O lagostino queda sen segredos, pero co bigote
A acuicultura é unha das actividades de produción de alimentos con maior crecemento no mundo. Achega, segundo a FAO, o 50% do peixe consumido. Ante o reto de facela cada vez más eficiente, Deicom Technologies desenvolveu un sistema para predicir o comportamento das especies e optimizar a cría que Pescanova xa está a utilizar nas súas granxas de lagostinos.
“Sería dun ben inmenso o que á nosa patria lle reportaría ao cultivo racional das súas augas, hoxe case estériles ou incompletas, e casualmente produtivas”, escribiu Mariano de la Paz Graells nun pioneiro manual sobre a cría de peixes e crustáceos, publicado en 1864 “por orde da súa Maxestade o Rei”. A acuicultura moderna naceu en España co amparo de palacio. O médico e naturalista, artífice do desenvolvemento das Ciencias Naturais no século XIX, atopou en Francisco de Asís de Borbón, marido da monarca Isabell II, un aliado entusiasta para impulsar “esta utilísima industria”. Xuntos construíron a primeira piscifactoría do país no Real Sitio de San Ildefonso (Segovia), dotada cun laboratorio e cun viveiro para “poboar de peces comestibles as augas doces do territorio español”.
De la Paz mantiña unha estreita relación con Galicia. El foi o responsable dunha das investigacións máis antigas sobre o fondo do litoral galego para buscar os motivos do declive dos cultivos de ostras. En Exploración científica das costas do departamento marítimo de Ferrol centra a súa atención na zona de Ortigueira, onde propuxo a instalación dun parque modelo de ostreicultura para impulsar a produción do molusco e a formación dos mariscadores.
Século e medio despois, a acuicultura está tan integrada no sector pesqueiro galego que non se entendería unha imaxe das rías sen as bateas dos mexillóns. A produción medrou un 11,5% en 2017, ata os 278 millóns de quilogramos; e tamén aumentan as especies, coa introdución do abalón e o linguado como principais novidades. Ningunha das dúas cousas é fácil. As granxas deben reproducir os ecosistemas naturais e nalgúns casos hai moitísimos factores que condicionan o éxito do criadeiro. O lagostino é o mellor exemplo. “Inflúen cuestións ambientais, o tamaño, a alimentación, a xenética, a aparición de enfermidades… Que existan tantas variables complica a xestión, reduce a eficiencia e, por tanto, a rendibilidade”, explica Adriana Vázquez, CEO de Deicom Technologies, a empresa galega provedora de tecnoloxía e servizos de enxeñería que acaba de crear un sistema preditivo que deixa ao aire todos os segredos deste coñecido crustáceo para optimizar o seu cultivo.
Ver o futuro
A startup acaba de cumprir seis anos. Despois de traballar xuntos en varios proxectos de redes dixitais de alta velocidade e no lanzamento coa Universidade de Vigo do Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español, os fundadores de Deicom Technologies decidiron aproveitar os seus coñecementos para probar sorte na industria e no ámbito das smartcities.
“A nosa empresa ofrece solucións tecnolóxicas que van desde a sensorización ás comunicacións, pasando pola explotación e a xestión de datos”, explica Vázquez. Contan coa súa propia plataforma IoT para interconectar os dispositivos –incluídos rede inalámbrica, servidores e bases de datos–, que sustenta a maioría dos produtos que fan para os clientes. “O valor engadido está en poder desenvolver ferramentas preditivas a partir de modelos de aprendizaxe automática”, detalla a CEO. Miden e fan seguimento tanto das condicións operativas dun equipo para adiantarse a posibles fallos, coma da cadea produtiva ao completo para tomar mellores decisións, perfeccionar os procesos ou axustar o consumo de recursos.
É o máis parecido a que unha empresa poida ver o futuro. Para conseguilo, a startup con sede en Vigo bota man do big data e a intelixencia artificial, aínda que, asegura Gabriel González, outro dos fundadores, “máis aló do mantra que todo o mundo repite sobre o seu cada vez maior uso. Como pasa con todas as ferramentas –engade–, hai que saber como e cando utilizalas correctamente”.
O momento óptimo
Pescanova conseguiu para o seu novo anuncio do Nadal algo que nin sequera lograra a vitoria da selección española de fútbol no Mundial de 2010. Era habitual preguntarlle ao entón seleccionador, Vicente del Bosque, se afeitaría o bigote en caso de gañar. Non o fixo… ata agora. O spot suma a fazaña do entrenador coa recuperación do icónico Rodolfo Lagostino na campaña que defende que o bigote certifica que a pesqueira galega escolle só os mellores lagostinos.
Esta especie de crustáceo está no ADN da compañía asentada en Chapela, unha das maiores produtoras do mundo de lagostino vannamei. As súas plantas en Nicaragua, Ecuador e Guatemala integran todo o proceso, desde a obtención de larvas selectas ata a cocción final. “Incorporamos os datos históricos das granxas á nosa plataforma para crear unha ferramenta de análise preditiva que permita prognosticar os resultados dos cultivos e facelo no momento óptimo”, explica a CEO de Deicom Tecnhologies, gañadora do reto proposto por Pescanova na segunda convocatoria do Galicia Open Future_Retos Industria 4.0.
O programa está promovido por Telefónica en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar o sector industrial de Galicia mediante a conexión entre o novo talento emprendedor e as empresas tractoras da comunidade. Son elas as que expoñen retos do seu negocio para buscar remedios innovadores baseados na tecnoloxía que axuden á súa transformación dixital. “Participamos na primeira edición e quedamos moi satisfeitos co trato e co apoio –di Adriana Vázquez–. Deste novo formato hai que destacar a posibilidade de presentar respostas ás necesidades reais de empresas de referencia a nivel mundial”.
A pesqueira quería coñecer o comportamento do lagostino para facer máis eficiente a cría e a startup ideou un modelo que combina ferramentas clásicas, coma a estatística, “con outras de última xeración, por exemplo as redes neuronais profundas que fan uso do big data”, describe Gabriel González. O sistema identifica cales son os factores que máis inciden no cultivo dos lagostinos. Pero esa, ao igual que o resto de detalles, é información confidencial.
Para outras especies e sectores
A ferramenta xa está a ser utilizada actualmente e é adaptable ao cultivo doutras especies, pero tamén a outros sectores para mellorar a produción e o mantemento dunha fábrica. Deicom Technologies dá un paso máis nas súas liñas de negocio, tras un amplo labor de consultoría de I+D, de confección de redes de comunicación a medida ou do seu coñecido proxecto Deicom Retail de análise masiva de datos sobre o comportamento dos clientes para maximizar a rendibilidade das tendas.
“Unha empresa pequena enfróntase, sobre todo nas súas orixes, sempre ao mesmo problema: onde conseguir recursos. O noso camiño foi o crecemento orgánico, é dicir, buscar clientes”, apunta González. E cal é a clave? “Paciencia, resistencia, moitas ganas e ir formando relacións, dándolles confianza aos socios e clientes para poder crecer de forma sustentable”, responde.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS