A outra doutora que fará que ao teu médico non se lle escape nada
A intelixencia artificial está a cambiar a medicina. Hai xa moitas ferramentas de axuda aos profesionais da saúde para ser máis eficientes e precisos. Ese é tamén o obxectivo dun innovador sistema creado por un grupo de empresas liderado por Health in Code que integra todas as recomendacións das guías clínicas para que o médico poida tomar sempre a mellor decisión.
Gregor Mendel cultivou máis de 28.000 plantas de chícharos en sete anos. Non o movía ningún afán de comerciante, nin sequera era agricultor. Fillo dun veterano das guerras napoleónicas e cunha infancia moi pobre, ingresou no mosteiro agostiño de Brno (República Checa) o 9 de outubro de 1843. Alí volveu tras estudar ciencias na Universidade de Viena. A Mendel gustáballe moito a natureza e daba longos paseos polos arredores. Durante unha das andainas chamoulle a atención unha planta de chícharo. As leguminosas eran abundantes na zona, pero esa variedade estaba fóra do común e o frade levouna para transplantala á beira doutra máis corrente. Así botou raíces a investigación xenética.
Tan desapercibidos pasaron os estudos de Mendel que ata Charles Darwin, da mesma época e artífice da teoría da evolución biolóxica, descoñecía o seu valioso traballo. Tivo que pasar medio século para que un grupo de botánicos descubrise as minuciosas publicacións do relixioso cos resultados do cruzamento de especies diferentes de chícharos e o comportamento dominante e recesivo dos xenes. As tres leis mendelianas serviron de guía para completar o Proxecto Xenoma Humano, unha investigación internacional sen precedentes que en abril de 2003 publicou o mapa dos aproximadamente 25.000 xenes que contan como somos.
Desde entón, o campo da xenética e a xenómica seguiu evolucionando a un ritmo vertixinoso, apoiándose no tamén constante desenvolvemento tecnolóxico para aproveitar as ferramentas de análise masiva de datos (big data) e desvelar os segredos das enfermidades. “Como se agora un consegue un millón de libros e pon unha biblioteca na súa casa. Quen a le? Quen xestiona esa información?”, compara Lorenzo Monserrat, cardiólogo e fundador de Health in Code, a empresa galega dedicada á industrialización de todo ese coñecemento para poder aplicalo ao paciente que o necesita.
Do diagnóstico ao prognóstico
O grupo de investigación sobre a morte súbita e as cardiopatías familiares liderado por Monserrat a finais dos anos 90 deuse conta de que o problema fundamental para realizar e interpretar estudos xenéticos era a imposibilidade de reunir todas as investigacións existentes. “A única forma de conseguilo era a través dun grupo máis grande en forma de empresa coa suficiente masa crítica para a comercialización internacional, que foi a nosa vocación desde o principio”, lembra.
Health in Code naceu para identificar os problemas de saúde que poden beneficiarse dun diagnóstico xenético e crear os servizos que permitan achegarse ao prognóstico. Os seus estudos non só identifican as variantes xenéticas (os xenes que se diferencian doutros por mutacións) que interveñen nas doenzas, senón que inclúen información detallada doutros condicionantes asociados –como os datos identificativos das familias– e curvas de supervivencia.
Aínda que empezou centrada na área de cardioloxía con 10 especialistas a tempo completo e varios hospitais de referencia en Europa entre os seus clientes, a empresa con sede na Coruña xa ampliou os seus servizos a neuroloxía, inmunoloxía, oncoloxía, farmacoxenética e está a abrir o departamento de pneumoloxía. “Non é que sexamos un hospital, pero si somos provedores de solucións e coñecemento para os médicos que continuamente tratan os pacientes neles”, sinala o CEO de Health in Code. A facturación ascende a seis millóns de euros tras un crecemento anual do 30%. Vende en España, Reino Unido, Alemaña e Dinamarca, entre outros países, e prepárase para dar o salto a EEUU co seu modelo de bioinformática da man de médicos especialistas e enxeñeiros expertos en intelixencia artificial.
Sempre decide o médico
No día a día dos médicos crúzanse moitas e moi diferentes decisións. Por iso as sociedades científicas editan guías de prácticas clínicas con recomendacións. Quizais un dos exemplos máis coñecidos é a administración dunha aspirina ás persoas con síntomas de infarto. “Dous dos problemas principais e a causa de moitos erros son a falta de tempo e a incapacidade para estar ao tanto de todas as novidades nunha enfermidade”, relata Monserrat. El, xunto co tamén cardiólogo Carlos Pena Gil, levaban anos pensando un sistema de asistencia que aglutinase todas as guías clínicas para diminuír a carga de traballo e evitar probas e medicación innecesarias.
Dra. MeKnow, que é como se chama, é unha plataforma que integra as recomendacións relevantes en medicina. Foi deseñada polo consorcio formado por Health in Code, Allenta Consulting e Antón Campos Consultores, co apoio do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC) da Universidade da Coruña.
A través de formularios, da historia clínica electrónica ou con textos libres, o médico introduce os datos do paciente e pode revisar as diferentes opcións de diagnóstico e tratamento que hai, todo documentado. Comprobar se se lle escapa algo e se pode haber unha interacción de medicamentos ou outra enfermidade asociada. “A última palabra é sempre do médico que con esta ferramenta pode ser más eficiente e estar máis seguro”, resume Lorenzo Monserrat.
A importancia dos apoios iniciais
A falta de financiamento atrasou o desenvolvemento do sistema ata que foi seleccionado na convocatoria do Conecta Peme en 2016, o programa impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para apoiar proxectos de I+D+i de pequenas e medianas empresas en colaboración cos demais axentes do sistema de innovación no marco dos retos e prioridades identificados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. “Contar cos apoios na fase inicial ten un impacto moi grande neste tipo de proxectos –valora Monserrat–. Decidir unha axuda nun momento de éxito resulta moi fácil, pero no comezo é básico, máis nun sector como o noso onde o investimento privado é escaso”.
A tecnoloxía de Dra. MeKnow foi transferida a unha nova empresa, Dilema, onde un equipo de seis enxeñeiros leva dous anos incorporando e actualizando as recomendacións e as variables do sistema. Á espera de posibles investidores, o obxectivo é entrar no mercado nun par de anos e ter en catro, segundo Monserrat, “un produto ao 90% do que consideramos necesario para cubrir o coñecemento médico máis relevante en todas as áreas”. O plan de negocio prevé superar os 100 millóns de euros en facturación.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS