Intelixencia artificial: o mellor aliado para vender
A compañía, que hoxe en día emprega a sete persoas e que esperan aumentar a doce a finais deste ano, conta entre o seus socios con algúns dos líderes mundiais da Intelixencia Artificial aplicada ao ámbito creativo e estético.
Poden as máquinas pensar? Décadas despois de que Alan Turing deseñara o seu famoso test, a resposta a esta pregunta segue sen ter unha resposta clara. O que si sabemos seguro é que a intelixencia artificial chegou para quedar e que pode ser unha aliada chave en moitos ámbitos.
Baixo esta premisa funciona Photo ILike, unha plataforma desenvolvida por Artificial Intelligente Indestia, S.L., unha spin off da Universidade da Coruña, xurdida do Programa Ignicia, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación e en colaboración coa Fundación Barrié, que utiliza a intelixencia artificial para determinar as mellores imaxes dun conxunto desde unha perspectiva de calidade, valor estético ou impacto comercial.
“Todos tivemos que seleccionar fotografías dunha viaxe ou dunha festa. E cando vendes un produto, a fotografía que seleccionas pode ser fundamental” explica Manuel Pérez, CEO de PhotoILike: “O noso servizo emprega a IA para facer un estudo de mercado, de forma que sabemos que imaxes van lograr que vendamos mellor”. Grazas a esta tecnoloxía, destaca, os seus clientes conseguen melloras de conversión (de listaxe a detalle) dun 15%; e melloras aínda máis importantes na consecución de clientes potenciais ou leads. Un incremento que, no sector inmobiliario ao que está orientado a plataforma, aporta un inmenso valor. Ademais de mellorar a conversión, PhotoILike permite automatizar procesos, como crear a orde do anuncio, etiquetando as imaxes e agrupándoas de forma óptima en poucos segundos.
Personal shopper
Entre os proxectos de futuro, buscan introducirse no sector da venda de vehículos e, na seguinte versión do sistema de avaliación de imaxes no da moda e mobiliario. Actualmente, traballan nun sistema que gardará o gusto estético dos usuarios, de forma que funcionará como un personal shopper, destacando os produtos da súa preferencia de forma automática en calquera tenda online. Para desenvolver este proxecto, buscan voluntarios que queiran probar sistema de IA estéticos co seu gusto persoal.
A compañía, que hoxe en día emprega a sete persoas e que esperan aumentar a doce a finais deste ano, conta entre o seus socios con algúns dos líderes mundiais da Intelixencia Artificial aplicada ao ámbito creativo e estético. Nacida ao abeiro do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña, Indestia creouse grazas ao apoio proporcionado á UDC por parte do Programa Ignicia, apoio que o seu CEO cualifica de fundamental: “Permitiunos explorar as posibilidades comerciais do noso desenvolvemento como científicos e acompañándonos no proceso de construír o xerme da nosa empresa. Estamos máis que agradecidos pola inmensa aportación e gustaríanos que o programa axudase a outros investigadores a facer realidade o seu emprendemento”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS