Intelixencia artificial e minería de procesos: unha alianza moi produtiva
Nacida no seo do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, esta compañía que hoxe emprega a 14 persoas xa axudou a mellorar os seus procesos a administracións públicas, hospitais e empresas industriais, de loxística, telecomunicacións, banca…
Nos anos 90, o enxeñeiro holandés Wil van der Aalst buscaba unha alternativa ás técnicas manuais de modelado de datos. Nacía así a minería de procesos, unha metodoloxía cuxa formulación culminaría coa publicación, en 2011, do Manifesto de Minería de Procesos.
Preto dunha década despois, INVERBIS Analytics, spin off da Universidade de Santiago de Compostela que contou co apoio do Programa Ignicia, leva esta técnica ao seguinte nivel cunha plataforma sustentada na Intelixencia Artificial e o Big Data que facilita ás empresas aforrar na xestión, automatizar operacións e facilitar os procesos de certificación.
Dan man dun grupo de investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS), INVERBIS Analytics desenvolveu novos algoritmos situados na vangarda mundial e que permiten unha descrición profunda e detallada sobre a forma en que as empresas executan realmente as súas operacións. Tal e como explica o seu CEO Gonzalo Martín, a súa plataforma: “captura a información das bases de datos e os logs dos sistemas de información das empresas para reconstruír a execución que verdadeiramente se realizou dos seus procesos de xestión. Dado que, cada día máis, todas as actividades deixan pegada dixital, dispoñemos dos medios para saber que é o que pasou realmente”.
Mellorar a calidade de vida no traballo
A Intelixencia Artificial e o Big Data fan posible predicir como se van comportar, como van terminar, en que medida se realizan segundo o previsto, se aparecen ou van aparecer camiños inesperados ou indesexados. Á súa vez, proporciona información rigorosa da conduta histórica co fin de analizar sen opinións nin percepcións os fenómenos que causan variación e as razóns polas que se resinte a eficiencia do proceso.
Así, a aplicación das técnicas promovidas por INVERBIS Analytics non só aumentan a produtividade, senón que tamén mellora a calidade de vida no traballo: grazas a que acelera a comprensión das variacións dos procesos organizativos, esperadas e inesperadas, é posible corrixir erros, minorar as horas e facilitar a resolución de problemas.
Programa Ignicia: unha axuda insubstituíble
Nacida no seo do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela, esta compañía que hoxe emprega a 14 persoas xa axudou a mellorar os seus procesos a administracións públicas, hospitais e empresas industriais, de loxística, telecomunicacións, banca… No horizonte, o equipo está inmerso en ampliar as capacidades preditivas e os modelos de simulación de procesos.
O seu CEO Gonzalo Martín cualificou ao Programa Ignicia, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación, en colaboración coa Fundación Barrié, como unha axuda insubstituíble: “Sen iniciativas como Ignicia e a propia vocación da Universidade sería extraordinariamente dificultoso financiar proxectos “deep tech” ou de innovación na fronteira do coñecemento, pois o tecido de capital risco privado en España está pouco especializado neste tipo de iniciativas”. Neste sentido, Martín destaca tamén a rápida incorporación ao accionariado de UNIRISCO, o fondo de capital risco vinculado ás universidades galegas, polo seu excepcional compromiso e importancia.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS