As novas tecnoloxías que optimizan o sector primario
«Grazas á innovación melloramos a calidade de vida dos gandeiros e gandeiras e tamén das vacas».
Non hai nada como coñecer unha actividade tradicional a fondo para idear a maneira de levala ao século XXI. Os fundadores de Innogando criáronse entre vacas e así foi como se lles ocorreu aplicar os seus coñecementos para sacar ao mercado un dispositivo que cambiará para sempre as duras condicións de traballo nas explotacións gandeiras. Chámase Rumi. Con el, os propietarios das granxas poden monitorizar as reses en tempo real para que todos gañen en benestar e mellore a produtividade do negocio.
Elio López coñece moi, moi ben o duro traballo do campo. É veterinario e fillo de gandeiros. Deses, como lembra sempre, que non poden coller nin un día de vacacións porque os animais tampouco descansan. Mentres estudaba a carreira, el e o seu amigo Daniel Pardo, que por entón cursaba enxeñería informática, empezaron a cuestionarse se había algo de verdade na vella idea de que a tecnoloxía e a natureza son incompatibles. Nada máis lonxe da realidade. Do seu coñecemento de primeira man das dificultades cotiás das granxas e da paixón de ambos os dous polas ferramentas dixitais naceu Innogando, unha start-up que pon os algoritmos ao servizo do benestar das vacas e tamén dos seus donos e donas.
O seu dispositivo chámase Rumi e é o resultado dunha innovación disruptiva, é dicir, que non tiña precedentes no mercado. Rumi é coma un reloxo intelixente que vai colgado no pescozo da vaca. Incorpora un sistema de localización XPS para saber en tempo real onde está e que fai cada res. “Comer, rumiar, descansar… Nós analizamos todos os datos que veñen do seguimento das vacas e enviamos notificacións ao teléfono móbil do gandeiro ou gandeira. Pode ser un aviso de enfermidade, de entrada en celo ou proximidade ao parto ou unha alerta se o animal sae da leira e entra noutra”, explica Elio López.
Os movementos das vacas dan moita información esencial sobre a súa saúde que pode pasar desapercibida e afectar á produtividade do negocio. Descubrir os celos, por exemplo, “é bastante complicado porque hai que estar pendente constantemente da conduta das reses”, conta o CEO de Innogando.
O momento idóneo para a inseminación desde que aparecen os primeiros síntomas do celo é, ademais, “moi curto, ao redor de 12 horas. Por iso unha das vantaxes de Rumi é aumentar a taxa de fertilidade”, destaca López.
Maior produción e menos custos
Con máis inseminacións exitosas e a detección precoz de enfermidades, a explotación eleva a produción e alixeira os custos. “O retorno económico ascende a 80 euros por cada animal ao ano”, indica Elio López. “Pero a mellora do traballo e da calidade de vida dos gandeiros é moitísimo maior –continúa– porque podemos darlles a tranquilidade de que as vacas están controladas e avisámolos se pasa algo”.
Rumi recárgase automaticamente cunha placa solar. Non lle afectan os problemas de cobertura. Pode empregarse en gandería intensiva ou extensiva e integra e todos os servizos nunha única aplicación.
A fabricación realízase integramente en Galicia co apoio de dúas empresas de Ourense e Vigo, encargadas da ensamblaxe e dos moldes. Este ano sairán ao mercado uns 2000 dispositivos Rumi para facerlles a vida máis fácil e rendible a entre 50 e 70 explotacións.
O potencial da trazabilidade
Unha das principais saídas comerciais que os responsables de Innogando ven a curto prazo é a trazabilidade en producións de alto valor engadido. “Os consumidores queremos coñecer cada vez máis a orixe dos alimentos que tomamos e, con toda a información que almacena Rumi, é posible facelo”, afirma Elio López. Que alguén bebe leite ecolóxico? Pois o dispositivo pode garantir que o é porque recolle onde pastaron os animais e mesmo durante canto tempo.
O proxecto de Innogando cultiva os seus primeiros froitos despois de aproveitar cada oportunidade de axuda que xurdiu no camiño dos seus dous fundadores. Entre outras iniciativas, a empresa pasou pola aceleradora de empresas ViaGalicia da Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Zona Franca de Vigo; e pola Business Factory Food, impulsada pola Xunta de Galicia co apoio do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Estivo tamén entre os negocios apoiados polo programa ReAcciona do Igape. Elio González ten moi en mente o importante que son as axudas, especialmente ao principio. “Cando necesitas un empurrón –revela– e quitar o medo de non ter diñeiro para empezar”.
Por que innovar?
O día que Innogando puido estrear Rumi fixo moito máis que abrir un negocio. A súa é unha lección de emprendemento innovador, de como as novas tecnoloxías poden cambiar para sempre un sector tradicional onde os avances pasan a miúdo de longo. “Buscamos a dixitalización da gandería porque iso mellora a calidade de vida dos animais, pero tamén a das persoas”, sinala o CEO da start-up, que ten a súa sede na granxa familiar de Abadín (Lugo), a mesma que lles serve de laboratorio de probas para o desenvolvemento dos servizos do dispositivo intelixente.
Ata o de agora, segundo López, as ferramentas dixitais dispoñibles “non chegaron realmente á gandería porque non son efectivas. Existen, pero non están pensadas para o gandeiro común”, insiste. “Sen tecnoloxía adaptada ao traballo real nas granxas –asegura–, non será posible frear os peches de explotacións nin tampouco ofrecerlles unha rendibilidade real”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS