As galiñas dos ovos de ouro están en Lugo
Cada galego consume unha media de 254 ovos ao ano. Non faltan en ninguna cesta da compra. É un produto tan básico que podería pensarse que con el está xa todo inventado. Pero non. Granja Campomayor, que en 1945 era una pequena explotación familiar, hoxe é unha referencia no sector alimentario do país polo éxito da súa innovadora oferta, á que acaba de engadir ovos cociñados a baixa temperatura.
Por cada habitante en Holanda hai dúas galiñas. Case 32 millóns en total. É, historicamente, unha das grandes potencias avícolas do mundo pola colaboración entre granxas e o seu esforzo en investigación xenética despois da II Guerra Mundial, cando o conflito asolou o sector en toda Europa e só EEUU e Canadá parecían capaces de seguir adiante con plans de mellora para conseguir exemplares de mellor calidade e máis resistentes aos virus que en España frearon o desenvolvemento da produción de ovos.
De alí chegaron as 300 pitas coas que Granja Campomayor empezou a traballar en 1945. Os seus donos tiñan pouco máis que unha antiga casa de labranza e un cabalo para levar cada 19 de mes unhas 60 ducias de ovos á feira de Palas de Rei, localidade na que hoxe segue situada a granxa. É fácil imaxinar as dificultades para o transporte naquela época cos camiños de terra repletos de fochancas, auténticos inimigos para a fraxilidade dos ovos. ¿Como evitalos? Con visión de futuro. ¿Que mellor que un coche todoterreo para mellorar a distribución e, desa maneira, poder elevar a produción?
A esa primeira grande idea que lle permitiu converterse nos anos 60 na provedora das familias asentadas en Chantada para a construción dun dos maiores encoros de Galicia, o de Belesar, seguíronlle moitas máis nunha aposta continua por sacar novos produtos e formatos.
Granja Campomayor reinventa o ovo, un dos produtos máis básicos da cesta da compra. En 2017 superou os 16 millóns de ducias, aínda que máis que a cantidade, a empresa defende a importancia de crear marca. “Somos unha empresa familiar con máis de 75 anos de experiencia e orgullosa das nosas orixes”, deixa claro Rodrigo García García, o director comercial. “Tentamos mellorar a diario sen perder nunca a ilusión e o noso compromiso co benestar animal –continúa–. Os nosos piares son a calidade, a seguridade alimentaria e a innovación”.
Atención as 24 horas
A busca da calidade empeza polo principio, polas pitas. Unha boa cría dará unha boa poñedeira. Chegan ás instalacións de Granja Campomayor cun día de vida. “Coidamos ao máximo os detalles”, destaca Garcia, en referencia ás temperaturas, alimentación adecuada, unha atención case personalizada as 24 horas do día e controis sanitarios continuos.
A empresa, con medio centenar de traballadores, ten actualmente máis de 700.000 galiñas e o seu obxectivo é seguir aumentando a produción. Vende ovo tradicional e enriquecido con omega 3, campeiro, ecolóxico e tamén de paspallás. Aínda que as vendas se concentran, sobre todo, no mercado nacional, os responsables do grupo alimentario teñen xa planificada a internacionalización apoiándose na ampliación da oferta con produtos cada vez máis sofisticados.
As novas formas de consumo
“Nun primeiro momento pode resultar complexo innovar”, conta Rodrígo García, pola incerteza e o custo que ten, “sobre todo nun produto tan simple e natural como é o ovo. Pero no noso equipo sempre tivemos moitas inquietudes –engade– sobre a versatilidade deste superalimento”.
Proba diso foi a apertura en 2015 da primeira planta de ovo pasteurizado de Galicia para abastecer a industria e a hostalería. O ovo líquido enteiro, a clara e a xema prodúcense por separado, a materia prima é propia e non se utilizan conservantes.
Moi pouco tempo despois, en 2017, Granja Campomayor sorprendeu ao mercado cunha nova liña de elaboración industrial e a comercialización de ovos cociñados a baixa temperatura, que proximamente estará en supermercados de toda España. Non foi sinxelo. “Tivemos que traballar moito porque a vida útil curta complicaba a distribución a nivel nacional e porque é un produto que necesita frío”, detalla o director comercial. Tras moitas probas e investigación, o produto dura agora ata 30 días. O Salón de Gourmets 2017 distinguiuno como o mellor produto innovador e na última edición da feira Alimentaria acadou 5 dos 16 premios entregados, algo inédito.
Tamén recentemente, durante o congreso Madrid Fusión 2018
, Granja Campomayor presentou o proxecto co que cre que “revolucionará o mundo da alimentación”: o ovo hidrolizado. No stand da empresa galega, o popular chef Mario Sandoval debullou os detalles da súa investigación en colaboración co Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para “obter do ovo texturas ata agora completamente descoñecidas”, segundo García.
A clara trátase cunha enzima que rompe as proteínas en fragmentos máis pequenos para preparar elaborados de ovo máis naturais. A súa composición é maioritariamente proteica e non conteñen nin graxas nin azucres. Poden empregarse, ademais, para elaborar snacks, postres, lambetadas e bebidas para diabéticos. “Queda moito traballo por facer, pero estamos moi emocionados”, confesa o director comercial de Granja Campomayor, propietaria da patente do produto.
Gañar a batalla dos custos
A alianza con Sandoval e o CSIC é unha das colaboracións do grupo de Palas de Rei con empresas especializadas e centros tecnolóxicos desde o seu departamento de innovación, onde varios investigadores buscan novas vidas para o ovo.
Co apoio do Programa Principia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación, para impulsar a contratación de tecnólogos e favorecer a demanda nos sectores público e privado de persoal cualificado en actividades de I+D, Granja Campomayor fichou unha bióloga e unha química, as dúas cun máster en Innovación, Seguridade e Tecnoloxía Alimentaria. “É unha gran iniciativa tanto para a empresa como para as traballadoras, que poden impulsar a súa carreira profesional ao mesmo tempo que forman parte de proxectos punteiros de I+D”, valora García. “No noso caso, unhas profesionais tan ben formadas e con tanto entusiasmo –remarca– axudan a sacar adiante produtos que doutra maneira sería moito máis custoso para a empresa”.
Como sucedeu coa compra do todoterreo, unha das primeiras decisións que cambiou a historia de Granja Campomayor, na cabeza da terceira e cuarta xeración familiar dos García a imaxinación non para. Din que as opcións de innovación do ovo “son infinitas”. “O importante é saber tomar decisións conxuntas buscando un obxectivo común”, conclúe o director comercial.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Vídeo relacionado
Subscríbete vía RSS