacén. Se os provedores tampouco dispoñen del, aquí está outra das fortalezas do seu servizo: “Buscámolo”.
Ese extra ofrecido por Mercado Flotante de atopar produtos aínda descoñecidos en España implicou para os seus fundadores “un laborioso traballo de localizar, visitar, inventariar e negociar cos importadores, de nacionalidades diferentes e culturas moi dispares, durante meses”. “Tivemos que asesorarnos con expertos en relacións internacionais e dedicar moitas horas para establecer relacións de máxima confianza e tamén para a loxística, outra das facetas máis complicadas”, explica Briones.
Todo ese esforzo permite servir ao cliente “nun ou dous días os produtos habituais” e entregar os que son máis infrecuentes “en entre tres e cinco”. O envío custa 4,99 euros e a partir dun gasto de 30 é gratis.
Contido como valor engadido
Parte da primeira idea de Briones e Castroviejo segue viva en Mercado Flotante. O escaparate cos ingredientes máis estraños do planeta convive coa Foodiepedia e as súas case 300 explicacións sobre pratos e produtos. Ademais, a web inclúe 200 receitas e un blog “de cultura culinaria, cheo de curiosidades para fomentar a motivación pola cociña internacional”. “A armazón de contidos obedece a unha lóxica: se non coñezo un ingrediente, leo a Foodiepedia. Despois necesito saber que facer con el. Busco unha receita. E acudo á tenda”, describe o CEO.
A máis contido, máis valor, opinan en Mercado Flotante, como guía para a súa estratexia de marketing, “moi segmentada e coidada para chegar ao noso público obxectivo e pensar nas súas necesidades”. Coma se fose una antiga tenda de barrio, pero cos alimentos da outra punta do mundo.
Por esa razón, o establecemento online vende utensilios de cociña e enxoval. “Parece lóxico pensar –afirma Briones– que se alguén ten a inquietude por elaborar unha receita como se fai en orixe, queira ser fiel en todo”.
Unha “magnífica academia”
Mercado Flotante foi seleccionada na terceira edición de ViaGalicia, a aceleradora de empresas impulsada pola Zona Franca de Vigo e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). “Foi unha magnífica academia con mentores especializados e unha nova rede de contactos dentro do ecosistema emprendedor”, valora Miguel Briones. O fondo Vigo Activo e XesGalicia, a sociedade de capital risco da Xunta de Galicia, entraron como investidores nunha rolda de capital semente cunha achega de 50.000 euros cada un. “É encomiable que decidan investir en empresas como as startup, que son unha idea e todo incerteza”, engade.
A prestixiosa Fundación Basque Culinary Center fixouse no proxecto. Mercado Flotante foi finalista nos seus premios á mellor startup do sector FoodTech e pasou logo pola incubadora do centro para seguir un programa especializado de impulso a empresas gastronómicas.
Romper clichés
A última novidade na vocación de “innovación constante” da compañía son uns kits de iniciación á cociña internacional por especialidades. Desde comida xaponesa a mexicana ou thai. “Un produto redondo con varias receitas ordenadas de menor a maior experiencia culinaria e con todos os ingredientes necesarios para elaboralas”, relata Briones, que adianta a saída ao mercado “en breve” de “novos produtos dirixidos a nenos, á maridaxe ou con preparados alimentarios de alta gama” para “romper clichés”. “¡Xa veredes!”, prometen.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS