Coas redes soltas no caladoiro da innovación
Dunha pequena intermediaria do comercio de peixe nos anos 80 naceu a actual líder mundial do lagostino austral e da pescada. Poucos na historia do sector protagonizan un crecemento tan meteórico como Iberconsa. O grupo acaba de abrir en Vigo a súa primeira fábrica en Europa, a xoia da coroa da súa estratexia de I+D para cociñar produtos de alto valor engadido.
O paquete que Li, o cociñeiro de Eduardo Cabello, deixou no camarote antes dun longo abrazo de despedida rompeu cando o barco xa partira de Porto Rico. O xefe de obras públicas da antiga colonia volvía a España repatriado. A casa familiar en San Juan fora o único inmoble destruído durante o histórico bombardeo dos EEUU o 12 de maio de 1898, o episodio que desencadeou a loita polo control da illa. Detrás dunha peza de ferro asomada no envoltorio, Cabello descubriu os restos do obús que marcou a súa vida e tamén o futuro dunha cidade galega a 6.500 quilómetros alén do Atlántico. A Auro, a súa muller, “caéronlle dúas grosas bágoas e eu en segredo prometín gardar o obsequio de Li coma se fose unha xoia”, lembra nas súas memorias o artífice da histórica transformación do porto de Vigo.
Por non haber, cando el chegou nin existía un lugar para a poxa do peixe. Case desde cero elaborou un Plan de Ordenación pioneiro con lonxa, peiraos novos, entrada de transatlánticos, conexión ferroviaria… Tanto se adiantou ao seu tempo, que as instalacións son hoxe o que Cabello deseñou en 1913, o berce ideal para xigantes pesqueiros.
Alí acaba de abrir as súas portas Iberconsa Seafood Procesing, a primeira planta en Europa do grupo galego líder mundial do lagostino austral e da pescada conxelada, con varias liñas de elaboración de produtos de alto valor engadido. “Era imprescindible contar con máis persoal especializado para responder á cada vez maior demanda das grandes cadeas de distribución”, explica Javier Arán, director de I+D+i. Co obxectivo de guiar o relanzamento da súa marca propia Nós cunha maior oferta e de máis calidade desde as instalacións de Vigo, Iberconsa fichou a Beatriz Sanmartín, doutora especializada en xestión e execución de proxectos de alimentación, grazas ao programa Talento Sénior da Xunta de Galicia, promovido pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para fomentar a contratación estable de persoal de alta cualificación para actividades de I+D+i.
Proceso ao completo
Fundada en 1981 por Ángel López Soto, David Ramos, José Manuel Rodríguez Táboas e Daniel Cameselle, a multinacional adicou a súa primeira década de travesía á comercialización de peixe conxelado. Coa compra da firma arxentina API en 1998 chegou a expansión e estreouse como armadora. Hoxe suma 45 buques, 3600 empregados, cinco factorías e unha rede de 20 filiais que controlan da primeira á última das fases da cadea, incluída a venda directa na súa rede de tendas Hiperxel.
“Nestes últimos anos o traballo de Iberconsa centrouse en potenciar a súa capacidade pesqueira con incrementos sostidos da frota, aumentar o valor engadido desenvolvendo mellores produtos pensando no consumidor final e potenciar as vendas da canle retail”, sinala Javier Arán. Froito desa tripla aposta, a compañía converteuse no segundo grupo pesqueiro español cunha facturación de 350 millóns de euros.
Calidade do produto
Nun holding de semellantes dimensións presente en todo o ciclo do peixe conxelado, a innovación abarca áreas tan diferentes como as técnicas de captura, o envasado e, por suposto, o coidado da materia prima. “Permite perfeccionar os procesos de fabricación para que o procesado sexa mínimo, adaptar novos materiais de packaging para preservar por máis tempo a calidade dos produtos e tamén un uso limitado de aditivos”, relata Arán.
O recente departamento de I+D coordina a renovación tecnolóxica e do portfolio de produtos cos equipos técnicos locais de Namibia, Sudáfrica, Arxentina e España, as catro zonas nas que a compañía ten instalacións transformadoras. No último ano concentrou os esforzos na apertura da factoría de Vigo. Cando alcance a velocidade de cruceiro, Iberconsa Seafood Procesing producirá 15.000 toneladas anuais coas melloras conseguidas polo seu extenso currículo investigador.
Experiencia acumulada
É o caso do proxecto Laniber no cal, coa aplicación dun novo tratamento non térmico e a pasteurización por microondas, Iberconsa desenvolveu unha liña de refrixerados de lagostinos con maior vida útil e todas as garantías sanitarias e características organolépticas.
A compañía liderou ademais Propesca, un exitoso consorcio que deu un xiro de 180 graos na forma de conservar a pescada a bordo con substancias de orixe natural e unha menor manipulación grazas a máquinas específicas de limpeza e corte. Na faceta ambiental, o grupo participa na iniciativa Sealive apoiada polo Horizonte 2020 da UE para a validación industrial dun filme biodegradable para embolsar alimentos e a súa aplicación experimental en redes de pesca.
Sustentabilidade e saúde
A sustentabilidade é unha das principais liñas de traballo de Iberconsa para o futuro. “Queremos avanzar cara a unha industria máis respectuosa co medio ambiente”, afirma Arán, que insiste no produto final como a outra gran prioridade. “Facer do grupo non só un líder na captura e a comercialización de pescada e lagostino –engade–, senón tamén un líder na innovación de produtos saudables e achegalos ás novas xeracións”.
No seo da compañía hai tamén unha nova xeración. Hai pouco máis dun ano que Platinum Capital completou a compra de Iberconsa, ata ese momento en mans dos seus fundadores e do tamén fondo Portobello, coa vista posta en seguir alimentando o vertixinoso crecemento.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS