Superheroes da natureza en pé de guerra contra a contaminación
Os fungos forman parte do elixir da eterna xuventude para os nosos solos. Son organismos depuradores, capaces de degradar os hidrocarburos. Unha poderosa arma da loita contra a contaminación coa que un amplo consorcio de empresas e entidades liderado por Hifas da Terra xa devolveu a fertilidade a varios vertedoiros de cascallo e a unha antiga mina en Galicia.
O manga xaponés, tan dado ao futurismo, ten entre as súas obras de culto a novela “Nausicaä do Val do Vento”. Escrita polo popular autor Hayao Miyazaki hai máis de tres décadas, a historia fantasea sobre o enorme poder da Natureza para curarse a si mesma. A protagonista é una princesa que logra salvar o planeta grazas aos fungos. Hai naves espaciais, insectos xigantes… todos os elementos típicos da ciencia ficción.
Pero o fondo do cómic ten moito de verdade. Tanto, que o uso de fungos nos tratamentos con organismos vivos para limpar residuos tóxicos (biorremediación) é un dos campos máis prometedores na loita contra a contaminación. Sobre todo, a provocada polas verteduras de hidrocarburos no solo.
Estas verteduras ocorren nas inmediacións das refinerías ou das gasolineiras polo almacenamento e as fugas no transporte de combustibles; en estradas, minas ou fábricas, onde a miúdo están presentes outras substancias tóxicas como os metais pesados, que dificultan a depuración; ou en zonas de lavado de buques. Hai elementos do petróleo moi persistentes e nocivos tamén no procesado de carbón, a combustión do gas natural e, incluso, nas emisións dos coches.
A UE estima que en toda a súa extensión existen uns 300.000 terreos contaminados e o gasto anual de recuperación ascende a 6 billóns de euros. O número de parcelas afectadas, segundo a Axencia Ambiental Europea, terá aumentado un 50% para 2025.
Os solos tecnolóxicos
A variedade das situacións de risco e a combinación de diferentes elementos contaminantes complican os traballos de reparación do chan, que é un dos principais desafíos ambientais da sociedade moderna. Isto sen esquecer “o carácter mutaxenético e canceríxeno” de todas estas compoñentes e o custo económico da súa reparación, como lembra Arturo Rodríguez Blanco, do departamento de I+D de Hifas da Terra. El e o seu equipo traballan na aplicación de fungos para elaborar solos tecnolóxicos (tecnosoles) capaces de rehabilitar zonas danadas por hidrocarburos e outros contaminantes.
A biotecnolóxica galega referente en investigación en micoloxía impulsou en 2013 o proxecto Micotecnolosoles para a recuperación de terreos contaminados en colaboración co Centro de Valorización Ambiental do Norte
, a Compañía Galega de Silvicultores, a empresa Edafotec, a Estación de Fitopatoloxía de Areeiro e o Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago. O consorcio contou co respaldo da Axencia Galega de Innovación (Gain) a través do programa Conecta Peme para o fomento da cooperación entre pequenas e medianas empresas e entidades públicas en iniciativas de I+D vinculadas á Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.
Pero, ¿como son quen os fungos deseñados polo consorcio galego de liquidar os contaminantes? “Algúns fungos son capaces de degradar compostos tóxicos como os hidrocarburos, transformándoos en substancias menos tóxicas para contribuír ao desenvolvemento doutros microorganismos beneficiosos no chan. Mentres, os fungos formadores de micorrizas, un proceso de simbiose entre algúns fungos e as raíces das plantas, axudan a unha captación máis eficiente de auga e nutrientes, polo que facilitan a supervivencia destas en ambientes perturbados”, explica Rodríguez Blanco.
Ensaios na Gudiña e Touro
A selección de fungos e os tecnosoles “á carta” (micotecnosoles) desenvolvidos polas entidades do consorcio de innovación permitiu intervir xa en varias parcelas de ensaio. Os resultados son visibles e “esperanzadores” en vertedoiros das obras do AVE na Gudiña (Ourense) e nunha antiga mina de Touro (A Coruña). Neste último caso, un terrero improdutivo e sen rastro de vexetación, as plantas micorrizadas introducidas seguen medrando.
“Demostramos que os produtos desenvolvidos poden degradar hidrocarburos volátiles e aromáticos policíclicos”, que son os máis difíciles de atacar, segundo aclara o investigador de Hifas da Terra.
A renovación do proxecto
O éxito das probas propiciou un paso máis no proxecto de I+D para a actividade vinculada coas minas de lousa, unha extractiva que require da execución de proxectos que garantan a estabilidade do terreo, minimicen a súa erosión e faciliten o desenvolvemento vexetal. O epicentro da investigación é o concello ourensán de Carballeda de Valdeorras, onde aproximadamente hai 1200 hectáreas vinculadas a estas actividades.
A segunda parte de Micotecnosoles conta de novo co apoio do programa Conecta Peme 2016 de Gain, que financia o 60% do investimento, case 886.000 euros.
A investigación non se centra só na recuperación dos chans grazas aos dotes curativos dos fungos. Analiza “novas opcións para a xestión destes residuos” co obxectivo de cumprir as esixencias legais en materia de substancias contaminantes. “A nosa proposta, ademais de eficaz e sustentable –asegura Arturo Rodríguez–, potencia a restauración ambiental, xa que a aplicación de micotecnosoles e a introdución de plantas micorrizadas contribúen ao secuestro de carbono e iso repercute positivamente fronte ao coñecido efecto invernadoiro”.
No futuro, o proxecto prevé actuacións que combinen os fungos coas bacterias. As sinerxías entre ambos os dous tipos de superheroes da natureza abren “grandes posibilidades” na recuperación de terreos arrasados polos incendios, na mellora da produtividade en solos pouco fértiles ou na conservación de recursos hídricos en zonas de cultivo afectadas polos cada vez máis frecuentes períodos de seca.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS