Unha carreira sen obstáculos para os atletas do coñecemento
O tempo xoga en contra dos innovadores. Canto máis se dilate un proxecto, máis posibilidades hai de que outro se adiante ou a novidade deixe de ser tal. O Horizonte 2020 da UE é unha oportunidade de ouro para que investigadores e empresas cheguen os primeiros á meta da excelencia a través de proxectos de grande envergadura.
Hai máis de 100 anos Marie Curie atrapou un raio. “Un raio que salvou miles de vidas”, como lembraba o 7 de novembro a Sociedade Española de Oncoloxía Radioterapéutica para conmemorar o día mundial desta especialidade médica na loita contra o cancro, rendendo homenaxe á única gañadora dúas veces do Premio Nobel e en categorías distintas. Logrou o de Física en 1903 por desvelar os misterios da radiación xunto ao seu marido, Pierre Curie; e o de Química en 1911 tras descubrir o radio e o polonio. Un legado inmenso que estivo a piques de perderse se non fose pola pericia e a valentía desta muller excepcional.
Cando o exército alemán ameazaba con invadir París na Primeira Guerra Mundial, Curie gardou os restos de radio do laboratorio e levounos a Burdeos. “A tarefa principal imposta a todos era axudar ao país de calquera forma posible”, conta no libro A Radioloxía e a guerra. Sorprendida pola cantidade de feridos que morrían no traslado aos hospitais, a científica inventou o primeiro aparello móbil de raios X. O goberno non acababa de activar o financiamento, así que ela mesma pediu colaboración á Unión de Mulleres de Francia e formou a 150 enfermeiras.
Outra unión, a Unión Europea, apoia agora a carreira de mentes brillantes co seu nome mediante as Accións Marie Sklodowska-Curie. A iniciativa forma parte do Horizonte 2020 (H2020), o Programa Marco de I+D+i para o período 2014-2020. Os seus obxectivos céntranse en dar resposta aos retos da sociedade –saúde, demografía, medio ambiente, enerxía sustentable e seguridade cidadá, entre outros–, impulsar o liderado industrial de Europa e conseguir a excelencia na ciencia.
Para que o camiño a unha innovación de altura non se convirta nunha carreira de obstáculos por falta de impulso, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), facilita a preparación dos proxectos e rescata os que conseguiron o selo de excelencia, sen chegar a obter financiamento, a través da súa liña de axudas para o fomento da participación galega no Horizonte 2020. Estas apoian tanto a preparación de propostas de calidade por parte de centros de coñecemento e empresas coma o financiamento para desenvolver os mellores proxectos xa presentados ao Instrumento PEME.
Os casos de éxito xa son moitos e a nova convocatoria, que pecha o 30 de novembro de 2020, traerá moitos máis.
Un GPS de interiores
Por moito que os robots gañen intelixencia en cada nova xeración, hai que educalos en cousas tan aparentemente simples coma o movemento, para que saiban onde están e poder desprazarse dentro dunha oficina ou nunha fábrica. Niso traballaban os fundadores de Situm, antes de crear a empresa, no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS) cando xurdiu a idea de ofrecer tecnoloxías de posicionamento en interiores para teléfonos móbiles.
Isto facilita moito as cousas, por exemplo, nos aeroportos, para localizar a porta de embarque ou dar cunha tenda en concreto porque o viaxeiro necesita urxentemente unha camisa. “Aí entramos nós, poñendo ao dispor das empresas a tecnoloxía para crear unha app –explica Víctor Álvarez, CEO desta spin-off da USC–. A experiencia é moi similar á de Google Maps, ofrecéndolle ao usuario a ruta no interior do edificio para chegar a comprar esa camisa”.
A plataforma tecnolóxica do GPS de interiores de Situm utiliza a rede wifi do recinto ou un sistema de balizas por bluetooth para recompilar a información sobre o posicionamento. Funciona xa en máis de 6.000 edificios de 70 países e prepara o salto ao sector da seguridade co proxecto MoreTrack, seleccionado na convocatoria 2019 de Gain entre os proxectos que conseguiron o selo de excelencia na fase 2 do Instrumento Peme da Comisión Europea no marco do H2020, un mecanismo orientado a apoiar as pemes innovadoras.
“Imaxina 10 vixiantes nun gran centro comercial. A empresa necesita saber que chegan a todos os sitios ou localizar o máis próximo se hai un roubo nunha tenda para non perder tempo”, indica Álvarez. O mesmo vale para os hospitais, aeroportos, fábricas e, en xeral, grandes edificios con calquera actividade que requira vixilancia. “A nosa tecnoloxía mellora a calidade do servizo, a seguridade das instalacións e tamén a dos propios traballadores porque inclúe un botón do pánico para alertar de problemas”.
O apoio de Gain acelera os tempos do proxecto. O que podía levar de 3 a 5 anos, é factible agora facelo nun e medio. “En lugar de ir aos poucos, invistes forte para lograr un retorno forte nun prazo moito máis curto”, explica o CEO da empresa. A MoreTrack, cunha precisión de localización de ata un metro, ábreselle outro enorme campo coa demanda crecente das empresas para coñecer os contactos do persoal dentro dos centros de traballo en caso dun positivo por coronavirus.
O vixiante que ve todo
E se o espazo é tan grande que os vixiantes necesitan alas para dar abasto? Diso encárgase Avansig, especializada en desenvolver tecnoloxías de información xeográfica. Durante un máster MBA que gañaron no Premio Emprende da Asociación Marineda de Novos Empresarios da Coruña en 2012, os fundadores coñeceron de primeira man con directivos de Prosegur os desafíos no sector da seguridade e deseñaron un plan de negocio para Isasdrone: un sistema de vixilancia en espazos interiores con drons autónomos, que obtivo avaliación favorable no Instrumento Peme fase 1 de H2020.
“En superficies amplas onde os circuítos pechados de televisión son moi caros, este dispositivo mellora as prestacións dos métodos tradicionais, ao tempo que é máis barato e máis efectivo en tempo de resposta”, afirma David Trillo, CEO da empresa galega. Ademais do sistema de navegación patentado por Avansig, o dron leva a bordo un escáner de varrido cunha marxe de erro de tan só cinco centímetros. Se pasa unha persoa, pode esquivala. Se ten que parar nalgún punto para identificar un obxecto, faino e envía o sinal ao centro de control.
“Temos varios casos de éxito con Prosegur en áreas comerciais. Quédanos superar algunhas dificultades na calibración para dispoñer dun produto final que poidamos meter nunha caixa e mandar onde sexa”, indica Trillo. “Sen a axuda de Gain en relación co H2020 –continúa– non seriamos capaces de dar un paso máis”. E xa os están dando. Aínda que a principal liña de negocio é a vixilancia, Avansig xa colabora con Arcelor Mittal na supervisión de espazos industriais e con EDF na inspección de elementos estruturais de grandes plantas de enerxía na réplica dunha central nuclear da multinacional francesa en París.
O cerebro das fábricas
Álvaro Dosil é enxeñeiro técnico electrónico e doutor en Física. Co primeiro título traballou no sector industrial e o segundo abriulle as portas do CERN de Suíza, o laboratorio de investigación básica máis importante do mundo. Finalmente, regresou a Galicia coa idea de montar con outros dous socios algún negocio que combinase todo o aprendido nesas dúas etapas. E na análise masiva de datos atoparon un nicho por explotar.
“A maioría das empresas de big data e de machine learning dedícanse a cuestións como a previsión de vendas, as finanzas ou as redes sociais, pero moi poucas actúan na área de operacións, directamente na planta de produción”, conta Dosil, CEO de Triple Alpha, a empresa galega que dota de cerebro ás fábricas.
Coma o currículo dos fundadores, detrás dos proxectos da empresa situada en Padrón hai un equipo multidisciplinar. A análise da cadea industrial corre a cargo dos enxeñeiros de organización. Saben como funcionan os procesos e falan o mesmo idioma que os responsables das plantas. Son tamén os que traducen os problemas detectados aos analistas de procesos, xeralmente matemáticos ou físicos, que converten o defecto nun modelo matemático. Finalmente están os técnicos TIC, encargados de desenvolver unha aplicación ou un software para averiguar onde hay mermas, despilfarros ou problemas de produtividade.
Triple Alpha empezou sendo unha consultora, pero as empresas, sobre todo as pemes, pedían cada vez máis ferramentas a medida para poder recompilar e organizar a información espallada en mails, follas de control e follas de cálculo. Aproveitando que o 75% dos seus clientes son firmas alimentarias, a compañía logrou, co apoio de BFFood –a aceleradora de Clusaga e Gain para o sector–, desenvolver a súa propia plataforma de machine learning.
Esta tecnoloxía aplícase á prevención dos riscos laborais a partir da análise de cuestións como as horas extra, a velocidade da maquinaria ou a formación dos traballadores. “O apoio de Gain á preparación de propostas de calidade para o H2020 permite que os proxectos de I+D sexan máis ambiciosos e rápidos”, destaca Álvaro Dosil. A automoción e o téxtil son as dúas outras principais actividades do negocio da empresa, que prepara un proxecto para mellorar a xestión nas residencias de maiores pensando nas patoloxías dos usuarios, pero tamén nos seus hábitos e afeccións.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS