Coa innovación no ADN para chegar ata o espazo… e ás Fiji
O futuro das empresas é a innovación. Pero para Egatel xa vén sendo o núcleo da súa actividade desde hai 25 anos. A empresa ourensá pasou de ser unha pequena tecnolóxica a vender os seus produtos en máis de 40 países. A última novidade é un módem de comunicacións por satélite en colaboración con Eutelsat.
A historia da publicidade galega garda un capítulo destacado para a campaña coa que a Xunta
estreou o eslogan de Galicia Calidade en 1991. Tivo tanto éxito que o lema se transformou nun certificado global de calidade, ao servizo aínda hoxe das empresas que deseñan e elaboran aquí os seus produtos.
Os modelos protagonistas do anuncio visten roupa, italiana? “Galega”, corrixe o narrador. Beben viño, francés? Galego. O abrigo de pel é… canadense? Galego. As xoias son holandesas? Galegas. E o marisco? Claro, é galego. “Algo se move en Galicia, que rompe tópicos”, resume o vídeo ao final.
Un cuarto de século despois, a campaña tamén podería incluír os transmisores de Televisión Dixital Terrestre (TDT) máis populares en España ou un módem de comunicacións por satélite innovador en tecnoloxía e prezo. Xaponeses? Alemáns? Non, galegos. De Ourense, desde onde Egatel vende os seus produtos do sector das telecomunicacións a máis de 40 países.
“O tópico dilúese”, apunta Javier Taibo, director xeral da compañía. “As empresas galegas empezamos a vernos co mesmo potencial que os competidores –engade–. É unha esixencia adicional, que nos obriga a presentar os últimos avances tecnolóxicos a un prezo moi competitivo”.
O empuxe da TDT
A innovación é marca da casa. O seu ADN. A compañía apostou desde o inicio por crear tecnoloxía propia “para competir tanto local como globalmente” e ofrecer cada vez máis solucións ás demandas da distribución de audio e vídeo (broadcast) e, agora, das comunicacións por satélite (satcom).
Aquel pequeno negocio orientado a sectores domésticos de recepción por satélite e microrrepetidores analóxicos deu un paso de xigante en 1999. Egatel converteuse no principal provedor de transmisores de TDT en España nas primeiras fases de implantación da tecnoloxía. “Abriunos as portas a todos os proxectos de televisión dixital no país e ao apagamento tecnolóxico”, lembra Taibo. Isto permitiulle a Egatel ser a primera empresa do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) que daba o salto desde o viveiro empresarial a un edificio propio no mesmo recinto, a súa sede corporativa ata a actualidade. É por isto tamén que Egatel e Tecnópole comparten este ano a celebración do seu 25 aniversario.
A integración en 2006 en Comsa Corporación, o segundo grupo español non cotizado do negocio das infraestruturas e da enxeñería, proporcionoulle a Egatel o músculo necesario para o crecemento internacional.
España era naquel momento pioneira no despregamento da TDT e a empresa aproveitou a exitosa experiencia acumulada para lanzarse ao exterior, apoiándose nun “grande impulso comercial” para afianzar a imaxe de marca.
Hoxe hai “Egateles” en medio planeta. Desde México ata Tanzania, pasando por Marrocos ou as exóticas Illas Fiji, a última perla da súa internacionalización. A curto e medio prazo, teñen moitas expectativas postas no mercado de EEUU e na gran novidade do catálogo: o módem de comunicacións por satélite Smart LNB, “co que avanzamos –afirma José Manuel Martínez Mariño, director de Vendas e Marketing– na moi necesaria diversificación na que estamos a investir desde hai uns anos”.
O negocio espacial
A través da Axencia Espacial Europea (ESA) e outros importantes actores do sector, Egatel entrou en contacto con Eutelsat, un dos principais operadores de satélites de comunicacións do mundo. O sector resultaba moi atractivo para a compañía nesa estratexia de explotar o seu know-how e ampliar as liñas de negocio.
“Tras gañar un proceso competitivo no que participaron empresas de varios países, Eutelsat adxudicounos o proxecto e traballamos man a man con eles para sacar ao mercado un produto innovador”, relata Francisco Javier Valdés, director de Innovación. A alianza trouxo consigo a acreditación do Ministerio de Innovación de Francia
a Egatel como “empresa innovadora e con alta capacidade de I+D”.
O resultado, o Smart LNB, é un produto disruptivo para servizos de televisión conectada, internet das cousas (IoT) e comunicación máquina a máquina (M2M). Está orientado a actividades profesionais –transaccións bancarias, vendas e vixilancia, entre outras– e ao mercado de consumo para funcións de televisión, domótica ou tecnoloxías aplicadas á saúde.
“O deseño tivo en conta desde o principio estas aplicacións para optimizalo e que o custo do módem e a tarifa mensual do servizo sexan moi competitivos en comparación cos sistemas de comunicación por satélite tradicionais ou as alternativas terrestres”, conta Valdés.
35% do persoal, en I+D
O corazón de Egatel que bombea a innovación a toda a compañía está no departamento de I+D. Nel traballa o 35% dos 61 empregados, pero hai enxeñeiros e técnicos cualificados no resto dos departamentos “porque concibimos a innovación nun sentido amplo”, segundo destaca Valdés.
O 14% de todos os ingresos da última década reinvestiuse en I+D. Iso, e dispor de “talento creativo e de deseño acostumado á evolución continua dos productos”, permite, en opinión dos responsables de Egatel, “reaccionar rapidamente a un mercado con necesidades cambiantes”, explorar máis produtos e colaborar coas tres universidades galegas e os centros tecnolóxicos Aimen, CTAG, Gradiant e ITeam de Valencia en proxectos de comunicacións marítimas, avións non tripulados e coche conectado.
Cal é o principal obstáculo a bater nunha empresa como Egatel? A ampliación de prazos de entrega dos compoñentes por parte dos provedores. “É un reto que afrontamos con planificación e busca de alternativas”, din os directivos.
O recoñecemento dunha marca internacional
Egatel cumpre 25 anos recibindo por terceira vez a máxima valoración do índice InnoBench, co que a Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Zona Franca de Vigo miden o desempeño innovador das empresas galegas a partir dun amplo abano de variables como a tecnoloxía, o produto, o emprego ou a organización interna, para que coñezan a súa posición competitiva e o seu potencial de mellora.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS