Sacando brillo á loita contra os microplásticos
Entre todas as frontes abertas na loita pola sustentabilidade, o freo ao plástico é, sen dúbida, un dos que maior concienciación esperta. Con esa filosofía naceu Iberluffa, que vende en medio mundo esponxas de baño vexetais cultivadas e tratadas en Caldas de Reis. O seu novo produto é un innovador estropallo biodegradable para contaminar menos facendo algo tan habitual como fregar os pratos.
De pouco lle servían a Edwin W. Cox o mellor dos seus sorrisos e levar debaixo do brazo o último modelo de potas fabricadas en aluminio. Casa por casa nas rúas de San Francisco (EEUU), a maioría dos veciños nin sequera estaban dispostos a escoitar as bondades da súa batería, e quen si aceptaba, tampouco compraba nada. A conversación ía por outros camiños, entre queixumes polo complicado que era naquel momento, a principios do século pasado, deixar a vaixela realmente limpa. Ao comercial, que cobraba a comisión, tanto laio acendeulle unha luz.
Na súa propia cociña preparou un utensilio de limaduras de aceiro e xabón seco. Á muller de Cox ocorréuselle chamalo SOS –o sinal internacional de socorro e acrónimo tamén de save our saucepans (salvade as nosas cazolas)–, aínda que á historia pasou co nome de estropallo. Entón si, coa súa invención como reclamo, abríronselle todas as portas.
A brillante traxectoria do, con permiso da fregona, un dos grandes aliados das tarefas domésticas, choca agora coa batalla da sustentabilidade. A composición dos estropallos, sobre todo poliéster e polidamida, fan moi difícil a reciclaxe. Co uso desprenden microplásticos que acaban coándose polo desaugadoiro. E se existise unha fibra natural igual de resistente e elástica para sacar brillo á vaixela?
Haina. É un tipo de esponxa vexetal chamada luffa, parente das cabazas (curcubitáceas), coa que Ibérica Galega de Esponxas Vexetais (Iberluffa) acaba de patentar o primeiro estropallo biodegradable. A pioneira empresa de Caldas de Reis participou na terceira edición de Agrobiotech, a aceleradora da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da da Axencia Galega de Innovación (Gain) en cooperación coa Tecnópole, para apoiar o crecemento de pemes innovadoras nos sectores da biotecnoloxía, a agroalimentación e a biomasa. “Grazas ao programa puidemos centrarnos no desenvolvemento dunha alternativa compostable fronte aos estropallos sintéticos e estender a nosa patente a países como EEUU, Australia, China, Canadá ou Nova Zelandia”, explica Juan Carlos Mascato Esperón, o director técnico.
Selección das mellores plantas
Licenciado en Ciencias Forestais, o fundador da empresa asentada en Caldas de Reis tiña experiencia previa en cultivos de bioxenética e unha obsesión: frear o uso do plástico. Nuns terreos familiares empezou a cultivar a luffa para crear esponxas de baño naturais. Pero non unha especie calquera. “A empresa naceu oficialmente en 2013, aínda que o labor de investigación e desenvolvemento empezou moito antes para madurar a idea e unha das claves foi a selección xenética”, conta Mascato.
Pensando nas propiedades, pero tamén na loxística, a empresa sacou adiante un tipo de planta cun tamaño máis cómodo para o traslado e máis branda. “As nosas plantas son a esencia da empresa”, describe o director técnico de Iberluffa. Ter unha xenética propia permítelles obter fibras “á carta” con distintas intensidades, incluso unha súperbranda adaptada a peles sensibles por enfermidades cutáneas.
Tan importante é o traballo de elección e coidado das sementes, que, a pesar de contar cun banco de seu, a startup repite todos os anos o proceso de desenvolvemento das variantes de esponxa. Así se labrou a maior plantación de luffa de Europa, onde non se utiliza ningún produto químico e todos os residuos xerados volven despois ao cultivo como compost.
Esperar o momento
Na casa estaba outro inmellorable compañeiro de viaxe para diferenciarse do resto de empresas cunha oferta similar. A riqueza termal de Caldas de Reis fixo posible incorporar este tipo de auga para o tratamento da materia prima a 43 graos e enriquecer a calidade dos produtos.
O catálogo de Iberluffa inclúe esponxas, discos de peeling facial, manoplas e fundas de xabóns. A duración vai de 4 a 6 meses, en función do uso. Para coselos empréganse tamén fibras naturais e as caixas son biodegradables.
“Cando arrincamos, pouca xente se interesaba realmente polo problema da contaminación plástica e o mercado dos nosos produtos era moi reducido –admite Mascato–. Pero tamén sabiamos que chegaría un momento en que as cousas cambiarían e de súpeto todo o traballo realizado durante tantos anos foi moi importante para concienciar de que se pode vivir contaminando menos”.
Negocio en crecemento
A empresa vende hoxe xa en farmacias e tendas ecolóxicas de medio mundo. A medio prazo, o reto son China e Rusia. A curto, os países americanos e Canadá. Por eles expandirase da man dunha empresa colombiana que Iberluffa comprou recentemente, pensando tamén en ampliar os cultivos, concentrados ata o de agora na súa localidade e no norte de Portugal. “Ademais, solicitamos licenza urbanística en Caldas para a construción dunhas novas instalacións adaptadas ás nosas necesidades técnicas polo incremento da actividade”, avanza Mascato.
Co lanzamento do estropallo natural, Iberluffa decidiu separar en dous o seu negocio, cos produtos dermatolóxicos por unha banda e por outra, máis industrial, o novo artigo estrela baixo a marca comercial de Luffo’s. “Representará o estropallo e outros proxectos que están en curso –asegura Juan Carlos Mascato–. Van na nosa liña de compostables e se conseguimos terminalos serán sensacionais”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS