Tecnoloxía para mellorar a vida das persoas
Unha das características da tecnoloxía de DIVERSA é a súa alta versatilidade, de aí que teña interese no desenvolvemento de solucións terapéuticas para enfermidades raras, moitas delas pediátricas, que precisan ser abordadas de forma urxente.
Máis de 300 millóns de persoas no mundo, dos que 3 millóns viven en España, conviven cunha enfermidade rara. Segundo a Federación Española de Enfermidades Raras, só un 5% das máis de 6.172 identificadas en Europa teñen tratamento. É por iso que atopar novos medicamentos é fundamental para mellorar a vida destes doentes e as súas familias.
Neste eido traballa DIVERSA, unha spin off do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela e do SERGAS que contou co apoio do Programa Ignicia, dedicada á comercialización de reactivos para a liberación de fármacos e biomoléculas. Trátase dunha tecnoloxía adaptada para que poida ser formulada en calquera laboratorio de investigación, sen necesidade de equipamentos especiais e con protocolos de uso extremadamente sinxelos, o que permite aos investigadores e investigadoras asociar fármacos, péptidos ou proteínas para estudar os seus efectos terapéuticos dunha forma rápida e accesible. Deste modo, contribúe ao estudo de novas terapias desde as fases máis iniciais que teñen lugar nos laboratorios de centros de investigación e universidades.
Reducir a fenda para a aplicación clínica
Unha das características da tecnoloxía de DIVERSA é a súa alta versatilidade, de aí que teña interese no desenvolvemento de solucións terapéuticas para enfermidades raras, moitas delas pediátricas, que precisan ser abordadas de forma urxente: neste sentido colaboran con grupos de investigación expertos aos que proporcionan a tecnoloxía para a investigación de medicamentos e tecnoloxías a base de proteínas e ARN mensaxeiro.
Isto encaixa coa visión de DIVERSA: reducir a fenda entre o descubrimento de fármacos e a aplicación clínica; e a súa misión: solucionar as limitacións das moléculas terapéuticas facendo uso da súa tecnoloxía. Os proxectos nos que está implicada a compañía xorden de grupos de investigación expertos nestas enfermidades, que están ademais en contacto directo coas asociacións de pacientes, o que lles permite contribuír á creación de medicamentos para doenzas que, nunha alta porcentaxe, debutan na idade pediátrica.
Emprego estable e altamente cualificado
María de la Fuente, cofundadora de DIVERSA xunto con Abi Judit Vázquez e Rafael López, explica que o Programa Ignicia, da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Axencia Galega de Innovación e en colaboración coa Fundación Barrié, permitiulles constituír a firma cunha proposta de valor claramente definida e un produto maduro, listo para comercializar, e establecer unha rede de colaboradores estratéxicos e alianzas desde un primeiro momento: “Tamén nos axudou a formarnos e identificar os perfís necesarios para completar as nosas competencias”. Así, en DIVERSA foron capaces de incorporar talento e actualmente contan cun grande equipo de seis persoas e está previsto aumentar o cadro no 2023: “É moi gratificante saber que, ademais de contribuír ao desenvolvemento de novos medicamentos a través da nosa tecnoloxía, tamén o facemos en outros aspectos de alto impacto socioeconómico, xerando postos de traballo estables con persoal altamente cualificado”, explica De la Fuente.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS