Contedores de deseño para humanizar o lixo
Os contedores son o primero paso na cadea do tratamento dos residuos urbanos. Un servizo moi custoso para os concellos, pero tamén a panca para impulsar a reciclaxe. Tras dúas crises que a obrigaron a reinventarse e cinco anos de investimento en deseño, a empresa ourensá Formato Verde vende os seus innovadores sistemas de almacenamento de lixo a media España, cun incremento anual da facturación do 50%.
Aos donos dos edificios de París e aos trapeiros que vendían o que atopaban tirado non lles gustou nada a decisión de Eugène Poubelle, Prefecto do Sena e con funcións de alcalde, de acabar co costume de botar o lixo nas rúas e nos ríos. Ademais do problema de saúde pública, a cidade arrastraba unha fama terrible pola sucidade e o mal cheiro. A “cidade do barro”, como a bautizou o filósofo Jean-Jacques Rousseau.
Despois de varios intentos errados para mellorar o saneamento, Poubelle ditou o 7 de marzo de 1884 un bando que ordenaba aos donos dos inmobles poñer a disposición do inquilinos tres caldeiros con tapas para deixar o lixo e separar os residuos orgánicos do papel, os téxtiles e a vaixela rota. Era o primeiro sistema de xestión selectiva do lixo. Moitos dos primeiros contedores apareceron esnaquizados cando entrou en vigor a medida, pero ao final funcionou e aínda hoxe aos contedores en Francia chámaselles “poubelle”.
A concienciación sobre a importancia da limpeza nos espazos públicos e a reciclaxe converteron os colectores en protagonistas da paisaxe urbana. O servizo de almacenamento, recollida e tratamento do lixo supón o maior capítulo do gasto nos concellos, e aínda que os contedores levan a porcentaxe máis pequena, o 1,5%, con eles empeza todo.
“O cidadán xulga o sistema de recollida polo colector porque é o único elemento co que interactúa”, destaca Marcos Rodríguez, socio e director comercial de Formato Verde, a empresa galega que nutre de contedores a media España grazas á súa aposta polo deseño e a innovación. A súa estética é inconfundible. Con ela entran polo ollo dos usuarios para mellorar o proceso e polos dos clientes para incentivar as vendas. “Pero logo –apúrase a engadir– hai que demostrar moito máis”.
Volver empezar
A de Formato Verde non é unha historia fácil. Marcos Rodríguez e o outro socio, Santiago Vallejo, crearon a empresa no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole en 2001, concibida inicialmente como unha comercializadora. Nunha feira de temática ambiental conseguiron os dereitos de distribución dun par de modelos de contedores e o negocio aguantou ben ata que en 2005 a competencia aumentou. “O mercado tende de forma natural a eliminar os intermediarios”, explica Rodríguez. Coa experiencia acumulada e sabendo, agora xa si, o que había no sector, decidiron dar o salto á fabricación.
A compañía especializouse en colectores soterrados e a crise volveu colocala en 2010 na corda frouxa. A falta de diversificación, cun só produto, deixouna demasiado exposta ao parón da economía e sen marxe de actuación fronte o desenvolvemento urbanístico das cidades. A facturación caeu un 90% e chegou o momento de reinventarse outra vez. Ademais de vender e fabricar, Formato Verde optou por deseñar para, segundo Rodríguez, “obter un valor engadido moito máis alto”.
Dous anos pasou a empresa centrada en labores de deseño, desde 2010 a 2012, cando recibiron o prestixioso premio internacional Design Award pola súa gama de contedores Bin. O recoñecemento apenas aliviou a situación da caixa. Ata 2015 non lograron ser rendibles. Para entón, cinco anos despois de abrir a nova etapa, o investimento acumulado en innovación ascendía a 3 millóns de euros. Todas as reservas da sociedade.
Máis aló da estética
A gama Bin é o estandarte da ampla gama de produtos que Formato Verde vende na actualidade e que inclúe contedores urbanos á vista ou soterrados, almacenamento de residuos industriais e tamén mobiliario decorativo. Nada escapa á hora de pensar o produto. Os materiais son máis resistentes para alongar a vida útil e aliviar o gasto de renovación para os concellos; e, á vez, máis silenciosos para limitar o ruído na recollida. A aparencia imita á dos recipientes que os fogares teñen na casa para darlles naturalidade. E a composición evita os ocos internos que complican o lavado e o mantemento dos colectores. Por iso nos numerosos concursos públicos gañados pola empresa nos concellos a miúdo son presentados como os contedores “humanizados”.
“Para que o deseño dun produto triunfe, debe ser bonito, barato, de calidade, funcional, cun proceso de fabricación que achegue algunha novidade… –detalla Marcos Rodríguez–. A estética é só unha parte. De nada vale que sexa bonito se custa dez veces máis que o da competencia, se por cada un que fago outros fan cen ou non o podo transportar”.
A clave do seu éxito está na colaboración co estudo de deseño de produto FrutoDS, fundado por antigos estudantes da Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus de Ferrol da Universidade da Coruña. “Sen eles non seriamos capaces de sacar un produto diferencial”, apunta o fundador de Formato Verde.
Cadea de valor
O Big Bin, un dos modelos máis populares, está composto por 81 pezas elaboradas por 8 provedores das catro provincias galegas. As tapas metálicas, por exemplo, veñen de Viveiro. As de plástico de Boiro, Ourense e Pontevedra. Só en empregos directos, Formato Verde dá traballo a 95 persoas. “Así pechamos o círculo da cadea de valor que empezamos cuns alumnos de deseño que montan unha empresa e todos xuntos –destaca Rodríguez– desenvolvemos un produto de alto valor engadido integramente fabricado en Galicia, axudando ao desenvolvemento do seu tecido industrial”.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia de Galega de Innovación (Gain), o CIS-Madeira e o CIS-Galicia seleccionaron o Big Bin como caso de éxito para o Design for Innovation, un programa financiado pola UE e no que participan outros sete socios europeos co obxectivo de mellorar a competitividade das pemes cun uso máis estratéxico do deseño. “O noso produto converteuse en noticia e iso axuda a transmitir a túa empresa, axuda a vender”, recoñece Marcos Rodríguez. Ese recoñecemento valeulle tamén a presentación do seu proxecto no I Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial, organizado por Gain o pasado mes de xuño en Ferrol como punto de partida do novo Programa de Deseño para a Innovación 2020 da Xunta.
Formato Verde, con sede agora en Pereiro de Aguiar (Ourense), alcanzou en 2015 o mínimo de vendas para ser rendible con 3000 contedores. Desde entón, a facturación acumula un crecemento medio por ano do 50%. A previsión para este 2018 é chegar a 10.000. Aínda que a empresa pechou algúns contratos puntuais en países como Francia ou Arabia Saudita, o próximo 2019 será o exercicio da saída en firme ao exterior cun novo modelo do Bin, o Back Bin, coas características máis demandadas neste tipo de colectores noutros países.
A empresa pasou de ser importadora a que sexan outros distribuidores os que busquen os seus produtos. “A xente dime moitas veces que tivemos unha boa idea. Non é verdade –afirma Marcos Rodríguez–. Tivemos a peor do mundo, pero é moi difícil estar nunha cadeira e que se che ocorra unha. As cousas funcionaron cando aprendemos. É difícil innovar naquilo que non dominas”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS