Si, a beleza está no interior… das superplantas
Os superalimentos son a resposta á crecente preocupación do consumidor por unha vida sa. Todo un fenómeno que está a cambiar a dieta diaria de millóns de persoas. A biotecnolóxica galega Glecex é pioneira no desenvolvemento de extractos naturais e conta cunha liña de produtos saudables que comenzará a exportar en 2018.
Cando o famoso explorador británico David Livingstone descubriu o baobab nas Cataratas Vitoria de Zambia en 1855 dixo que parecía unha cenoria enorme posta do revés. A súa estraña fisionomía alentou unha infinidade de lendas sobre esta especie tropical, á que consideran a primeira árbore en nacer e a máis soberbia. Contan que o baobab se queixou da altura das palmeiras, das vistosas flores das acacias e do sabor dos figos. Así que a natureza, farta de tanto laio, plantouno de novo coa copa baixo terra.
A esa lección de humildade atribúe a cultura popular africana que hoxe, como penitencia, do baobab aprovéitase case todo. Almacena auga para os animais en plena sabana, a cortiza dá fibras moi resistentes, o pole é un potente adhesivo e a súa riqueza en vitaminas e minerais valeulle o alcume de “árbore farmacia”.
Por iso a polpa do froito do baobab é un ingrediente estrela da liña de “superalimentos” Berries&Friends creada pola startup biotecnolóxica galega Glecex, pioneira en España no illamento dos antioxidantes xerados polas plantas para a súa aplicación en alimentación e cosmética.
Mercado en crecemento
“Utilizamos cousas moi diversas: algas, raíces, follas, subprodutos agroindustriais… Tamén de zonas tropicais porque a fitoquímica das plantas adoita ser máis activa, sen descoidar produtos galegos, cos que xa fixemos varios proxectos e temos outros máis en mente”, explica José Manuel Vilariño, cofundador de Glecex.
A combinación dos extractos desas plantas, con alta concentración de principios activos, permite a Glecex diferenciarse no sector e desenvolver compoñentes naturais para substituír os aditivos sintéticos.
“Non sempre é posible tecnicamente substituír todos os aditivos, sobre todo nos alimentos ultraprocesados –continúa Enma Conde, a outra impulsora da empresa–. Evitalos é un dos cambios que debemos acometer para mellorar a saúde e previr enfermidades. O crecemento do interese nos consumidores polos produtos naturais é enorme”.
Do laboratorio á industria
A investigación cruzou a traxectoria de Vilariño e Conde, doutores en Química e Tecnoloxía dos Alimentos e cunha longa experiencia en proxectos tecnolóxicos. Participaron en máis de 80 publicacións científicas. Os dous querían “ir máis aló” do laboratorio e plasmar os estudos “en produtos comercializables”.
Nun campo de innovación custoso polo investimento necesario en equipos e pouco explotado aínda, ¿cal era o camiño máis rápido? Sacar un artigo ao mercado e lograr un retorno inmediato. Os responsables de Glecex quixeron ser máis ambiciosos e buscar formulacións xerais para abrir o abano e fuxir de produtos de vida curta polas tan habituais modas pasaxeiras na cosmética e a alimentación. “Todo isto, sabendo que iamos ter que traballar moitísimo os primeiros anos, pero que iso nos deixaría moi ben situados para conseguir un maior crecemento a medio prazo”, apunta Enma Conde.
Pola súa longa etapa de investigadores coñecían moi ben “todo o bo que poden achegar as universidades galegas”, destaca José Manuel Vilariño. No Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo, situado no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, atoparon o nivel intenso de investigación que demandaban. “Traballar no CITI facilita a colaboración –sinala Vilariño– e é unha maneira de que todos nos beneficiemos”.
Colaboración para avanzar
Colaboración, unha das palabras que máis repiten os dous emprendedores cando falan das principais dificultades para unha empresa coma a súa. Queda, na súa opinión, “moito que avanzar” para fomentar empresas de carácter innovador. “Son proxectos de risco, que poden caer nos primeiros anos por moitas causas, pero tamén serán os que a longo prazo creen empregos estables e de alto valor engadido”, resalta Conde, que apela “ao traballo e a buscar coñecemento nas áreas nas que un non o ten” para superar barreiras como a tramitación burocrática.
Eles atoparon a axuda no Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), “moi activos e cun gran funcionamento”; e en Agrobiotech, o programa de aceleración da Axencia Galega de Innovación (Gain), en cooperación coa Tecnópole
, para apoiar o crecemento sustentable de pemes innovadoras galegas en tres sectores estratéxicos: biotecnoloxía, agroalimentación e biomasa. “Somos unha empresa moi pequena e poder contar cunha formación de expertos en ámbitos tan diferentes como a comercialización, o marketing ou os mercados que non poderiamos desembolsar, evita erros e permite que o teu proxecto chegue a bo termo antes”, valora Vilariño.
Sabor e saúde
Berries&Friends é o primeiro escaparate de Glecex directo ao consumidor. A través da súa tenda online, a empresa vende polpa do froito do baobab, froitas deshidratadas e cacao inca. Son todos alimentos ricos en antioxidantes, vitaminas e fibra, e ricos tamén para o padal. “Non é só alimentarse, é coidarse, manterse máis saudable, pero tamén achegar unha experiencia nova con produtos e sabores exóticos”, afirma Enma Conde.
Glecex logrou productos cunha capacidade antioxidante moi superior á dos arandos ou as moras, recorrendo a materias primas coma o baobab, a aronia e o acaí.
Os ingredientes proceden do comercio xusto con países como Senegal, Perú ou Brasil, e de pequenos produtores con certificado ecolóxico. O maior investimento de Glecex foi o laboratorio de análise e control porque a calidade é, como subliñan, “o noso primeiro criterio de selección”.
Poden servirse en batido, en infusión, quentes e ata en xeado. A web dispón dun receitario para incorporalos á dieta diaria como “unha achega de vitaminas e minerais de forma sinxela e sa”, resume Vilariño.
A próxima participación en feiras de París, Nuremberg ou Londres permitirá a Glecex empezar a exportar en 2018 a outros países e presentar máis variedades, “especiais e diferentes”, para o seu gourmet de superalimentos. “O mercado europeo vai un pouco por diante do español no consumo deste tipo de produtos –engade Conde– e coñecendo a nosa calidade pensamos que conseguiremos boa aceptación”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS