Granxas intelixentes para mellorar a vida das vacas e de quen as coida
«A innovación é a base para facer máis levadío o duro traballo da gandería».
Cando Elmega naceu hai case 50 anos, o sector lácteo en Galicia parecíase pouco ao que é hoxe. E parte da súa transformación débella a esta fabricante de solucións tecnolóxicas a medida, que ensaia a innovación da man dos propios gandeiros e gandeiras. Entre outros produtos, a empresa deseña cortes automatizadas e un arrefriador de leite que é un éxito de vendas en Europa e América do Norte.
Elmega presume de raíces. “De terra de gandeiros”, proclama a empresa de Santa Comba (A Coruña) nas viaxes por medio mundo para asistir ás principais feiras de maquinaria agropecuaria. Desde a Cimag-GrangAgro de Silleda á Dairy Expo de Wisconsin (EEUU), pasando pola Figan de Zaragoza ou a Eurotier de Hannover (Alemaña).
Nacer nunha das comarcas máis leiteiras de Galicia, a comunidade autónoma que concentra o 41 % da produción en España, imprime carácter e pon á súa disposición unha contorna privilexiada para deseñar e fabricar solucións tecnolóxicas e elementos estruturais a medida das necesidades reais das granxas.
“Estamos man a man con eles, falando en todo momento para saber como podemos facilitarlles o traballo”, conta Soraya Otero, coadministradora e responsable de exportación. Forman un tándem de innovación perfecto. Os gandeiros e gandeiras acoden cun problema. O departamento de produción de Elmega estuda se existe xa algunha ferramenta no mercado susceptible de mellora ou pode sacar un novo produto máis eficiente e axustado á demanda. Son eles, “os clientes de toda a vida”, os encargados de probar os prototipos. “A confianza mutua permítenos ter aquí mesmo o mellor laboratorio de ensaios posible”, encomia Otero.
Especialización no momento xusto
Soraya e a súa prima María José Otero herdaron dos seus pais o negocio e a empatía polas difíciles tarefas no campo. Os dous, emigrantes en Suíza, tiñan formación industrial. Regresaron a Galicia en 1975, coincidindo “co auxe das ganderías lácteas. Viron que era o momento perfecto para empezar a fabricar equipamentos para as cortes”, lembra a encargada do negocio exterior de Elmega, unha das poucas empresas do norte e centro da península especializadas en dar un servizo integral a explotacións gandeiras.
O seu catálogo supera as 3.000 referencias. Ofrece todo o que en xeral necesitan os produtores: elementos estruturais das cortes, sistemas de muxido e dispositivos de limpeza de xurros. “Dispoñemos dunha rede de distribuidores en 40 países para estar sempre preto dos clientes”, sinala Soraya Otero.
Innovación constante do produto estrela
A historia de éxito de Elmega e a evolución tecnolóxica do sector lácteo poderían resumirse no seu artigo estrela. Hai máis de 30 anos que a empresa fabrica un innovador intercambiador de calor para arrefriar o leite. Empezou cun formato moi básico, o adecuado para o perfil das ganderías daquel momento, moito máis pequenas. Lonxe de acomodarse coa boa resposta do mercado, “o produto está en constante evolución –explica Soraya Otero– e as melloras de deseño e de prestacións permiten agora alcanzar presións e temperaturas altas”.
Está elaborado con aceiro inoxidable. Límpase co dispositivo de lavado da propia sala de muxido e non necesita mantemento. “Se cadra aos 10 ou 15 anos fai falta un pequeno axuste”, describe Otero. Ademais do bloqueo da proliferación de bacterias polo arrefriado instantáneo do leite, outra das súas principais vantaxes é a redución considerable do consumo de enerxía do tanque, “algo moi valorado entre os compradores de Europa e América do Norte, que levan moito tempo apostando pola eficiencia e que notamos tamén agora en España”.
A automatización entra nas granxas
A tecnoloxía made in Elmega parécese moito á domótica nas casas. Crea granxas intelixentes para favorecer o benestar dos animais e aliviar a carga laboral dos gandeiros. De feito, a comodidade está moi presente nas salas de muxido, onde cada espazo se concibe en función dos movementos habituais das vacas e dos traballadores.
Todos os modelos poden equiparse coa identificación automática de cada vaca, a súa estimulación e a retirada dos puntos de muxido; e con medición electrónica do caudal e da temperatura do leite, entre outras funcións. A automatización ao servizo dunha gandería máis competitiva: “Buscamos reducir os tempos de muxido e a man de obra”, asevera Soraya Otero.
Por que innovar?
Elmega entende o oficio de fabricante “como unha misión”. Unha idea que estivo moi presente no case medio século que esta empresa do corazón da comarca do Xallas leva poñendo o seu gran de area para mellorar a eficiencia e a competitividade do campo galego. “Como dicía un slogan antigo que tiñamos, trátase de producir máis, con maior calidade e menos esforzo”, apunta a coadministradora, Soraya Otero, unha convencida de que o sector primario está aberto sempre aos cambios. “A nosa innovación como fabricantes vai unida á innovación das granxas –destaca–. É a base para facer máis levadío o traballo da gandería que antes era tan duro, e tamén para mellorar o benestar dos animais”.
Na súa pel viviron o salto do traballo artesanal á revolución tecnolóxica. O parque de maquinaria está “en constante renovación” porque só así, coas ferramentas dixitais e a incorporación de tecnoloxías de última xeración, “é posible manter as mesmas medidas e as calidades exactas nas series grandes de produción coas que traballamos”.
Visualiza e descarga a reportaxe en PDF.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS