A gran familia de ferreiros que moldea o futuro do metal
«As pequenas melloras incrementais son a base da evolución dunha empresa».
Dos proxectos de enxeñería ao mantemento de instalacións industriais e parques eólicos. O grupo Intaf estende a súa actividade por toda a cadea de valor metal-mecánica para dar un servizo especializado e integral ao naval, a siderometalurxia e a enerxía. A súa innovadora xestión interna e as alianzas tecnolóxicas con outras empresas convertérona nun referente en Galicia de adaptación aos cambios da economía.
Como outras aventuras de emprendemento, a historia de Intaf empezou na planta baixa dunha casa familiar. A de Ramón Franco e Dolores Caaveiro, un matrimonio natural de As Pontes que se trasladou a Narón (A Coruña) a principios dos anos 40. El era ferreiro e montou un taller onde fabricaba ferramentas agrícolas e pezas para fechaduras. A súa polivalencia para traballar o metal avivou o crecemento do negocio, incorporando cada vez máis produtos de maior sofisticación, como equipamentos para o sector siderúrxico, o naval e a obra pública.
A crise enerxética de 1972 precipitou a entrada na compañía do seu fillo José Ramón Franco, daquela estudante de Formación Profesional. Foi o primeiro dos moitos avatares económicos que fortaleceron o espírito de resistencia de Industrias e Talleres Ramón Franco. Oitenta anos de superación fronte a recesións globais e locais, “agravadas nunha comarca que ten unha especial dependencia do sector naval e o enerxético. Nacer neste territorio inoculou no noso ADN empresarial a necesidade dunha innovación permanente”, confesa o director xeral.
Cinco divisións especializadas
Intaf é “un grupo multidisciplinar e multisectorial” do sector metal-mecánico con cinco divisións. Neodyn leva proxectos de enxeñería, consultoría e xestión de proxectos. Intaf Promecan fabrica, monta e repara equipos, caldeiraría e mecanizado. A produción de engrenaxes correspóndelle a Evolventia. Tecman céntrase no mantemento industrial e en parques eólicos, aos que tamén se dirixe a actividade de Sincro Mecánica, neste caso para a xestión integral do tren de potencia dos aeroxeradores.
Cada unha das empresas funciona de xeito totalmente independente para potenciar a súa especialización, pero a dirección do grupo é transversal, segundo Franco, “de forma que hai unha coordinación integrada. Caracterízanos a innovación na organización –afirma– grazas ás ferramentas de xestión empresarial que temos implantadas desde hai anos e o persoal adecuadamente capacitado”.
Colaboración para ser flexible
Así é como Intaf pode aglutinar toda a cadea de valor e ofrecer produtos e servizos adaptados á demanda do cliente. “É o que nos permitiu ter un crecemento sostido nestes anos”, explica Franco. A súa metodoloxía de innovación aberta vai da man dunha aposta en firme pola cooperación con outras empresas e centros tecnolóxicos, buscando sempre ser o máis flexible posible.
O grupo formou parte do consorcio D3SFILA xunto con Vigosystems, Hydracorte, Roboting, Fundiciones Rey e o centro tecnolóxico Aimen, para o desenvolvemento conxunto dun sistema robusto e modular de fabricación aditiva a través do aporte de fío multidireccional por láser. O proxecto contou co apoio da Axencia Galega de Innovación e está cofinanciado con Fondos Feder. Intaf participou como usario da tecnoloxía, capaz de fabricar pezas complexas para moitos tipos de industrias.
No marco do programa Shipbuilding 4.0 en colaboración coa Xunta, Aimen e o Clúster do Naval Galego (Aclunaga), a compañía naronesa contribuíu ao deseño de celas robóticas, unha das aplicacións máis demandadas no proceso de automatización da soldadura.
Planta punteira de tratamento do aceiro
Á familia de Intaf acaba de unirse Cogaltra. A nova sociedade, compartida con outros socios (Tumbadoiro, Mecanizados Moan, Demaq e Ipargama), está levantando en Narón unha planta punteira de tratamento térmico do aceiro. Terá un forno de cementación e endurecemento ao baleiro único en España polas súas dimensións e capacidade. “A nosa intención é colaborar para que as empresas que necesitan este proceso sexan máis competitivas”, avanza Franco.
A nova fábrica é o punto estrela do plan de investimentos que Intaf estreou o pasado ano para ampliar o seu músculo industrial. Dos máis de 5 millóns de euros previstos, 3,1 millóns destinaranse a nova maquinaria avanzada e 1,9 millóns a infraestruturas, entre outras partidas. Ademais de manter o cadro de persoal, que conta con case 200 persoas neste momento, o grupo prevé crear, polo menos, cinco novos empregos.
Por que innovar?
Intaf analiza e proba cada nova tecnoloxía que sae ao mercado para implementala nas súas instalacións “canto antes”. Só dese xeito, di o seu director xeral, se consegue unha diversificación sectorial e produtiva como a súa. “Está amplamente demostrado que a innovación é a única fórmula de supervivencia a longo prazo”, defende José Ramón Franco, pensando non só “nos complexos procesos de I+D. A innovación vén en moitas ocasións da aplicación de pequenas melloras incrementais, que son realmente a base de evolución dunha empresa”, destaca.
A experiencia xoga a favor do grupo. A maioría dos traballadores leva moitos anos nel. “As curvas de aprendizaxe están en fase de madurez e iso contribúe moi positivamente, dado que as persoas son a forza da innovación”, valora Franco. O reto de Intaf agora é dar un paso máis na dixitalización e na industria conectada: “Somos moi conscientes das oportunidades que ofrece esta panca de competitividade”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS