Estes zapatos camiñan de volta a unha segunda vida
Fast fashion e economía circular. Difícil combinación. A industria da moda ten por diante o enorme desafío da sustentabilidade. Moitas empresas de roupa buscan xa como cambiar o seu modelo de produción vertixinosa e no sector do calzado a galega Krack é pioneira na busca da reciclaxe masiva de zapatos para que a única pegada que deixen no medio ambiente sexa ao pisar.
Tiña entre 10 e 12 anos cando, paseando polos arredores da súa casa en París, un sinal de prohibición moi peculiar deixou atónito a Christian Louboutin. Á entrada do Palacio da Porte Dorée había a silueta dun zapato cun fino e longuísimo tacón, riscado cunha cruz vermella porque os solos do interior do edificio eran dunha madeira moi delicada. Non entendeu a imaxe. “Facía referencia a un zapato que eu nunca vira, que non existía para min, e prohibir algo que non existe parecíame estraño, fíxome pensar”, lembrou o deseñador na inauguración dunha exposición retrospectiva sobre a súa obra o pasado marzo nese mesmo lugar. A vocación dun dos creadores máis populares da industria do calzado polas icónicas solas vermellas con tacóns vertixinosos espertou días despois daquela visión hipnotizadora. O debuxo cobrou vida nos pés de Kim Novak mentres vía a película Vertixe, de Alfred Hitchcock.
O sector do calzado reúne en España case 4.700 empresas e uns 38.900 traballadores e a facturación anual supera os 4.600 millóns de euros. Coma para os seus colegas do téxtil, o principal desafío no futuro da fabricación de calzado é a famosa cuadrupla R que resume a sustentabilidade –redución, reutilización, reciclaxe e recuperación–, máis aínda nunha actividade como a moda, intensiva no uso de materias primas.
“Non valen as medidas por puro márketing que poden acabar facendo máis dano que beneficio. A clave é crer nelas, como é o caso do noso plan integral de sustentabilidade”, afirma Marcelo Toural, o CEO de Krack Zapaterías. A cadea pontevedresa foi seleccionada entre 90 candidatos de 26 países para o Programa de Circularidade do proxecto C-Voucher, no que a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), forma parte como socio e que recibe financiamento do programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da UE.
A escala industrial
Krack non quere deixar pegada coa súa actividade no medio ambiente e para iso proponse reinventar o calzado. “Somos unha empresa pequena. Fixemos xa cousas de sustentabilidade e responsabilidade social colaborando con algunha ONG, pero na reunión estratéxica deste ano decidimos dar un paso máis e elaborar un plan completo”, explica Toural. Aséntase en tres piares: persoal, crecemento sustentable da propia empresa e planeta. “Este último –detalla– ten como obxectivo crear un ciclo de 360 graos nos zapatos”.
Para recuperar todo o calzado que venda despois de ser utilizado polos seus clientes, Krack busca primeiro o modo de que o produto usado volva ás súas instalacións e non vaia a un contedor na rúa. A pel, os téxtiles e o plástico poden ter unha segunda vida se están en boas condicións. Pero hai que revisar as pezas, separar os materiais e clasificalos antes. É un proceso tan difícil que, ata o de agora, ninguén conseguiu poñelo en marcha.
“Presentamos o proxecto ao programa C-Voucher coa idea de deseñar un proceso de reciclaxe masiva de calzado –explica Marcelo Toural–. Ten que ser unha tecnoloxía industrializable e asumible economicamente porque de forma manual, con 300 persoas triturando zapatos, é imposible”. Krack traballa no seu desenvolvemento en colaboración coa Asociación de Investigación de Industria Téxtil (Aitex), gran referencia en I+D na moda en España.
A esencia do comercio
Con paso firme, a empresa galega entra de cheo na economía circular despois de desafiar a enorme competencia do seu sector. Naceu dunha zapatería de cidade nos anos 90. O negocio foi medrando, ata que en 2013 deu un salto cualitativo na profesionalización da xestión coa entrada de tres enxeñeiros procedentes da automoción. Cambiaron a imaxe e as rutinas internas para mellorar a produtividade, pero sen perder a esencia do comercio tradicional. “O servizo personalizado e o asesoramento fan que teñamos unha chea de clientes fidelizados. Iso é clave”, conta o CEO.
Cada establecemento amolda a oferta á demanda da zona onde se sitúa. Ademais de analizar a información dos balances de vendas, os product managers tratan semanalmente o que máis e menos funciona directamente cos encargados das tendas. Krack implantou con éxito no mercado dos zapatos o modelo de rotación continua de produto das grandes cadeas de roupa, aínda que no seu caso o escaparate é mixto, un 50% de produción propia e o outro 50% de marcas coñecidas. “Iso dános moita flexibilidade. Hai clientes marquistas e outros que queren máis tendencia –sinala Toural–. O noso lema é que se alguén pensa en calzado, pense directamente en nós”.
Videocompras
Krack ten 50 tendas físicas repartidas por Galicia e outras comunidades. “50 + 1, realmente”, matiza Toural, en referencia á canle online, dispoñible desde hai tempo en España e recentemente para Portugal, Francia e Alemaña. Tamén está de estrea con outra web de outlet con prezos rebaixados. Vende en Amazon, Spartoo e Zalando. Os dependentes levan un teléfono móbil para mostrar os artigos do catálogo que non están na tenda. A empresa prevía facer así o 2% das operacións online e, tres anos despois, supoñen entre o 20% e o 30%. “A migración do modelo estaba na nosa estratexia –remarca– antes xa da crise do coronavirus”.
O que si fixo a pandemia foi incentivar a imaxinación e apostar pola compra a través de WhatsApp. O cliente pode conectar coa tenda a través de videochamada ou recibir fotos para tomar unha decisión. “Rompeu todas as estimacións. Na tenda onde temos o servizo, a metade das operacións son así”, desvela Marcelo Toural.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS