A fábrica do futuro que naceu do pasado da tele
A Industria 4.0 é o equivalente para a empresa ao profundo proceso de dixitalización que vive a sociedade no seu conxunto. A adaptación é, segundo os expertos, irrenunciable para todas as que queiran seguir adiante. En Televés, máis que unha cuestión de supervivencia, aspiran a que o cambio de modelo permita reforzar o seu liderado no sector tecnolóxico e ampliar a súa actividade a outros nichos de mercado como a aeronáutica, as comunicacións 5G e os servizos sociais.
Polas probas de emisión de TVE
desde un chalé do madrileño Paseo da Habana foron pasando Carmen Sevilla, Ángel de Andrés, Fernando Santos e outros populares artistas da época, ata que a última hora da tarde do 28 de outubro de 1956 o xornalista David Cubedo anunciou o comezo da programación regular. Durou apenas un par de horas naquela xornada inaugural, coa icónica carta de axuste acompañada da sintonía “Homenaxe a Arbós”, de Manuel de Falla. En España había entón ao redor de 600 aparellos receptores.
Un deles estaba na rúa Montero Ríos de Santiago de Compostela. Alí, coma noutros grandes casos de éxito de emprendedores tecnolóxicos, nun garaxe daba os seus primeiros pasos un futuro referente do sector. Farmacéutico de profesión, pero apaixonado das telecomunicacións, Ricardo Bescansa Martínez convenceu ao seu amigo Amador Beiras, axente comercial, para lanzarse á comercialización dunha gama de antenas deseñadas por el mesmo e sacar proveito do mercado aberto pola chegada da televisión a España. Así naceu Televés.
“A fabricación e a innovación forman parte do ADN da empresa desde a súa fundación e iso é unha vantaxe para a adaptación ao modelo industrial 4.0”, apunta José Manuel Álvarez, xestor de Innovación, Proxectos e Consorcios en Televés. A compañía está en plena transformación dixital. O rol de actor protagonista no sector fai que moitos outros operadores teñan a empresa como exemplo no camiño á chamada cuarta revolución industrial. “Encántannos os retos –engade Álvarez– e este está feito á nosa medida”.
Afán pola actualización
Con máis de medio século de historia, Televés viviu xa internamente outras pequenas revolucións industriais. O grupo formado por 22 empresas foi pioneiro na aplicación da montaxe superficial de compoñentes (o método máis usado na actualidade para a construción de dispositivos electrónicos) e na incorporación de robots ás liñas de fabricación.
A aposta pola actualización continua dos procesos industriais permitiulle que co made in Galicia poida plantarlles cara ás grandes potencias tecnolóxicas mundiais. Ten 11 filiais internacionais e exporta os seus equipos de distribución de servizos de telecomunicacións a un centenar de países. As vendas ao exterior representan o 60% da facturación.
“Queremos facer da Industria 4.0 unha oportunidade para reforzar o noso liderado no sector que constitúe o corazón do noso negocio, a distribución de sinais de radio e televisión, e para introducirnos e consolidarnos en novos sectores de actividade e nichos de mercado con grande potencial de crecemento”, indica José Manuel Álvarez, que prevé que o empuxón dixital fará a Televés “máis eficiente, competitiva, flexible, sustentable e próxima aos nosos clientes e á sociedade”.
Novo ecosistema de traballo
Na estratexia a medio e longo prazo para a adaptación de Televés ao modelo industrial 4.0 destaca o proxecto Corp4Future, dotado cun investimento inicial de 23 millóns de euros para catro anos. Estrutúrase en cinco macroactividades que aglutinan 747 liñas de actuación apoiadas en novas tecnoloxías como a internet das cousas e o big data, baixo o paradigma da denominada “fábrica intelixente”. Cada innovación concíbese como unha peza que debe encaixar no novo ecosistema de traballo, “capaz –segundo Álvarez– de facer fronte aos custos dos mercados emerxentes nunha contorna que garante a máxima calidade, seguridade e confidencialidade ante terceiras empresas”.
Os responsables de levar adiante o Corp4 Future fixeron un diagnóstico da situación das relacións cos clientes, do proceso de fabricación e, en xeral, de todo o negocio. Para os puntos clave de mellora identificados, o proxecto marca un reto e analiza que tecnoloxías están dispoñibles para avanzar cara a excelencia dos procesos. En moitos casos, Televés realiza despois un desenvolvemento propio das tecnoloxías existentes ou combínaas.
Na “fábrica intelixente” de Televés, por exemplo, a robótica colaborativa vai permitir que os operarios e as máquinas poidan traballar simultaneamente nunha mesma tarefa dentro da cadea de produción, conectados a través de interfaces físicos con aplicacións de realidade aumentada para facilitar a interacción entre ambos.
As novas funcións e tarefas implican un salto cualitativo e cuantitativo na área de recursos humanos. Televés afronta este reto coa adaptación do seu persoal actual, integrado por 790 empregados, e con novas incorporacións. A previsión inicial de desenvolvemento de 120 novos perfís laborais queda curta a estas alturas. Serán máis contratacións. “É un dos aspectos máis complexos polas dificultades para atopar persoal coas titulacións que necesitamos”, afirma Álvarez. Por iso a compañía colabora coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia en programas como DigiTalent para incentivar vocacións tecnolóxicas e coas universidades para achegar aos estudantes e os mozos titulados á realidade laboral.
Músculo para a diversificación
O Corp4Future atravesou o seu ecuador. O grao de execución das medidas alcanza o 62%. O proxecto foi un dos seleccionados na primeira edición do Programa Industrias do Futuro 4.0 – Fábrica Intelixente da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) para apoiar grandes proxectos empresariais de I+D+i de carácter estratéxico para o tecido industrial galego. “Foi fundamental para a posta en marcha da iniciativa e sentímonos satisfeitos e orgullosos da confianza”, valora Álvarez.
Hai xusto un ano, Televés volveu dalgunha maneira ás súas orixes coa emisión experimental en colaboración con RTVE e Cellnex Telecom dunha canle en ultra alta definición desde o centro emisor do Monte Pedroso. O modelo 4.0 dará aínda máis músculo á súa capacidade industrial para avanzar na diversificación dos seus produtos cara ás comunicacións 5G, a aeronáutica, as smart cities ou os servizos sanitarios. “É un proxecto que claramente marca o presente –resume José Manuel Álvarez– e definirá o futuro da compañía”.
Imaxes relacionadas
Premendo en calquera das imaxes vense, e poden descargarse, a tamaño completo.
Subscríbete vía RSS