Galletas invencibles no boca a boca
Por moi sinxela que poida parecer unha idea, se detrás hai planificación, innovación e comunicación, o proxecto pode dar tantas alegrías como as que está a ter Daveiga coas súas xa coñecidas Galletas Mariñeiras. A empresa naceu en 2005 con cinco empregados e hoxe ten 67, cunha facturación de case cinco millóns de euros. A súa meteórica traxectoria mereceu a atención do “Financial Times” e demostra que o rural ten futuro.
Moito antes de escribir “Don Quixote da Mancha”, a Miguel de Cervantes non lle quedou outro remedio que buscarse a vida cunha infinidade de empregos e pagar as débedas contraídas pola súa familia polo rescate do seu encarceramento en Alxer. Foi soldado, criado, contable e mesmo recadador de impostos para abastecer de alimentos á Armada Invencible española. “Indo á vila de Écija, faga moer e labrar biscoito para as devanditas provisións e para outros efectos importantes do servizo do Rey o noso señor […], tendo entendido que Miguel de Cervantes Saabedra […] farao co coidado e presteza que isto require”, recolle a orde ditada o 15 de xuño de 1588 por Antonio de Guevara, membro do Consello Real de Facenda.
O transcendental biscoito encargado ao manco de Lepanto nada tiña de doce, a pesar de que tamén se lle chamaba galleta. Realmente era pan, pero cocido dúas veces para facelo máis resistente á humidade nos barcos durante os longos períodos en alta mar. A cada membro da Armada Invencible correspondíalle diariamente libra e media, xunto cunha pinta e un terzo de viño.
O pan de barco viaxa polo mundo agora reinventado en galleta artesanal e base de canapés por Daveiga, unha das empresas que máis está a dar que falar no próspero sector agroalimentario galego. “A orixe, tan curiosa, permitiu diferenciar o noso produto doutros de panadería que había xa no mercado”, conta Xosé Lois Lamazares, o director xeral.
Daveiga está inmersa nestes momentos na consolidación da súa área de I+D, na procura de envases máis sustentables e na súa internacionalización grazas ao InnovaPeme, o programa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para impulsar a competitividade das pemes apoiando os seus plans de innovación aliñados coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a RIS3. “Sen este apoio, para a pequena e mediana empresa sería complicado iniciarse no mundo da I+D e crear estrutura empresarial”, apunta Lamazares.
Traballadores e socios
Fariña de trigo, manteiga, aceite de oliva virxe extra, sal e pouco máis. Todas as materias primas das Galletas Mariñeras son naturais, sen ningún aditivo. Como sucede en cada historia de emprendemento, nos ingredientes de Daveiga mestúranse a intuición e un pouco de sorte, amasadas no seu caso co espírito familiar. Tres dos seis irmáns Lamazares querían levar adiante algún proxecto empresarial vinculado ao campo e a idea definitiva xurdiu nunha visita a outro irmán residente en Bos Aires e panadeiro de profesión. “Alí démonos conta de que este concepto de produto, unha galleta salgada sen azucres engadidos, podería ter potencial no mercado español”, lembra o director xeral da empresa.
A dispoñibilidade de chan e o potencial agroindustrial de Chantada acabaron convencendo aos fundadores para instalarse alí en 2005 como sociedade limitada laboral. Que diferencia esta fórmula mercantil do resto? A integración dos traballadores no capital. “De forma consciente apostamos por este modelo de xestión para que os empregados fosen socios –explica Xosé Lois Lamazares–. Teñen un salario acorde ao labor que desempeñan, equiparable á media do sector e, a maiores, participan no beneficio e nas decisións”.
A fortaleza do posicionamento
Daveiga empezou con cinco empregados. Na actualidade ten 67, repartidos en dúas quendas para sacar unha media de 5000 quilogramos diarios de Mariñeiras. Case desde os primeiros pasos, no obradoiro do Polígono Industrial “Os Acivros” implantouse o Sistema Integrado de Calidade, Medio Ambiente e Seguridade Alimentaria, destinado a garantir as condicións óptimas das galletas e o aproveitamento dos recursos locais.
Tanto a produción sustentable como o modelo laboral axudaron a promocionar a marca, un deses excepcionais casos de éxito nos que un determinado produto acaba coñecéndose por unha denominación comercial grazas á súa gran popularidade. “Tratamos de que o nome fose o elemento principal de comunicación para protexer as galletas porque patentalas era inviable”, afirma Lamazares.
Daveiga non escatimou esforzos en degustacións. Ségueo facendo aínda agora. O boca a boca ten moito que ver na rapidez coa que as Mariñeiras –orixinais tamén na súa forma ondulada para marcar distancias con outras crackers– se meteron nos fogares galegos e en Portugal, os seus dous principais mercados, xunto coas sinerxías que achegan a canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafeterías) ou as cestas de Nadal.
Exemplo en Europa
A guinda á meteórica carreira de Daveiga foi a súa aparición nas dúas últimas listas do Financial Times coas empresas europeas de crecemento máis acelerado, man a man con firmas tecnolóxicas ou compañías apoiadas por grandes fondos de investimento. De algo aparentemente tan sinxelo como a recuperación dunha galleta salgada xurdiu unha empresa que facturou case cinco millóns de euros en 2018. E todo desde o interior de Galicia, o único mérito que o seu director xeral quere destacar. “No rural, se se cre e aposta por el, claro que hai futuro! E moitas oportunidades”, recalca.
Na súa filosofía de innovación constante, as Mariñeiras súmanse ás novas tendencias de consumo cunha liña bio, un selo vegano e a incorporación de sementes de chía, liño, quinoa e ata fariña de alga. Quédalle tanta marxe para expandirse en España e no extranxeiro, que Daveiga prevé manter un crecemento superior ao 10% os próximos anos. Mentres, avanza no plan de dixitalización do obradoiro no marco da súa aposta pola industria 4.0. “O éxito de calquera proxecto, empresarial ou non, pasa por unha boa planificación inicial, achegar innovación á sociedade, traballar cos pés na terra e unha perspectiva a longo prazo”, receita Xosé Lois Lamazares.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS