A pequena luz que cambiou para sempre a seguridade viaria
Os típicos nervios despois dun accidente ou unha avaría na estrada non axudan a ser rápidos na imprescindible sinalización co triángulo de emerxencias. Colocalo leva tempo e obriga a saír do coche. A startup galega Netun Solutions puxo no mercado un dispositivo lumínico que avisa da posición do vehículo en segundos e reduce o risco de atropelos para os condutores.
Os sinais de tráfico que temos en España son iguais aos de lugares tan remotos como Casaquistán, Sri Lanka ou Zambia. Hai 69 países actualmente adheridos á Convención Viaria de Viena de 1968, considerado un dos cumios máis importantes de Nacións Unidas
do século pasado. Foi nesa cita, coa premisa de que o símbolo impacta máis que a palabra, onde se decidiu que o uso de letras para a sinalización sexa excepcional co fin de evitar problemas ás persoas que non saben ler ou descoñecen o idioma do país polo que están a circular. Os expertos agruparon os indicadores viarios en seis grandes tipos e asignaron unha forma xeométrica a cada un.
Esa é a razón de que as advertencias de perigo estean sempre en triángulos, coma o dispositivo de risco que hai que colocar na estrada nunha situación de emerxencia co coche parado. Non vale poñelo a un par de pasos. A separación correcta son 50 metros para garantir a súa visibilidade. Pero, ¿e se fose posible para un condutor con problemas facerse visible a unha distancia maior? Netun Solutions conseguiuno cun pequeno faro que se coloca desde dentro no teito dos automóviles e que é perceptible a 1 quilómetro, mesmo en condicións de pouca visibilidade ou de noite.
“Non temos que descender do vehículo, montar o triángulo e camiñar 50 metros pola estrada, unha acción que pode levarnos uns oito minutos. Con Help Flash estamos sinalizados en 30 segundos e sen saír”, explica Jorge Costas, conselleiro delegado (CEO) da startup galega centrada en buscar solucións innovadoras para a seguridade viaria.
O apoio das novas tecnoloxías
A outro dos fundadores e director técnico da empresa, Jorge Torre, chamoulle a atención o monográfico publicado en 2013 polo Real Automóbil Club de España (RACE)
sobre o elevado índice de atropelos de peóns na estrada. Cada día prodúcense en España 10.000 e son sete veces máis letais que un accidente de coche. Torre empezou a darlle voltas a unha opción alternativa que aliviase o risco que asumen os condutores ao saír do coche para poñer o triángulo de emerxencia.
“Tiñamos a certeza de que era un produto necesario e de que a tecnoloxía dispoñible nestes momentos permite desenvolver dispositivos máis eficientes e seguros”, destaca Costas. As primeiras investigacións convencéronos de que era realmente posible facelo a un prezo axustado a todos os petos e lograr ademais o recoñecemento da administración, as asociacións do sector e os usuarios. Xunto cun terceiro socio e encargado da área legal, Javier Romano, lanzaron Help Flash ao mercado en outubro de 2016.
Un produto intuitivo
O dispositivo actívase automaticamente por magnetismo cando se pon en contacto cunha superficie metálica, coma o teito do coche, ou de forma manual virando a base. A partir dese instante emite un triplo escintileo de cor amarela visible para o resto de condutores en só uns segundos. É pequeno e compacto para telo gardado a man, por exemplo, na guanteira ou na porta. E tamén é autónomo grazas a unha pila de 9 voltios que garante dúas horas de funcionamento en modo emerxencia e que non se derrama co paso do tempo, polo que aos 5 anos mantén unha capacidade de uso do 90% para estar nas mellores condicións cando haxa que utilizalo.
“Queriamos que fose moi intuitivo, por iso non ten botón”, describe Jorge Costas. “Ademais, ao poder deixalo sobre a chapa do vehículo –engade–, ten unha segunda función como lanterna sen necesidade de usar as mans”.
No desenvolvemento da idea inicial e na análise de compatibilidade co sector colaborou o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Durante os primeiros meses do proxecto foi tamén fundamental o apoio da compañía Avata Hispania, dedicada ao asesoramento de vítimas de accidentes de tráfico e un dos primeiros compradores do Help Flash.
O proxecto foi un dos 15 elixidos na cuarta edición de VíaGalicia, a aceleradora de empresas impulsada pola Zona Franca de Vigo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). “Achegounos firmeza, axuda a construír uns alicerces sólidos sobre os que agora é máis fácil traballar e seguir construíndo a empresa”, valora Costas.
A segunda xeración do dispositivo
Desde o inicio da súa comercialización, Netun Solutions vendeu 100.000 unidades en España, Estados Unidos, Francia, China e Xapón. O dispositivo dará agora un salto cualitativo co formato en versión conectada. “A idea fundamental é permitir aos condutores conectar de forma automática cos servizos de emerxencia (112) ou asistencia na estrada e aseguradoras, o que reducirá aínda máis os tempos para solicitar axuda, algo absolutamente esencial nestas situacións de nervios”, avanza o CEO da empresa. O lanzamento será inmediato e da man da aseguradora AXA.
Os fundadores de Netun Solutions recoñecen as dificultades do emprendemento. “Quen pensé que é polo diñeiro ou a financiación equivócase, máis en Galicia cos apoios que temos”, sinala o CEO da startup. “O maior problema é rodearse dos mellores e iso implica atopalos, seleccionalos, motivalos e convencer da aposta por un proxecto con tanto risco. Algo que vale para os recursos humanos, pero tamén para os partners”, apunta.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS