Unha inxección de calidade de vida para os diabéticos
O 8,5% da poboación mundial é diabética e o día a día para moitos deles depende da insulina. Os descoidos nas doses poden provocar consecuencias moi graves. Insulclock lanza o primeiro dispositivo do mercado que calcula as horas, avisa de incidencias e almacena todos os datos para inxectarse “con intelixencia”. Logo de numerosos premios, a startup galega prepara xa a súa expansión internacional.
Máis de 400 millóns de persoas no mundo débenlle a vida á cadela Marjorie e a Leonard Thompson, o primeiro diabético en recibir insulina para rescatalo do coma provocado pola enfermidade en 1922. Tiña 14 anos e estaba a piques de morrer.
O seu veciño, o científico Frederick Banting, levaba meses ensaiando un tratamento e a situación crítica do mozo permitiulle dar o salto das exitosas probas co animal aos humanos. A dose inicial fallou. Tras depurala, o 23 de xaneiro daquel ano, un día grande para a historia da medicina, tentárono de novo e en só 24 horas o nivel de azucre en sangue baixou un 77%. Banting gañou en 1923 o Premio Nobel de Medicina por este transcendental descubrimento.
Aínda que hai diferentes perfís da doenza e as pautas de tratamento varían duns afectados a outros, a rutina é o aliado común de todos os enfermos para manter a diabetes baixo control. Sábeo de primeira man José Luis López, diabético e CEO (director executivo) de Insulclock, que saca ao mercado en setembro “a solución máis completa” para supervisar as doses de insulina en tempo e forma. Para, en definitiva, inxectar calidade de vida aos pacientes.
Máis que unha app
“A realidade é que antes da visión de negocio veu a miña necesidade”, conta López, diabético de tipo 1, de orixe autoinmune e con administración crónica de insulina. “Estaba cansado de moitas das situacións polas que pasaba e pregunteille ao meu médico se existía algún dispositivo que me axudase a lembrar a inxección ou se a puxera –rememora–. Contestoume que podía usar unha goma para o pelo no pulso ou algunha alarma. Decidín empoderarme como paciente e buscar unha solución aos meus problemas de control e rexistro da enfermidade”.
Insulclock colócase na pluma de administración da insulina e convértea “nunha pluma intelixente”. “No momento da inxección, incorpora de forma automática toda a información da dose e almacénaa nun smartphone, un computador, unha tableta ou na nube”, explica Suso Pérez, CMO (xefe de márketing) da compañía e responsable de Investigación de Mercado en I+D.
Non é, por tanto, unha app convencional. É “un centro de datos” que supervisa o tratamento (a dose, os tipos ou o horario), permite introducir manualmente os niveis de glicosa, vixía a conservación da insulina –a temperaturas altas perde propiedades– e xera alarmas “para evitar erros, esquecementos ou sobredoses”. Coidados “de vital importancia”, destaca José Luis López, “porque unha dobre picada, unha equivocación no tipo de insulina ou un esquecemento poden ter consecuencias terribles como retinopatías, cegueira e mesmo a morte”.
A información, encriptada e “con todas as medidas e obrigacións” da Lei de Protección de Datos, integra “o caderno do diabético”, accesible a calquera persoa designada como titor polo enfermo e para que o médico endocrino coñeza a evolución do tratamento.
A estrea das vendas
Insulclock acaba de pechar o seu paso polo programa Vodafone Connecting for Good Galicia impulsado pola Fundación Vodafone e a Xunta de Galicia –a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e o Igape– co obxectivo de apoiar a emprendedores e novas pemes con proxectos de negocio que contribúan á innovación social mediante o fomento e uso das TIC en Galicia. “Tivo un grande impacto en moitos sentidos”, asegura Suso Pérez. “Ata ese momento non desenvolveramos a nosa estratexia online nin tiñamos unha web apta para comercio electrónico –detalla–. Démoslle unha volta a todo e empezaron a chegar as vendas”.
Antes de finalizar o ano, Insulclock terá distribuído as 2000 primeiras unidades e traballa xa na adaptación do sistema a outros tratamentos, coma o da hormona do crecemento.
A compañía foi recoñecida cunha longa lista de premios e a Comisión Europea
concedeulle o apoio Instrumento Peme Horizonte 2020 para proxectos disruptivos de pequenas e medianas empresas. Unha “motivación” para seguir, segundo os fundadores, e recursos para os traballos de I+D. “O financiamento é un dos problemas máis complicados para unha startup, que nós salvamos coas axudas e os premios recibidos neste percorrido”, apunta López.
Proxecto piloto co Sergas
O potencial de crecemento de Insulclock levantou moita expectación no sector sanitario tanto polo dispositivo como pola valiosa información que manexa. Entre os contactos e acordos xa pechados con empresas e administracións está o Servizo Galego de Saúde (Sergas). Xuntos preparan o protocolo para unha proba piloto do dispositivo con 50 pacientes. O estudo co Sergas e o ensaio clínico en marcha coa Universidade de Emory, en Atlanta (EEUU), son “de vital importancia” na empresa “para reafirmar que, con máis información e os datos de uso da pluma de insulina, melloraremos a saúde de millóns de persoas e o impacto económico da diabetes”, que, segundo indica o CMO, “supón o 8% do gasto sanitario nacional”.
En España hai tres millóns de diabéticos diagnosticados e estímase que outros 2,3 millóns o son e non o saben. A incidencia en todo o mundo creceu desde o 4,7% da poboación en 1980 ao 8,5% en 2014, segundo os últimos datos da Organización Mundial da Saúde (OMS). É un problema global que fai que Insulclock queira ser tamén unha solución global. De feito, entre os primeiros países nos que queren ter presenza están EEUU e Chile.
A expansión chegará en 2018. E non é a única novidade que teñen entre mans. Nas últimas semanas, os creadores de Insulclock recibiron “unha gran noticia dunha das maiores empresas tecnolóxicas do mundo”. Por agora non poden desvelar nada máis. A confidencialidade manda nesta compañía que, como os xigantes tecnolóxicos cos que agora negocia, naceu nun garaxe cuns cantos ordenadores e unha impresora 3D.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS