A túa cara é o pin máis seguro
Abrir unha conta bancaria, comprar un teléfono, mesmo alugar unha habitación de hotel. Todo isto é posible facelo xa cun simple clic do rato. Pero a dixitalización implica tamén un reto para a seguridade nos servizos que non poden ser anónimos. Quen está comprando? Gradiant creou unha tecnoloxía de recoñecemento facial que permite verificar a identidade dos clientes.
A primeira vez que Alphonse Bertillon explicou o seu sistema para fichar delincuentes coa medición de varias partes do corpo e co rexistro de tatuaxes e cicatrices acabou durmindo aos seus superiores. A oratoria non era o punto forte deste policía francés. Fillo dun antropólogo, Bertillon sabía que certos ósos deixan de crecer na idade madura e que non existen dúas persoas exactamente iguais. E o tempo deulle, en parte, a razón. En febreiro de 1883 logrou demostrar que un detido que xuraba carecer de antecedentes era en verdade un preso fuxido.
Conseguiuno moitas veces máis, a pesar de que non tardaron en saír á luz as debilidades da súa idea, como o manexo de demasiados datos ou o risco dunha medición incorrecta. Aínda así, considérase a Bertillon o pai da biometría: o recoñecemento das persoas polas súas características fisiolóxicas ou de comportamento. Películas como Star Wars, Misión Imposible, Matrix, Minority Report e a saga de James Bond dispararon a popularidade deste método de identificación das persoas con aplicacións como a apertura de portas a través do ollo.
Lonxe de ser ciencia ficción, a biometría é unha realidade e unha aliada do mundo online. Cada vez contratamos máis servizos a través dunha web ou dunha aplicación. “A biometría pode xogar un papel na loita contra a fraude, dotando tanto ao cliente como ao provedor de medidas adecuadas”, explica Esteban Vázquez, responsable de Biometría de Gradiant, que desenvolveu a tecnoloxía FaceIDNN para a verificación dun usuario comparando a súa cara coa da foto do DNI, do pasaporte ou do carné de conducir.
As funcións do cerebro
O centro tecnolóxico galego leva anos traballando no recoñecemento facial para conseguir sistemas mellores, máis robustos e aptos para diferentes usos. FaceIDNN emprega a chamada aprendizaxe automática ou deep learning, baseada en modelos matemáticos potentes capaces de aprender problemas complexos, en grandes volumes de datos e en servidores de gran capacidade. Os algoritmos que manexa imitan a cadea de funcións do cerebro humano cando recoñece caras ou voces.
Desde o teléfono móbil, coa aplicación FaceIDNN sácase unha foto ao DNI e logo o sistema pídelle ao usuario que mire á cámara para comprobar que coincide. A diferenza dos dispositivos que requiren a pegada dactilar, o usuario neste caso non ten que facer nada; e é máis seguro que os códigos pin, que poden esquecerse ou roubarse. “A solución é válida para calquera sector ou servizo que necesite unha alta online e un documento de identidade: a apertura dunha conta bancaria, a contratación dun seguro, o aluguer dun coche ou dun apartamento turístico, o check-in nun hotel, o acceso a un recinto, a compra dun smartphone…”, describe Miguel Moure, encargado de Desenvolvemento de Negocio en Gradiant.
A resposta do mercado
En todos eses sectores FaceIDNN espertou moito interese, segundo os directivos de Gradiant. De feito, o centro colaborou coa empresa viguesa Roommatik, especializada na fabricación de sistemas de auto check-in para hoteis, para probar esta tecnoloxía nun contorno real durante a última edición da Feira Internacional de Turismo (Fitur). O hóspede selecciona a habitación nunha pantalla táctil e a aplicación verifica a identidade. “Desta maneira pódese conseguir que para certo tipo de establecementos hoteleiros e clientes se faga un check-in a calquera hora e axudar a reducir colas en momentos de moita afluencia”, afirma Moure.
As feiras tecnolóxicas están a impulsar a comercialización internacional de FaceIDNN. Gradiant estivo no popular CES de Las Vegas, o Mobile World Congress de Barcelona e, máis recentemente, no Connect:ID2018 de Washington. “O éxito superou as nosas expectativas”, asegura Moure, que adianta que este ano xa pecharon a súa presenza en novos eventos sectoriais de Europa, Latinoamérica e EEUU, tres mercados nos que o sistema está a ter unha grande acollida.
“Como caso curioso, iniciamos contactos cunha empresa americana que traballa no desenvolvemento do fogar intelixente de cara a proporcionarlles a tecnoloxía de recoñecemento facial para que calquera dispositivo que dispoña dunha cámara, como un xoguete, un robot ou unha neveira, poida recoñecer os membros da familia e interactuar con eles”, conta o responsable de Desenvolvemento de Negocio de Gradiant.
O futuro da seguridade
FaceIDNN foi desenvolvido ao amparo do programa Ignicia que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), promove en colaboración coa Fundación Barrié para facilitar a chegada ao mercado dos resultados de proxectos de investigadores galegos. “Está a ser de grande axuda no percorrido dese camiño que vai desde a tecnoloxía nun estado próximo ao mercado ata un produto validado e aceptado, que na maioría de casos é onde quedan moitos proxectos e empresas”, sinala Miguel Moure.
Esa é a transición clave en proxectos coma este. “Moitas veces é difícil entender, captar e adecuar o produto a eses nichos de mercado e oportunidades onde realmente está o negocio –engade Moure–. Por iso nós captamos talento non só na área de investigación, senón tamén de profesionais que nos complementen e axuden coa posta no mercado da nosa tecnoloxía”.
E o mercado pide innovación constante nas técnicas de recoñecemento para afrontar os retos da dixitalización da sociedade. “Existen dúas directivas que están a poñer o foco na seguridade e, indirectamente, promovendo o uso da biometría”, indica Esteban Vázquez. A directiva AML de loita contra o branqueo de capitais esixe a identificación do cliente en servizos financeiros online e a PSD2 para regular a prestación de pagos tamén a través de internet obriga a achegar polo menos dúas probas da identidade do usuario. “A biometría –destaca Vázquez– está destinada a xogar un papel moi importante”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS