A dixitalización é unha viaxe que necesita un bo guía
O investimento en TIC das empresas galegas superou os 364 millóns en 2017, un 80% máis que o ano anterior. A dixitalización é un proceso imparable e complicado á vez porque afecta a todas as áreas dunha empresa. Coa súa aposta pola innovación continua, Enxenio consolidouse como partner tecnolóxico con solucións a medida para a modernización dos seus clientes.
Moito antes de que a editorial americana Blue Ribbon rexistrase o termo pop-up como marca en 1932, existía xa unha longa tradición de libros con figuras tridimensionais, pestanas e lapelas no interior para dar profundidade ás imaxes. En 1306, por exemplo, o filósofo mallorquín Ramón Llull incluíu un disco xiratorio con símbolos e palabras para apoiar as súas teorías sobre a existencia de Deus a través da numeroloxía no ensaio “Ars Magna”. Relixión, astronomía, navegación, anatomía, arte, arquitectura… Todas as temáticas rendéronse ás posibilidades dos despregables.
Curiosamente, a que maior proveito sacou dos tamén chamados libros móbiles, a literatura infantil, foi a máis atrasada en adaptalos. Os primeiros exemplares non apareceron ata o século XVIII, precursores do libro interactivo que tanto furor esperta hoxe entre os nenos. A editorial OQO
soubo ver pronto o enorme potencial do formato dixital para os lectores máis pequenos. Tras varios recoñecementos ás súas obras en papel –foi a primeira editorial galega premiada na prestixiosa Feira do Libro Infantil de Bolonia–, decidiu ampliar a súa oferta con novos soportes.
Ao seu lado estivo Enxenio, consolidado con tan só década e media de vida como provedor de referencia de tecnoloxías da información. “Levamos a innovación no ADN”, afirma o seu director xeral, Eduardo Rodríguez López. A empresa impulsou un proceso de modernización transversal de toda a organización grazas ao InnovaPeme, o programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para reforzar a competitividade das pemes co apoio a plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3.
Aptitude e actitude dos profesionais
Enxenio naceu en 2003, froito da idea dun grupo de enxeñeiros emprendedores do Laboratorio de Bases de Datos da Universidade da Coruña (UDC). A aquel proxecto orixinal para unha empresa de desenvolvemento de software os seus fundadores foron sumando as necesidades que ían detectando no mercado ata converterse nunha firma de servizos integrais. Non só desenvolve tecnoloxía a medida para cada cliente. Encárgase tamén da fase previa de consultoría para analizar que problemas deben resolverse e dá soporte e mantemento posterior.
“Cando un cliente contacta connosco, o que realmente necesita non é tanto un equipo de programación –sostén Eduardo Rodríguez–, senón un partner tecnolóxico de confianza que o poida asesorar e acompañar durante a súa transformación dixital”. Que non é precisamente unha viaxe sinxela. “Un dos maiores riscos é a perda do enfoque por parte do equipo técnico sobre os obxectivos de negocio do cliente e para evitalo necesitas persoas que, ademais da elevada capacidade técnica, sexan capaces de entender o negocio do cliente e asumir como seus os obxectivos”, engade o director xeral de Enxenio.
Por iso a empresa, cun cadro de persoal formado por 25 enxeñeiros superiores e graduados en informática, busca perfís profesionais comunicativos e capaces de traballar en equipo. “Nun sector tan competitivo como as TIC –insiste Rodríguez López– o éxito está ligado ao talento”.
Da distribución á literatura
Ademais do proxecto que permitiu a OQO dispoñer dunha plataforma propia para contidos dixitais sen depender de ningún intermediario na creación e distribución, Enxenio traballou con outras coñecidas empresas e administracións. Para Vegalsa-Eroski
, líder en Galicia do sector de supermercados, puxo en marcha varias aplicacións destinadas ao control de calidade, a recollida de información e a xestión de promocións e descontos nos seus establecementos.
Gesuga
, dedicada ao transporte e o tratamento de restos de animais de explotacións gandeiras e de mascotas, recorreu a Enxenio para mellorar a planificación dos seus roteiros –cada día recibe uns 600 avisos de recollidas– e a mobilidade dos seus traballadores. Da empresa tecnolóxica con sede na Coruña é tamén a dixitalización da enciclopedia “Historia da Literatura Galega” da Asociación Socio-Pedagóxica de Galicia
; e o arquivo dixital do Grupo de Investigación Valle-Inclán
da Universidade de Santiago de Compostela (USC) con preto de 4.500 documentos e 80.000 imaxes, distinguida como mellor ferramenta nos premios da Asociación Humanidades Dixitais Hispánicas
de 2018.
“Sempre hai unha parte común que consiste en entender a fondo o negocio e as necesidades do cliente, analizar os requisitos funcionais e do contexto no que o sistema terá que funcionar, como as restricións tecnolóxicas, de seguridade ou a capacitación dos usuarios”, explica o director xeral de Enxenio.
Unha etiqueta de I+D
Nunha referencia ás súas orixes no Laboratorio de Bases de Datos da UDC, co que manteñen aínda unha estreita colaboración, a empresa aglutina toda a súa actividade de I+D+i baixo a marca denominada Enxenio Labs para proxectar así a importancia da innovación e a transferencia internamente e cara aos clientes e colaboradores.
“Estamos permanentemente vixiantes para identificar e integrar no noso catálogo as novas tecnoloxías que maior valor achegan aos nosos servizos”, di o director xeral da empresa, onde a innovación vai máis aló dos produtos tecnolóxicos para guiar tamén a organización e o negocio. Un dos avances conseguidos coa participación no InnovaPeme foi, de feito, a certificación da xestión de I+D conforme ás normas internacionais ISO. “Co incremento da automatización dos procesos, a estandarización de tecnoloxías e as boas prácticas de desenvolvemento e operación, agora somos máis produtivos, o que nos permite ofrecer custos máis competitivos e desenvolver software de maior calidade”, resume Eduardo Rodríguez.
Enxenio traballa actualmente coa multinacional DEKRA
e a UDC na creación de solucións innovadoras para a transformación dixital do sector expert field services, que reúne a empresas de xestión de recursos humanos, seguimento de existencias ou control de asistencia técnica, entre outras funcións. “É un proxecto moi ambicioso que nos permite adentrarnos nalgunhas das disciplinas que marcarán o futuro da industria do software, como a intelixencia artificial, a minería de datos ou a comunicación en streaming”, sinala Rodríguez.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS