Non todas as bacterias son malas, hai unha que pode sacar o mellor sorriso
Hai poucas enfermidades máis comúns que a carie. A partir dos 64 anos, unha persoa ten de media 14 dentes danados. Á limpeza e a unha dieta sa súmase agora un protector para a saúde bucodental patentado pola Fundación Biomédica Galicia Sur a partir dunha bacteria descoñecida ata agora e que foi descuberta grazas á colaboración de persoas con síndrome de Down.
É posible imaxinar un colutorio que funcione como preventivo contra a carie e dé freo para o contaxio a outras pezas? Pois niso traballa un dos grupos de investigación da Fundación Biomédica Galicia Sur tras descubrir unha bacteria boa capaz de loitar contra outra mala, a principal causante da carie. “O produto é moi potente e o mercado e a necesidade están aí”, apunta Nerea Alonso, responsable de Innovación da entidade mixta Xunta-Universidade de Vigo. “Tivemos a sorte de que todo se aliñou –remarca– e de contar co financiamento para sacalo ao mercado”. Unha sorte que apareceu case no minuto un do proxecto.
Este gran paso para a saúde bucodental foi un dos proxectos seleccionados na convocatoria de 2016 de Ignicia, o programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), en colaboración coa Fundación Barrié, para acelerar e aumentar os casos de éxito de transferencia ao mercado do traballo dos investigadores galegos e impulsar a creación de emprego de alta cualificación. “Só que exista é importante porque apenas hai respaldos públicos a proxectos que están nunha fase como na que estabamos nós e porque o asesoramento é continuo –valora Nerea Alonso–. Pero ademais permite financiar calquera actividade xustificada para a transferencia, como a contratación de persoal ou a xestión da patente, e iso non é habitual”.
A bacteria escondida
A microbioloxía é unha das áreas máis potentes na Fundación Biomédica Galicia Sur. Ás súas mans chegou a investigación liderada por Pedro Diz, catedrático de Estomatoloxía e responsable do grupo de Odontoloxía en persoas con necesidades especiais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), para buscar a resposta a por que as persoas con síndrome de Down padecen menos carie que o resto da poboación. Partiron da idea de que o colectivo podería ter unha maior cantidade do estreptococo dentisani na boca. É una bacteria que produce unha substancia inhibidora doutras especies bacterianas causantes da carie, sobre todo o estreptococo mutans.
A sorpresa foi maiúscula cando saíu á luz unha nova bacteria. “Un estreptococo similar ao dentisani, pero que ademais ten unha aplicación moi importante para a xenxivite”, explica Lucía Martínez, investigadora do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A flora bucal é unha gran descoñecida. De feito, aínda que hai varias causas probables, non se sabe a razón concreta pola que o estreptococo mutans provoca a carie. Unha parte importante das bacterias presentes na boca está sen catalogar. “Antes utilizábanse métodos de cultivo que son pouco selectivos –conta Martínez–. Agora hai técnicas de secuenciación masiva que permiten identificar a todos eses bichos que estaban sen nomear”. Para este, o CECT 9174 en terminoloxía científica, propúxose a denominación de estreptococo downii en recoñecemento á fundamental achega do colectivo.
Casos máis graves e halitose
Que a bacteria descuberta sexa efectiva tamén contra outras doenzas da boca abre aínda máis o nicho de poboación ao que pode ir dirixido o tratamento. “É enorme”, confirma Lucía Martínez. “A maior incidencia da carie vai ata a fase adulta –indica– e a partir desas idades é cando hai máis problemas de periodontite”. O novo estreptococo funciona fronte aos casos máis graves de inflamación das enxivas que poden derivar nunha piorrea e mesmo contra a halitose.
As bacterias servirán de ingrediente para un probiótico. A fórmula final (unha pasta de dentes, un chicle ou un colutorio, entre outras opcións) será decisión da empresa coa que a Fundación Biomédica Galicia Sur negocia a transferencia dos resultados da súa investigación, xa patentados. “O mercado dos probióticos está eclosionando e a empresa ten un grande interese neste ámbito”, asegura Nerea Alonso. Polos acordos de confidencialidade non é posible desvelar demasiado. Todo quedará listo antes de que acabe o ano. “O obxectivo é ser un dos primeiros no mundo con este produto”, avanza Alonso.
A historia da odontoloxía
A Pierre Fauchard bastáronlle unhas cantas ferramentas típicas de xoieiros, reloxeiros e barbeiros para cambiar a historia da odontoloxía. Na súa época, a finais do século XVII, o instrumental dos dentistas era moi rudimentario e daba para pouco máis que extraer unha moa. Salvar unha peza dental parecía un milagre ata que o médico francés adaptou todos eses utensilios e puido colocar con éxito por primeira vez empastes de chumbo e zinc.
Despois inventou unha innovadora dentadura postiza e mesmo unha primitiva ortodoncia elaborada con ouro. Fauchard denominábase a si mesmo “dentista cirurxián” e plasmou a súa defensa da odontoloxía como unha auténtica disciplina científica nun extenso manual de 863 páxinas onde detallou un principio básico aínda hoxe para a saúde bucodental: os ácidos derivados do azucre provocan carie.
Só o arrefriado supera a carie na clasificación de enfermidades infecciosas no mundo. En España afecta ao 92% dos adultos de entre 35 e 44 anos, segundo o Consello Xeral de Dentistas. A partir dos 64 anos, a media sitúase en 14 dentes dañados por persoa.
Este descubrimento, polo tanto, servirá, sen dúbida, para a mellora da saúde bucodental.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS