As leitugas e os tomates emancípanse da terra
Grazas á hidroponía hoxe é posible ver crecer produtos de horta en zonas de solos pouco fértiles ou con climatoloxía extrema. Este tipo de cultivos que substitúen a terra por auga e nutrientes son cada vez máis populares, unha panca para a agricultura sustentable do futuro. A pesar da súa recente creación, en 2015, a galega H2 Hydroponics é xa unha referencia do sector con proxectos en Groenlandia, Indonesia ou Qatar.
Cada unha das plantas de menta verde que John Woodward cultivou durante 77 días en auga mesturada con terra creceu de xeito moi diferente. Canto menos depurada estaba a auga, máis se desenvolvían. Ata ese momento, en 1699, non existía unha teoría clara sobre como se alimentaban as plantas e este historiador e xeólogo inglés afeccionado á botánica marcou un antes e un despois nos coñecementos da fisioloxía vexetal co seu descubrimento sobre a importancia dos minerais disoltos en auga para a súa nutrición. Acabábase así o reinado da terra como ingrediente exclusivo na comida das plantas, “razón pola que as civilizacións antigas lle daban frecuentemente á terra o epíteto de pai ou nai”, lembra Woodward no inicio da presentación do seu experimento ante a Real Sociedade de Inglaterra.
O historiador marcou o rumbo da hidroponía, un método de cultivo que substitúe o solo por solucións acuosas. Gañou popularidade durante a II Guerra Mundial para abastecer de vexetais ás tropas asentadas en zonas áridas e a NASA
úsaa nas misións espaciais para equilibrar a dieta dos astronautas.
Moitos expertos cren que é a agricultura do futuro porque non hai clima que poida con ela. Nin os -20 graos de media no inverno en Groenlandia, nin os 50 graos do verán en Dubai. Nos dous países xa ten proxectos H2 Hydroponics, a startup galega especializada en cultivos hidropónicos que está a facer brotar leitugas e tomates en medio mundo sen necesidade de terra. “Ademais de que podemos producir baixo condicións extremas de temperatura, os nosos sistemas son ideais para lugares onde se quere reducir o consumo e a contaminación dos recursos hídricos”, afirma Salvador Ruiz, responsable de vendas.
Agricultura e tecnoloxía
Ruiz traballaba na montaxe dun invernadoiro en Arabia Saudita. O fundador da empresa en 2015, Rafael Pereira, coñeceu de primeira man a hidroponía nunha viaxe por Costa Rica durante un ano sabático co que quería dar un xiro á súa vida de profesional do marketing. Os seus camiños cruzáronse precisamente cando buscaban información sobre esta técnica.
Despois de empezar a actividade con probas a ceo descuberto, H2 Hydroponics comprou un invernadoiro para madurar os sistemas deseñados coas experiencias previas que cada un tiña. Non se consideran enxeñeiros, senón agricultores que se apoian na tecnoloxía. “Somos xente de campo á que lle gusta e entende a produción vexetal –indica Ruiz– e por iso somos capaces de identificar as oportunidades de mellora dos sistemas hidropónicos”.
Máis produción, menos contaminación
Comparados cos cultivos tradicionais, os hidropónicos poden aumentar un 100% a colleita, mentres que o consumo de auga se reduce ata un 90%. Tampouco se arrastran os fertilizantes cara aos ríos ou a bolsas de auga subterráneas. “En resumo, produces máis e contaminas menos”, apunta Salvador Ruiz.
Desde novembro do pasado 2017, H2 Hydroponics ten patentado o sistema de cultivo H2Hybrid, deseñado para ser fácil de instalar e manexar. É un modelo circular para fomentar o aforro. No soporte polo que discorre a auga, sempre en movemento, imítase o proceso real da natureza para levar os nutrientes –a empresa deseña tamén solucións nutricionais para cada tipo de planta, coma unha comida á carta– ata as raíces. A temperatura e a osixenación da auga están baixo control. E ese maior control é o que o diferencia doutros circuítos, “co consecuente incremento nos beneficios netos ao produtor”, segundo Ruiz. “Rafa tivo a capacidade de optimizar o sistema para reducir tamén os consumos eléctricos –engade–, que é a pata máis feble nos sistemas hidropónicos actualmente no mercado”.
H2 Hydroponics foi seleccionada na quinta edición de ViaGalicia, a aceleradora de empresas impulsada pola Zona Franca de Vigo e a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). Foi “un punto de inflexión para o proxecto”, como recoñece o equipo directivo da startup. “Achegounos mentorización, investimento, proxección e aceleración da empresa para poder chegar ata onde estamos agora”, indica o responsable de vendas.
Vocación internacional
Para a comercialización de equipos domésticos e institucionais, a empresa con sede en Nigrán conta con distribuidores en Galicia e Andalucía. Cos produtores profesionais trata directamente. Hai sistemas de H2 Hydroponics nunha vintena de países: desde Groenlandia e Indonesia ata Qatar, pasando por Reino Unido, Panamá ou México. O mercado internacional representa o 90% das vendas.
A clara vocación global levou tamén á compañía a ser elixida por outras aceleradoras especializadas no sector do campo como a estadounidense Terra Accelerator e a italiana Startupbootcamp Foodtech; a participar na maior feira do sur de Europa de emprendedores, a South Summit de Madrid; ou a recibir un dos premios de innovación da feira Fruit Logistica de Berlín.
H2 Hydroponics busca nestes momentos aliados para crecer na casa. “Xa convencemos no mercado internacional –sinala Salvador Ruiz–. O reto é convencer ás persoas e aos investidores de que en Galicia se innova con tecnoloxías agrícolas capaces de revolucionar a forma na que producimos alimentos”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS